Decreto 447/1996, do 26 de decembro, polo que se establecen as bases para a homologación e integración funcional do persoal transferido á Xunta de Galicia dos centros sanitarios das corporacións locais, de persoal pertencente ó Servicio Galego de Saúde con vínculo xurídico funcionarial dos corpos e escalas da Administración especial sanitaria e corpos xerais e doutro persoal con vínculo laboral fixo.

O artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia establece, como competencia da Comunidade Autónoma, o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

Con base nos principios establecidos na Lei xeral de sanidade, que configuran a existencia dunha sanidade integral, como manifesto corolario do dereito á protección da saúde recoñecido no artigo 43 e concordantes da Constitución española, facíase imprescindible a creación dun organismo de xestión eficaz para que fose posible, dentro dese marco conceptual, a aplicación das medidas necesarias en orde á promoción, prevención e recuperación da saúde.

Por iso, en virtude da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, créase o Servicio Galego de Saúde, a xénese do cal obedece á mentada necesidade de establecer un organismo único -caracterizado polos principios de integración, desconcentración, simplificación, racionalización, economía, eficacia e participación democrática na comunidade, explicitados na Lei xeral de sanidade que xestionase adecuadamente os servicios sanitarios existentes en Galicia, en coordinación cos demais servicios de saúde do Estado.

Este organismo, segundo o teor da indicada Lei xeral de sanidade, integra a totalidade dos centros e servicios hospitalarios existentes na Comunidade Autónoma, sen prexuízo da titularidade dalgún deles por parte das deputacións e concellos.

Con data 1 de xaneiro de 1991, virtualizouse a transferencia en materia de asistencia sanitaria do INSALUD á Comunidade Autónoma de Galicia, que pasou a ser xestionada polo Servicio Galego de Saúde.

Debido á concorrencia da titularidade por parte das corporacións locais de diversos centros sanitarios de carácter hospitalario no marco da Comunidade Autónoma de Galicia, xa integrados funcionalmente no Servicio Galego de Saúde, era necesario que este organismo se arrogase a titularidade deles, para unha máis óptima xestión da asistencia sanitaria.

E así fóronse producindo, por mor de sucesivos decretos, de relativamente curta secuencia temporal, as transferencias deses centros das corporacións locais á Comunidade Autónoma de Galicia, coa súa adscrición ó Servicio Galego de Saúde.

Está plenamente constatado que o persoal dos centros transferidos se caracteriza por unha vinculación xurídica, de carácter funcionarial ou laboral, diferente da que, de xeito practicamente xeral, conforma o Persoal pertencente ó Servicio Galego de Saúde, que é de carácter estatutario.

Ademais, existe outro persoal funcionario das escalas sanitarias da Administración especial da Xunta de Galicia e dos seus corpos xerais, con destino nos centros sanitarios do Sergas, o réxime xurídico do cal difire así mesmo do estatutario.

E tamén, cunha orixe dispar e vínculo laboral fixo, presta servicios nos centros sanitarios outro persoal de distintas categorías.

Por iso, na actualidade, nos centros da rede sanitaria do Sergas, estase a produci-la convivencia desas tres clases distintas de vinculación xurídica que, dada a súa diferente regulamentación, traen como resultado un conxunto de situacións xurídicas diversas.

Este diferente tratamento provoca que nos centros da rede sanitaria do Sergas existan problemas ineluctables de xestión e organización de traballo. Por tal motivo, resulta inevitable a procura dunha homologación entre eses colectivos ou, no seu defecto, unha harmonización imprescindible das súas condicións a través da súa integración funcional.

Tal fïnalidade vén explicitamente recollida na Lei de creación do Servicio Galego de Saúde, xa sinalada, que na súa disposición transitoria quinta.2, na redacción dada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo, dispón que: «O Consello da Xunta adoptará as medidas pertinentes para a homologación entre as diferentes colectividades que integran o Servicio Galego de Saúde».

Así mesmo, en concordancia coa normativa de carácter xeral que disciplina o réxime de transferencias dos funcionarios doutras administracións territoriais ás Comunidades Autónomas, a mesma disposición transitoria da norma, no seu apartado 1°, garántelle ó persoal que se adscribe, como consecuencia das transferencias, o mantemento do seu nomeamento e réxime retributivo específico recoñecido no momento da adscrición ó servicio.

Ante a dobre necesidade exposta, tendente a adopta-las medidas precisas en orde á homologación do persoal transferido e, en todo caso, a integrar funcionalmente este persoal na organización do traballo dos centros, o Servicio Galego de Saúde principiou o correspondente proceso de negociación coas organizacións sindicais.

Ultimado xa o proceso de negociación procede, a través da presente norma, establece-las bases polas que se vehiculará o proceso de homologación e integración funcional do persoal transferido das Corporacións Locais e restantes clases de persoal con vinculación xurídica diferente á estutaria.

Finalmente, convén sinalar que esta norma nin afecta nin menoscaba en modo ningún os dereitos que se lle recoñecen o persoal transferido pola normativa aludida de carácter xeral e, que, en concreto, a título meramente enunciativo e sen ánimo de esgotala, polo disposto na disposición transitoria 4ª do Estatuto de Autonomía de Galicia; Lei 12/1983, do 14 de outubro, do proceso autonómico; Real Decreto 2839/1981, do 27 de novembro, polo que se regulamenta o réxime dos funcionarios das deputacións provinciais que pasen a prestar servicios nas Comunidades Autónomas.

