Decreto 303/1990, do 31 de maio, polo que se desenvolve a Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma.


A disposición derradeira primeira da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma, autoriza á Xunta de Galicia para dicta-las normas de carácter regulamentario e demais disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento da devandita lei.

A citada lei creou, dentro dos corpos de Administración especial previstos pola Lei da función pública de Galicia, dúas escalas: a escala sanitaria de atención primaria e especializada e a escala de saúde pública e Administración sanitaria.

Unha das principais características do persoal sanitario ó servicio desta Comunidade Autónoma constitúe, sen dúbida, a variedade e multiplicidade do dito persoal sanitario, con funcións e réximes xurídicos específicos e diferentes entre si que aconsellan, para racionalizar e ordena-la xestión do devandito persoal, un desenvolvemneto regulamentario da devandita Lei 17/1989 que efectúe o encadramento nas escalas das distintas subescalas, clases e especialidades dos funcionarios sanitarios que se crean por este decreto, e conseguir deste xeito un esquema claro e operativo que asegure a prestación eficaz do servicio público de sanidade.

En consecuencia, en uso das atribucións que me confire o artigo 37.2 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e logo de consulta coa representación do persoal na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Sanitario e coa Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e por proposta conxunta das Consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Sanidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia en sesión celebrada o día trinta e un de maio de mil novecentos noventa,

 

DISPOÑO:

 

1. Intégranse no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia dentro da escala sanitaria de atención primaria e especializada os funcionarios que á entrada en vigor da Lei 17/1989, do 23 de outubro, ocupen postos de traballo no ámbito da atención primaria e especializada da saúde que pertenzan ó grupo A do artigo 19.1 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

 

2. Dentro do dito corpo a citada escala subdivídese, ademais, nas seguintes subescalas:

1.- Subescala de atención primaria. Integranse nela tódolos funcionarios que á entrada en vigor da Lei 17/1989 ocupen postos de traballo no ámbito da atención primaria da saúde e cumpran os requisitos establecidos no artigo 1 do presente decreto.

Pertencen a esta subescala as seguintes clases de funcionarios:

a) Médicos titulares.

b) Médicos xeneralistas.

c) Médicos especialistas en pediatría e as súas áreas específicas que exerzan o seu labor no ámbito da atención primaria de saúde.

2.- Subescala de atención especializada. Intégranse nela tódolos funcionarios que á entrada en vigor da Lei 17/1989, ocupen postos de traballo no ámbito da atención especializada de saúde e cumpran os requisitos establecidos no artigo 1 do presente decreto.

Pertencen a esta subescala as seguintes clases de funcionarios:

a) Médicos.- Dentro de esta clase de funcionarios existirán, tamén, amais dos médicos xeneralistas tantas especialidades como as sinaladas na línea primeira do anexo do Real decreto 127/1984, do 11 de xaneiro, polo que se regula a formación médica especializada e que se inclúen baixo o epígrafe de especialidades que requiren básicamente formación hospitalaria, se ben, no referente á especialidade de pediatría a as súas áreas específicas, se entende referida unicamente o seu desempeño no ámbito da atención especializada de saúde.

b) Farmacéuticos. Dentro desta clase de funcionarios existirán, ademais, tantas especialidades como as sinaladas no grupo primeiro do artigo terceiro do Real decreto 2708/1982, do 15 de outubro, polo que se regulan os estudios de especialización e a obtención do título de farmacéuticos especialistas e que se inclúen baixo o epígrafe de especialidades que requiren basicamente formación hospitalaria.

c) Químicos que exerzan o seu labor no ámbito da atención especializada de saúde.

d) Biólogos que exerzan o seu labor no ámbito da atención especializada de saúde.

e) Psicólogos que exerzan o seu labor no ámbito da atención especializada de saúde.

 

3. Intégranse no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia dentro da escala de saúde pública e administración sanitaria, os funcionarios que á entrada en vigor da Lei 17/1989, do 23 de outubro, ocupen os postos de traballo a que se refire a alínea B do artigo 2 da citada lei e pertenzan ó grupo A do artigo 19.1da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, sen prexuízo do disposto na disposición transitoria quinta e na disposición adicional do presente decreto.

