Decreto 252/1994, do 29 de xullo, polo que se crean as Xerencias de Atención Primaria da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a súa estructura directiva.

A publicación do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, supón un cambio substancial no xeito de entende-la atención primaria, tanto na súa organización como na utilización dos recursos e funcións que se vaian realizar.

A gran tarefa por desenvolver nos próximos anos na atención primaria na nosa Comunidade Autónoma é transforma-lo anterior sistema de organización do novo modelo de atención, coas características de humana, próxima, profesionalizada, participativa e de calidade, na que se traballe por obxectivos e na que os profesionais se sintan orgullosos de a prestaren e os cidadáns satisfeitos de a recibiren.

A asistencia sanitaria é a misión fundamental do Servicio Galego de Saúde. Tódolos recursos humanos físicos e económicos, deben de supeditarse á consecución dunha asistencia sanitaria de calidade que dea resposta ás demandas e necesidades da poboación.

A asistencia sanitaria no nivel primario ten como obxectivo inmediato trata-las persoas, individualmente e no seu conxunto, que sofren ou potencialmente poden sufrir un trastorno na súa saúde, tanto na vertente de promoción como de prevención e recuperación, sendo necesario para iso que os profesionais teñan o espacio, o tempo, os medios e a formación axeitados.

Faise necesaria unha estructura directiva das xerencias de Atención Primaria próxima e profesionalizada que, baixo as directrices da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Sergas e en sintonía cos profesionais, axuden a estes no desempeño do seu labor asistencial do xeito máis eficiente posible.

O obxecto do presente decreto é fixa-la estructura directiva marco das xerencias de Atención Primaria, sen prexuízo de que para cada xerencia se concrete especificamente a súa estructura con posterioridade, tendo en conta criterios de distribución poboacional, de extensión territorial e as necesidades asistenciais.

Por todo iso e co fin de acada-lo disposto no citado Decreto 200/1993, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, en uso das competencias atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de xullo de mil novecentos noventa e catro,

 

DISPOÑO:

 

1. Xerencias de Atención Primaria.

Créanse as seguintes xerencias de Atención Primaria na Comunidade Autónoma de Galicia: A Coruña-Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Pontevedra-Vigo.

O seu ámbito xeográfico e poboacional correspóndese co das áreas de saúde que a continuación se indican:

1. Xerencia de Atención Primaria da Coruña-Ferrol: áreas de saúde da Coruña e Ferrol.

2. Xerencia de Atención Primaria de Santiago de Compostela: área de saúde de Santiago de Compostela.

3. Xerencia de Atención Primaria de Lugo: áreas de saúde de Lugo, Monforte de Lemos e Cervo.

4. Xerencia de Atención Primaria de Ourense: áreas de saúde de Ourense e O Barco de Valdeorras.

5. Xerencia de Atención Primaria de Pontevedra-Vigo: áreas de saúde de Pontevedra, O Salnés e Vigo.

 

2. Estructura directiva.

1. Á fronte de cada Xerencia de Atención Primaria existirá un director xerente.

2. Dependendo xerárquicamente do director xerente existirán o director asistencial e o director de Xestión e Servicios Xerais.

3. Do director asistencial dependerá directamente o director ou directores médicos, ou, se é o caso, o subdirector ou subdirectores médicos; o director ou directores de Enfemería, ou, se é o caso, o subdirector ou subdirectores de Enfermería, e mailos técnicos de saúde.

4. Do director de Xestión e Servicios Xerais dependerá o subdirector ou subdirectores de Xestión e Servicios Xerais.

 

3. Director xerente.

1.O director xerente, que é o responsable da atención primaria no seu ámbito, será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais. O dito posto proverase a través do procedemento de libre designación mediante convocatoria pública, entre os que posúan titulación superior universitaria e se encontren vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estutaria ou laboral. Tamén se poderá prover mediante a formalización do contrato laboral previsto no Real decreto 1.382/1985, do 1 de agosto, logo de convocatoria pública no D.O.G., a que figuren como requisitos mínimos posuír titulación superior universitaria e non encontrarse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas e profesionais.

2. Corresponderalle, no seu ámbito de actuación, o exercicio das seguintes funcións:

- O desenvolvemento e implantación do modelo de atención primaria da Comunidade Autónoma previsto no Decreto 200/1993, do 29 de xullo, así como o desenvolvemento do tódolos plans de atención primaria aprobados pola consellería e o Sergas.

- Garanti-la adecuada prestación dos servicios que lle son propios.

- A dirección, coordinación, supervisión e avaliación de tódalas actividades da xerencia.

- A adopción das medidas necesarias para acada-los obxectivos que se lle sinalen pola Consellería de Sanidade e Servicios sociais e o Servicio Galego de Saúde, así como a formulación de propostas para o mellor cumprimento dos obxectivos xerais.

- A dirección da xestión dos recursos humanos e económicos.

- A elaboración da proposta anual do anteproxecto de gasto da xerencia.

- A elaboración da memoria anual de actividades así como de informes periódicos.

