Orde do 21 de novembro de 1989 pola que se adscriben funcións ó Centro de Saúde Mental da Coruña.

Por Real Decreto 1995/1985, do 9 de outubro, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de sanidade (AISNA), o Centro de Saúde Mental da Coruña pasou a depender da xunta de Galicia e foi asignado á Consellería de Sanidade polo Decreto 240/1985, do 31 de outubro (D.O.G. nº 226, do 26 de novembro), polo que se asumen os servicios traspasados pola Administración central do Estado en relación coa Administración Institucional da Sanidade Nacional.

A Consellería de Sanidade, baseándose nas orientacións xerais do Documento de Bases para a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental considera necesario reorganizar, actualizar, e potencia-lo dito centro asignándolle novas funcións acordes co Plan, seguindo os principios básicos do modelo de atención á saúde mental que nel se menciona.

En consecuencia, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 36.2 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente,

 

DISPOÑO:

 

1. O obxectivo e función deste centro será a de contribuir á protección e mellora da saúde mental no que se refire á poboación adulta, desde unha perspectiva integrada (no sistema sanitario e coordenada cos servicios sociais e educativos comunitarios da área) e integral (o que supón unha actuación que comprende tanto funcións preventivas, de protección e promoción da saúde, como terapéuticas, rehabilitadoras e de reinserción social, así como a docencia, a formación continuada e a actividade investigadora). Realizarán así mesmo función de apoio, asesoramento, e supervisión doutros equipos e dispositivos sanitarios, particularmente dos centros de atención primaria presentes no seu ámbito de actuación, recibindo a súa vez deles as derivacións e consultas que se estimen precisas.

 

2. O equipo do Centro de Saúde Mental da Coruña procederá a establece-los contactos necesarios con outros organismos con resposabili-dades na área de atención á saúde mental, co fin de delimitar campos de actuación, evitando duplicidades e solapamentos, así como baleiros asistenciais, tendendo a promove-la progresiva coordenación entre tódolos recursos específicos da área. Para este fin o mencionado equipo coordenarase con aqueloutros equipos e axencias no territorio correspondente (equipos de atención primaria, dispositivos hospitalarios, servicios sociais...) de acordo cos obxectivos de integración, coordenación e formulación conxunta de programas e actuacións.

 

3. O Servicio Galego de Saúde realizará no prazo de seis meses a partir da publicación desta Orde:

a) A definición e delimitación dos cadros de persoal dos Centros de Saúde Mental, comple-tándoas profesionalmente, de acordo cos criterios de planificación sanitaria establecidos (epidemiolóxicos, sociodemográficos, territoriais...) e as recomendacións do Documento de Bases para a elaboración do Plan Galego de Saúde Mental.

b) A asignación territorial correspondente dos diversos Centros de Saúde Mental como ámbito de actuación de acordo coa organización en áreas sanitarias do territorio autonómico. 

4. Os servicios correspondentes do Servicio Galego de Saúde procederá a elaborar unha guía de funcionamento do Centro de Saúde Mental, na que estarán incluídos os indicadores que permitan valora-la súa calidade, eficacia e eficiencia no desenvolvemento das súas funcións e obxectivos.  

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Os centros de Saúde Mental de nova creación ateranse ó establecido nesta orde.

 

Segunda.- Facúltase ó Servicio Galego de Saúde para adopta-las medidas necesarias para o mellor desenvolvemento e execución desta Orde.

 

Terceira.- Esta Orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario oficial de Galicia.