Decreto 116/1995, do 31 de marzo, polo que se regula o control das biotoxinas en moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

A incorporación de España á Unión Europea esixiu a transposición da Directiva do Consello 91/492/CEE, do 15 de xullo, polo que se fixan as normas sanitarias aplicables á producción e posta no mercado de moluscos bivalvos vivos. Esta adaptación fíxose separando claramente o aspecto sanitario de comercialización e o de produccción e recolección na xestión dos recursos mariños, a través do Real Decreto 308/1993, do 26 de febreiro, polo que se aproba a regulamentación técnico-sanitaria que fixa as normas aplicables á comercialización de moluscos bivalvos vivos e o Real decreto 345/1993, do 5 de marzo, polo que se establecen as normas de calidade das augas e da producción de moluscos e outros invertebrados mariños vivos.

Na Comunidade Autónoma a vixilancia e control das biotoxinas en moluscos bivalvos regúlase no Decreto 328/1986, do 30 de outubro, modificado parcialmente polo Decreto 390/1992, xa que corresponde á Xunta de Galicia o control sanitario da producción, transporte, manipulación e venda de alimentos, bebidas e productos relacionados directa ou indirectamente coa alimentación humana, de acordo co Real Decreto de transferencias 1634/1980, do 31 de xullo.

Sen embargo, para mellor funcionamento da rede de mostraxe, mellor información ó sector e maior operatividade, resulta conveniente regular de novo esta materia co obxecto de que o seguimento e control de fitoplancto tóxico e biotoxinas se leve a cabo no Centro de Control de Calidade do Medio Mariño dependente da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, con independencia de que a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais siga a desenvolve-las tarefas de control en tódalas fases de comercialización e transformación, medios de transporte e mercados de venda.

Na súa virtude, por iniciativa da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, por proposta do conselleiro de Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta e un de marzo de mil novecentos noventa e cinco,

 

DISPOÑO:

 

1. A cantidade de biotoxinas mariñas autorizadas en moluscos bivalvos vivos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños, con destino ó consumo humano directo ou para a súa posterior tranformación, será:

- Para a «toxina paralizante dos moluscos» (P.S.P.), nas partes comestibles dos moluscos _o corpo enteiro ou toda a parte consumible separada-, non deberá sobrepasa-los 80 microgramos por cen gramos, determinada segundo a técnica descrita no anexo I.

- Para a «toxina diarreica dos moluscos» (D.S.P.), nas partes comestibles dos moluscos-o corpo enteiro ou toda a parte consumible separada- non debe dar reacción positiva, determinada segundo a técnica descrita no anexo II.

 

2. A detección de biotoxinas mariñas e o seguimento da súa evolución implicará:

1. Un control das condicións oceanográficas e fitoplacto en augas da competencia da Comunidade Autónoma de Galicia. Para estes efectos, investigarase a presencia e concentración de organismos potencialmente tóxicos, así como aqueles parámetros que aillados ou conxuntamente poidan ter influencia sobre a presencia de biotoxinas en moluscos.

2. Un control, nas zonas de producción, dos organismos mariños suxeitos a explotación comercial e susceptibles de acumular biotoxinas mariñas. Utilizarase como principal bioindicador o mexillón (Mytilus galloprovincialis).

3. Control en tódalas fases de comercialización e transformación, medios de transporte e mercado de venda.

 

3. 1. A vixilancia e control sobre as biotoxinas presentes nos organismos ós que se fai referencia no artigo 1º nas zonas de producción será competencia da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, quen a exercerá a través da Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura.

2. Para efectos hixiénico-sanitarios, corresponderá á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública do Servicio Galego de Saúde, realiza-la vixilancia e control destes productos no trasnporte e en tódalas fases de comercialización, transformación e mercados de venda, sen prexuízo das competencias que poidan corresponder ós concellos no control sanitario da venda de moluscos dentro do seu termo municipal, de acordo co disposto na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, así como aquelas que ten atribuídas a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura segundo o disposto na Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca en Galicia.

 

4. 1.Cando as condicións nas augas das rías ou nas súas proximidades mostren concentracións de dinoflaxelados portadores de toxinas que poidan supoñer un grave risco de contaminación para os moluscos bivalvos, procederase por parte da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura á prohibición cautelar de extracción dos citados moluscos en tanto persistan as condicións de perigo potencial que deron lugar á prohibición.

2. Ante a presencia de biotoxinas en moluscos bivalvos en concentracións superiores ás permitidas no artigo 1º, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, prohibirá a súa extracción nas rías, zonas, distritos marítimos ou polígonos afectados. Así mesmo poderase estende-la prohibición ás súas proximidades, co obxecto de establecer marxes de seguridade adecuadas.

 

5. 1. Será competencia da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura a toma de mostras destes productos nas áreas de producción e cultivo, a súa delimitación, e o establecemento nelas dun plan de mostraxe en función da previsións, e a evolución dos episodios tóxicos.

2. Será competencia da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a toma de mostras destes productos, seguindo o plan que se estableza en función da evolución dos episodios tóxicos, nas fases de transformación, comercialización e venda.