 

4. Dentro de dito corpo pertencen á citada escala, ademais, as seguintes clases de funcionarios:

a) Farmacéuticos titulares.

b) Veterinarios titulares

c) Licenciados en medicina e cirurxía que exerzan o seu labor dentro do ámbito da saúde pública e administración sanitaria.

d) Licenciados en farmacia que exerzan o seu labor dentro do ámbito da saúde pública e administración sanitaria.

e) Licenciados en veterinaria que exerzan o seu labor dentro do ámbito da saúde pública e administración sanitaria, sempre que non pertenzan a un corpo ou escala adscrito a outra consellería.

f) Licenciados en ciencias químicas que exerzan o seu labor dentro do ámbito da saúde publica e administración sanitaria.

g) Licenciados en ciencias biolóxicas que exerzan o seu labor dentro do ámbito da saúde pública e administración sanitaria.

h) Licenciados en psicoloxía que exerzan o seu labor dentro do ámbito da saúde pública e administración sanitaria.

 

5. Intégranse no corpo facultativo de grado medio da Xunta de Galicia, dentro da escala de atención primaria e especializada, os funcionarios que á entrada en vigor da Lei 17/1989, do 23 de outubro, ocupen postos de traballo no ámbito da atención primaria e especializada de saúde e pertenzan ó grupo B do artigo 19.1 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

 

6. Dentro do dito corpo a citada escala subdivídese, ademais, nas seguintes subescalas:

1.- Subescala de atención primaria. Intégranse nela tódolos funcionarios, que á entrada en vigor da Lei 17/1989 ocupen postos de traballo no ámbito da atención primaria de saúde e cumpran os requisitos establecidos no artigo 5.º do presente decreto, e deberán estar en posesión da titulación de axudante técnico sanitario/diplomado universitario en enfermería.

Pertencen a esta subescala as seguintes clases de funcionarios:

a) Practicantes titulares.

b) Matronas titulares.

c) Fisioterapeutas que exerzan o seu labor no ámbito da atención primaria de saúde.

2.- Subescala de atención especializada. Intégranse nela tódolos funcionarios que á entrada en vigor da Lei 17/1989 ocupen postos de traballo no ámbito da atención especializada de saúde e cumpran os requisitos establecidos no artigo 5º do presente decreto.

Pertencen a esta subescala as seguintes clases de funcionarios:

a) Axudantes técnicos sanitarios/diplomados universitarios en enfermería. Dentro desta clase de funcionarios existirán tamén amais do axudante técnico sanitario/diplomado universitario en enfermería básico, tantas especialidades como as sinaladas no artigo 2.1 do Real decreto 992/1987, do 3 de xullo, polo que se regula a obtención do título do enfermeiro especializado.

b) Fisioterapeutas.

c) Terapeutas ocupacionais.

 

7. Intégranse no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia dentro da escala de saúde pública e administración sanitaria, os funcionarios que á entrada en vigor da Lei 17/1989, ocupen postos de traballo a que se refire a alínea 8 do artigo 2 da dita lei e pertenzan ó grupo B do artigo 19.1 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

 

8. Dentro do dito corpo e escala existe, ademais, como clase diferenciada de funcionarios, a de axudante técnico sanitario/diplomado universitario en enfermería.

 

9. Intégranse no corpo de axudantes facultativos da Xunta de Galicia, nas escalas de atención primaria e especializada e de saúde pública e administración sanitaria segundo corresponda, os funcionarios que á entrada en vigor da Lei 17/1989 ocupen postos de traballo no ámbito correspondente ás escalas de atención primaria e especializada e de saúde pública e administración sanitaria e pertenzan ó grupo C do artigo 19.1 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

 

10. Intégranse no corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Galicia, nas escalas de atención primaria e especializada e de saúde pública e administración sanitaria, segundo corresponda, os funcionarios que á entrada en vigor da Lei 17/1989 ocupen postos de traballo no ámbito corrrespondente ás escalas de atención primaria e especializada e de saúde pública e administración sanitaria e pertenzan ó grupo D do artigo 19.1 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

 

11. Intégranse no corpo subalterno da Xunta de Galicia e quedan adscritos á Consellería de Sanidade os seguintes funcionarios transferidos á Xunta de Galicia:

a) Auxiliares psiquiátricos a extinguir.

b) Auxiliares sanitarios a extinguir. Dentro desta denominación inclúense os funcionarios que á entrada en vigor da Lei 17/1989, do 23 de outubro, ocupen postos de traballo de auxiliar sanitario, mozo sanitario, mozo desinfector e auxiliar de laboratorio.