- A elaboración e envío dos datos de información para a xestión sanitaria marcados pola subdirección xeral de Atención Primaria en colaboración coa Dirección Xeral de Organización Sanitaria.

 

4. Director asistencial.

1. O director asistencial será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais por proposta do director xerente correspondente. O dito posto proverase a través do procedemento de libre designación mediante convocatoria pública, entre os que posúan o título de licenciado en medicina e cirurxía e se encontren vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estatutaria ou laboral. Tamén se poderá prover mediante a formalización do contrato laboral previsto no Real decreto 1.382/1985, do 1 de agosto, logo de convocatoria pública no D.O.G., na que figurarán como requisitos mínimos posuí-lo título de licenciado en medicina e cirurxía e non encontrarse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas e profesionais.

2. Corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

- A dirección, coordinación, supervisión e avaliación de tódolos programas e actividades asistenciais desenvoltos pola organización actual, así como polas unidades e servicios de atención primaria que se vaian creando ó amparo do Decreto 200/1993, do 29 de xullo.

- A colaboración no desenvolvemento da carteira de servicios de atención primaria e a dirección da súa implantación.

- A dirección e coordinación das comisións asistenciais e de calidade que se contitúan na xerencia.

- A coordinación e avaliación da docencia e investigación.

- A avaliación da calidade da asistencia.

- A suplencia do director xerente nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante, así como o exercicio das funcións que aquel lle puidese delegar.

 

5. Director de Xestión e Servicios Xerais.

1.O director de Xestión e Servicios Xerais será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais por proposta do director xerente correspondente. O dito posto proverase a través do procedemento de libre designación mediante convocatoria pública, entre os que posúan titulación superior universitaria e se encontren vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estutaria ou laboral. Tamén se poderá prover mediante a formalización do contrato laboral previsto no Real decreto 1.382/1985, do 1 de agosto, logo de convocatoria pública no D.O.G., na que figuren como requisitos mínimos posuír titulación superior universitaria e non encontrarse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas e profesionais.

3. Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

- A dirección, coordinación e supervisión da actividade económico-administrativa.

- A asistencia técnico-administrativa ós demais órganos da xerencia.

- A xestión do persoal.

- A asistencia técnico-administrativa na elaboración da proposta anual de gastos.

- A dirección, coordinación e supervisión de tódalas áreas de apoio á actividade sanitaria, tales como: mantemento, subministración, limpeza, seguridade, obras, instalacións, etc.

- A suplencia do director xerente en caso de ausencia, enfermidade ou vacante, en defecto do director asistencial.

- Todas aquelas outras non sanitarias que lle delegue o director xerente.

3. Do director dependerá o subdirector ou subdirectores de Xestión e Servicios Xerais e serán nomeados polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais por proposta do director xerente correspondente. Os ditos postos proveranse a través do procedemento de libre designación mediante convocatoria pública entre os que posúan a titulación superior ou de grao medio universitaria e se encontren vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estutaria ou laboral.

 

6. Director médico.

1. O director ou directores médicos, e se é o caso, os subdirectores, serán nomeados polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais por proposta do director xerente correspondente. Os ditos postos proveranse a través do procedemento de libre designación mediante convocatoria pública, entre os que posúan o título de licenciado en medicina ou cirurxía e se encontren vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estatutaria ou laboral.

2. Ó director médico corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

- A dirección, coordinación e supervisión das actividades médicas.

- A suplencia do director asistencial nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante, sen prexuízo do previsto no artigo 5º 2, así como o exercicio das funcións que aquel lle puidese delegar.

 

7. Director de Enfermería.

1. O director ou directores de Enfermería, e que se é o caso os subdirectores, serán nomeados polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais por proposta do director xerente correspondente. Os ditos postos proveranse a través do procedemento de libre designación en convocatoria pública, entre os que posúan o título de diplomado universitario en enfermería-axudante técnico sanitario, e se encontren vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estutaria ou laboral.

2. Ó director de Enfermería correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

- A dirección, coordinación e supervisión das actividades de enfermería.

- Todas aquelas outras que lle delegue o director asistencial.

 

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

 

Primeira.- Os servicios especiais de urxencia quedan integrados nas estructuras das xerencias de Atención Primaria, nos respectivos ámbitos territoriais.

 

Segunda.- Nas xerencias de Atención Primaria da Coruña-Ferrol e de Pontevedra-Vigo poderá haber dous directores asistenciais e de Xestión e Servicios Xerais.

 

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

 

Mentres non se desenvolva a concreta estructura de cada Xerencia de Atención Primaria continuará vixente a prevista na actualidade.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Autorízase á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para concretar por orde, logo de informe da Consellería de Economía e Facenda, a estructura específica de cada xerencia no marco fixado no presente decreto, así como para acumular provisionalmente unha ou máis direccións xerencias e a totalidade ou parte do resto da súa respectiva estructura directiva, e igualmente dicta-las disposicións e adopta-las medidas necesarias para o seu desenvolvemento e execución.

 

Segunda.- O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.