 

6. 1. O control analítico para detección e valoración de biotoxinas mariñas será responsabilidade da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, tanto na fase de producción, como nas de transformación, comercialización, medios de transporte e venda, e levarase a cabo no Centro de Control da Calidade do Medio Mariño.

2. As mostras obtidas nas fases de transformación, comercialización, medios de transporte e venda, serán remitidas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ó referido centro.

3. As técnicas analíticas realizaranse segundo os anexos I e II do presente decreto, e non poderán modificarse salvo a través do procedemento previsto na Directiva 91/492/CEE ou na normativa que en cada momento resulte de aplicación.

4. Os resultados das análises de acordo cos métodos establecidos no apartado anterior, realizados polo devandito centro terán plena validez nas actuacións levadas a cabo pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

 

7. 1. A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura comunicará á de Sanidade e Servicios Sociais diariamente os resultados das análises realizadas así como as medidas adoptadas en relación ás zonas de producción ou cultivo.

As ditas medidas serán igualmente comunicadas, na forma que regulamentariamente se determine, ás entidades asociativas legalmente constituídas, que representen o sector productor e comercializador.

2. Así mesmo notificarase á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a modificación das zonas de mostraxe no momento en que estas se produzan, e os controles realizados a nivel de fitoplancto cando se soliciten.

3. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais remitirá ó Ministerio de Sanidade e Consumo os informes que legalmente procedan.

 

8. En función dos resultados das analíticas efectuadas pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, esta e a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, segundo as súas respectivas competencias, adoptarán as medidas oportunas, co fin de garantir que tódolos productos extraídos ou comercializados reúnan as condicións que se sinalan no artigo 1º do presente decreto.

 

9. 1. As persoas físicas ou xurídicas que se dediquen á producción, transformación ou venda dos productos a que se fai referencia neste decreto, están obrigadas a coñecer e respecta-las medidas adoptadas en relación ás diferentes zonas de producción.

2. Os centros de expedición, depuración e establecementos de transformación serán responsables de que os productos por eles tratados ou elaborados cumpran os requisitos establecidos no artigo 1º do presente decreto.

3. As persoas físicas ou xurídicas que se dediquen á producción ou comercialización deses productos, deberán cubri-los libros de control que, para os efectos do cumprimento do exposto neste decreto, se establezan regulamentariamente.

 

10. As infraccións do presente decreto serán sancionadas de acordo co establecido na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, Ley 12/1984, do 28 de decembro, do Estatuto galego do consumidor e usuario, Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros, Real decreto 1945/1983, do 22 de xuño, polo que se regulan as infraccións e sancións en materia de defensa do consumidor e da producción agroalimentaria, Decreto 157/1985, do 11 de xuño, polo que se regulan as infraccións e sancións en materia sanitaria e demais disposicións de xeral aplicación.

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL

 

O actual laboratorio de biotoxinas de Vilagarcía dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Centro de Control do Medio Mariño dependente da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, intégranse nun único centro baixo a denominación Centro de Control da Calidade do Medio Mariño, dependente da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, con sede en Vilaxoán, ó que se transferirán os medios persoais, económicos e materiais daqueles.

No anexo III e IV do presente decreto relaciónanse, respectivamente, os medios económicos e materiais, así como o persoal laboral fixo do capítulo I, os postos de traballo correspondentes, e o persoal laboral temporal do capítulo VI, con expresión da súa categoría.

As consellerías de Sanidade e Servicios Sociais e de Pesca, Marisqueo e Acuicultura realizarán conxuntamente a proposta das adaptacións orzamentarias que garantan a plena efectividade do contido no presente decreto e da incorporación do persoal transferido do capítulo I, e os seus correspondentes postos, á relación de postos de traballo da consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

 

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 

Primeira.- O persoal dependente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, adscrito ó Servicio Galego de Saúde, que aparece relacionado no anexo IV do presente decreto e que preste os seus servicios no actual Laboratorio de Biotoxinas de Vilagarcía pasará a depender funcionalmente, o día de entrada en vigor do presente decreto, do Centro de Control da Calidade do Medio Marino de Vilaxoán, dependente da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, sen prexuízo da data na que se produza a súa integración orgánica e orzamentaria na dita consellería.

 

Segunda.- En tanto non se desenvolva o presente decreto seguirán en vigor os libros de control sanitario establecidos nos anexos II e III do Decreto 328/1986, do 30 de outubro, da Xunta de Galicia, polo que se regula o control de biotoxinas en moluscos bivalvos.

 

DISPOSICIÓNS DERROGATORIA

 

Quedan derrogados o Decreto 328/1986, polo que se regula o control de biotoxinas en moluscos bivalvos, sen prexuízo do disposto na disposición transitoria segunda, e o Decreto 390/1992, polo que se modifica parcialmente o Decreto 328/1986 e tódalas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto no presente decreto.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Calquera modificación do presente decreto se realizará a iniciativa conxunta da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

 

Segunda.- Facúltase as consellerías de Sanidade e Servicios Sociais e Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dictaren, no ámbito das súas respectivas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

 

Terceira.- O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vease también