 

12. As distintas escalas creadas pola Lei 17/1989, así como se é o caso, as distintas subescalas, clases e especialidades a que fai referencia este decreto quedan adscritas á Consellería de Sanidade, sen prexuízo do disposto na disposición transitoria quinta e na disposición adicional do presente decreto.

 

13. Salvo nos casos previstos na relación de postos de traballo para os supostos de cobertura polo sistema de libre designación dos postos pertencentes ás escalas de saúde pública e administración sanitaria dos corpos facultativos, superior e de grao medio da Xunta de Galicia, os funcionarios que por este decreto ou no futuro estean integrados nos respectivos corpos, escalas e, se é o caso, subescalas, clases e especialidades distintas daquel no que estean integrados, sen prexuízo do establecido no artigo 61 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

 

14. Os funcionarios transferidos á Xunta de Galicia pertencentes a prazas non escalafonadas e, en xeral o resto dos funcionarios transferidos á Xunta de Galicia que á entrada en vigor da Lei 17/1989, ocupen postos de traballo na Consellería de Sanidade propios da súa profesión ou oficio sanitario, integraranse nos corpos, escalas e se é o caso, subescalas, clases e especialidades, que se crean neste decreto con absoluto respeto ós dereitos inherentes á súa condición, todo iso sen prexuízo do disposto na disposición transitoria primeira.

 

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 

Primeira.- Cando por aplicación do disposto na Lei 17/1989, ou no presente decreto, un funcionario se integre nun corpo e careza da titulación esixida para o ingreso nel, quedará, dentro do corpo de que se trate, escala e, se é o caso, subescala, clase e especialidade, coa condición de a extinguir.

 

Segunda.- A Consellería de Sanidade publicará, no prazo de seis meses contados a partir da entrada en vigor do presente decreto a relación de tódolos funcionarios dela dependentes afectados pola Lei 17/1989 e polo presente decreto, no que se deberá especifica-los corpos, escalas e, se e o caso, subescalas, clases e especialidades reguladas na dita normativa nos que resulten integrados os citados funcionarios.

 

Terceira.- Os funcionarios técnicos do Estado ó servicio da sanidade local transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia a que fai referencia o artigo 1 da Lei 17/1989, e que a través do presente decreto, coas denominacións de médicos, farmacéuticos, veterinarios, practicantes e matronas titulares, se integran nos respectivos corpos, e escalas seguirán, en canto ás súas funcións, e rexeranse polas leis e regulamentos específicos vixentes que lles son de aplicación e manterán idéntico réxime xurídico ó existente para os ditos colectivos á entrada en vigor da Lei 17/1989, respetaránselle-los dereitos inherentes a súa condición, mentres a Xunta de Galicia non faga uso da potestade normativa que posúe ó respecto.

O establecido nesta disposición transitoria será de aplicación ó persoal interino que ocupe postos pertencentes ás ditas clases de funcionarios e ó persoal que ingrese nelas trala superación do concurso-oposición a que se refiren as disposicións transitoria primeira, segunda e terceira da Lei 17/199.

 

Cuarta.- Mentres non se proceda a reestructura-los servicios farmacéuticos e veterinarios da Comunidade Autónoma e Galicia, os funcionarios pertencentes ó corpo superior facultativo da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e administración sanitaria, clases de farmacéuticos titulares e de veterinarios titulares poderán, por necesidades do servicio, ocupar tódolos postos de traballo pertencentes ó mesmo corpo e escala nas clases de licenciados en farmacia e licenciados en veterinaria respectivamente.

 

Quinta.- Os funcionarios pertencentes ó corpo de veterinarios titulares transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia, que á entrada en vigor da Lei 17/1989, do 23 de outubro, prestasen os seus servicios na Consellería de Agricultura, Gandería e Montes quedarán adscritos á devandita consellería.

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL

 

Por proposta conxunta das Consellerías da Presidencia e Administración Pública, de Agricultura, Gandería e Montes, e de Sanidade, regularase a reestructuración dos servicios veterinarios da Comunidade Autónoma de Galicia e as distintas funcións que se desenvolverán nas diferentes consellerías tendo en conta as tradicionais competencias veterinarias en materia de producción e sanidade animal e de veterinaria de saúde pública.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Autorízase á Consellería de Sanidade para dicta-las disposicións que sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do prente decreto.

 

Segunda.- Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.