Decreto 179/1984, do 27 de decembro, sobre prevención do bocio endémico.

 

O problema das enfermidades carenciais constitúe, malia os avances científicos e tecnolóxicos da época, unha constante mesmo en países e comunidades con niveis de desenvolvemento axeitados. A maior parte das veces, este problema responde máis a hábitos nutricionais instituídos que a unha insuficiente alimentación cuantitativa. De aí a importancica de irmos establecendo unhas pautas de conducta que, amais de modificar costumes, permitan os aportes cualitativos precisos, capaces de previ-la doenza ou atenua-los seus efectos.

Nesta orde de cousas, cómpre sinalar que o bocio endémico representa, na Comunidade Autónoma de Galicia, un compoñente específico no problema das enfermidades carenciais. O feito da súa notable incidencia e prevalencia, así como a súa asociación epidemiolóxica ó cretinismo, á xordomudez e mais á deficiencia mental, á marxe dos efectos patolóxicos concretos que pode acarrexa-la destrucción progresiva do elemento secretor da glándula, xustifica o emprender unha serie de accións das que resultará unha prevención eficaz e unha alta rendabilidade sanitaria e social.

A Xunta de Galicia, consciente da importancia do tema e seguindo as directrices da Organización Mundial da Saúde, coñecidos unha serie de datos indicativos da existencia de bocio endémico, en cotas preocupantes de incidencia e prevalencia, acorda a promulgación do presente Decreto sobre prevención da enfermidade e regulación das accións encamiñadas a este fin.

En virtude das competencias determinadas no Estatuto de Autonomía de Galicia e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, a proposta da Consellería de Sanidade e Consumo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de decembro de mil novecentos oitenta e catro,

 

DISPOÑO:

 

1. Establécese a obrigatoriedade de que sexa iodado o sal que se consuma nos centros escolares tanto públicos como privados, que dispoñan de servicios de comedor así como nos comedores de empresas públicas ou que perciban axudas con cargo a fondos públicos, radicados no territorio da Comunidade Autónoma.

 

2. En tódolos centros sanitarios o sal iodado formará parte da dieta diaria agás criterio facultativo en contra en casos específicos de enfermidade.

 

3. A Xunta de Galicia, a través das súas Consellerías e en especial as de Sanidade e Consumo e Industria e Comercio, impulsarán e estimularán ós establecementos de venda de productos alimenticios para que inclúan o sal iodado entre as súas ofertas.

 

4. O envasado, etiquetado e rotulación do sal iodado farase conforme o Real Decreto 1424/1983, do 27 de abril. No envase deberá figura-la data de envasamento.

 

5. Facúltase á Dirección Xeral de Saúde Pública para a dirección, control e coordenación do Programa de prevención e erradicación do bocio endémico en Galicia.

No tocante ós centros escolares, a Consellería de Sanidade e Consumo comunicaralle á de Educación e Cultura os resultados derivados da execución do Programa.

 

6. A Dirección Xeral de Saúde Pública avaliará periodicamente os resultados obtidos coa aplicación do presente Decreto e establecerá as medidas técnicas de inspección necesarias que garanticen o cumprimento do mesmo.

 

DISPOSICIÓNS FINAIS

 

Primeira.- O presente Decreto entrará en vigor ós tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

Segunda.- Facúltase ó Conselleiro de Sanidade e Consumo para dictar cantas disposicións cumpran para o desenvolvemento e execución deste Decreto.