Orde
do 31 de xullo de 1996 sobre peche de oficinas de farmacia.
Trala entrada en vigor do Decreto 253/1996, do 20 de xuño,
polo que se determinan os horarios mínimos de apertura así como os criterios
que deben rexer para o establecemento de quendas de urxencia e vacacións das
oficinas de farmacia, resulta manifesto que o único caso en que a nosa
normativa admite o cesamento temporal das actividades das oficinas de farmacia
é o desfrute do período vacacional máximo dun mes ó que se refire o artigo 4 do
citado decreto.
Polo tanto, ó marxe de tal suposto e dos previstos en
materia sancionadora, non procede outro peche temporal das oficinas de farmacia
que, obviamente, o que traia orixe en forza maior.
Resulta, por iso, oportuno dictar unha norma que, con
evidente carácter interpretativo, resolva definitivamente a anterior cuestión.
Na súa virtude, en uso das facultades que me confiren os
artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do
seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,
DISPOÑO:
1. De acordo co
disposto no Decreto 253/1996, do 20 de xuño, polo que se determinan os horarios
mínimos de apertura así como os criterios que deben rexer para o establecemento
de quendas de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia, as ditas oficinas
só poderán permanecer pechadas ó público fóra do horario ordinario de apertura
e nos supostos de vacacións e forza maior.
O disposto no apartado anterior enténdese sen prexuízo da
obriga do cumprimento das quendas de urxencia nocturna e diurna reguladas no
citado Decreto 253/1996.
2. En calquera
outro suposto de peche dunha oficina de farmacia distinto ós mencionados no
artigo anterior, a súa reapertura requirirá o levantamento da acta de
inspección á que se refire o artigo 11 do Decreto 288/1996, do 12 de xullo,
sobre competencias e procedemento para a autorización de apertura de oficinas
de farmacia.
3. Se por causa
de forza maior se pechase unha oficina de farmacia durante menos de 3 meses, a
súa reapertura esixirá tan só comunicación ó colexio de farmacéuticos e á
delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.
DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
Primeira.- Quedan sen efecto, no ámbito da Comunidae Autónoma
de Galicia, o número 1 do artigo 8 da Orde do 17 de xaneiro de 1980, sobre
funcións e servicios das oficinas de farmacia e cantas outras disposicións
estatais se opoñan ó disposto na presente orde.
Segundo.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa
publicación no Diario Oficial de Galicia.