Por todo o anterior, en virtude de proposta da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, cumpridos os trámites legais pertinentes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteseis de decembro de mil novecentos noventa e seis,

 

DISPOÑO:

 

1. As bases que se conteñen no presente decreto servirán necesariamente de canle a tódolos procesos concretos de homologación ó réxime de persoal estatutario do seguinte persoal: o transferido pertencente ás Corporacións Locais; o persoal funcionario pertence ás escalas sanitarias da Administración especial da Xunta de Galicia e outro co mesmo vínculo, sanitario e non sanitario, en situación de servicio activo nas institucións sanitarias dependentes do Sergas; e do demais persoal con vínculo laboral fixo que preste servicios nos centros sanitarios dependentes do mesmo organismo.

En todo caso, queda excluído das previsións do presente decreto o persoal dos corpos facultativo superior e de grao medio da Xunta Galicia pertencentes a subescala de atención primaria, clases de médicos, practicantes e matronas titulares, que se rexen pola súa normativa propia.

Xa que logo, eses procesos de homologación que se vaian realizando coa secuencia que resulte adecuada, adaptaranse indefectiblemente as bases que na presente norma se establecen.

 

2. Terá dereito a exerce-la opción para homologarse ó réxime estatutario, nos termos e condicións que a continuación se sinalan, o persoal funcionario de carreira e/ou con vínculo laboral fixo, que reúna os requisitos de titulación esixidos na lexislación vixente e que, á entrada en vigor da disposición dictada en desenvolvemento deste decreto, se atope nalgún dos supostos seguintes:

a) En situación de activo.

b) En situación que implique a suspensión na relación de servicios laboral ou funcionarial, con reserva do posto de traballo, por algunha das causas establecidas na lexislación vixente, así como en situación de servicios especiais, no caso do persoal funcionario.

c) En situación de excedencia voluntaria, sempre que non transcorrese o tempo máximo desa excedencia prevista legalmente para cada caso. Nestes supostos, a integración efectuarase na situación de excedencia voluntaria e a posterior situación de activo obterase de conformidade co prevista no Real Decreto 118/1991, do 25 de xaneiro. A opción de integración poderá formularse no momento de solicita-lo reingreso ou no prazo previsto para o exercicio da opción que se estableza.

 

3. O proceso de homologación ó réxime estatutario polo persoal antedito, será voluntario e exercerase a través da opción formulada polo interesado no prazo que se fixe na disposición que a regule, o cal non poderá exceder de tres meses desde a súa entrada en vigor.

O Servicio Galego de Saúde, a través dos centros sanitarios, daralle cumprida información ó persoal interesado dos procesos de homologación promovidos e as características deles, de xeito que dispoñan os interesados dos datos sufìcientes, sobre do proceso de homologación que se poña en marcha.

 

4. Non poderá exerce-la opción para homologarse o persoal con vínculo temporal, de carácter funcionarial ou laboral, calquera que sexan as características de tal vínculo, que preste servicios nos centros sanitarios afectados polo proceso de homologación.

As prazas que veñen sendo desempeñadas polo mentado persoal con vínculo temporal, transformaranse, logo da amortización no anterior réxime, sempre que resulte necesario o seu mantemento, en prazas de carácter estatutario.

Ó aludido persoal que as desempeñe expediráselle, de reuni-los requisitos de titulación esixidos pola normativa estatutaria, un nomeamento de carácter estatutario de natureza temporal.

 

5. O persoal que exerza validamente a opción para homologarse, farao nas categorías básicas do réxime estatutario que corresponda segundo as características da praza orixinaria e a estatutaria de referencia.

Para tal efecto, nas disposicións concretas que formalicen os procesos de homologación, estableceranse unhas táboas de correspondencias, nas que se relacionarán as categorías orixinarias funcionariais ou laborais e as correlativas estatutarias.

Non obstante, o persoal que desempeñe postos de traballo que correspondan ó exercicio de xefaturas adquiridas en virtude de concurso ou libre designación, expediráselle no momento da homologación un nomeamento adicional no posto equivalente de carácter estatutario. Este nomeamento poderá ser definitivo, se o orixinario tiña tal consideración ó ser obtido por concurso ou concurso-oposición, ou ben provisional, se aquel foi expedido en virtude do sistema de libre designación.

 

6. O persoal que resulte homologado ó réxime estatutario integrarase no estatuto que resulte de aplicación, segundo o grupo e categoría á que pertenza, dentro dos tres existentes para o persoal estatutario: estatuto xurídico de persoal médico, estatuto de persoal sanitario non facultativo e estatuto de persoal non sanitario.

 

7. Ó persoal que chegue a ser integrado nos réximes estatutarios aludidos, respectaráselle, para tódolos efectos, a antigüidade que posúa no momento da entrada en vigor da disposición que formalice o respectivo proceso de homologación.

Os trienios que se recoñezan con posterioridade á data en que teña efectividade a integración, serano de acordo co previsto na disposición transitoria 2ª.2 do Real decreto-lei 3/1987, do 11 de setembro, e normativa de desenvolvemento aplicable.

 

8. O réxime económico e xurídico do persoal que resulte integrado será o correspondente ó estatuto do persoal que en cada caso sexa de aplicación e a súa prestación de servicios adecuarase á estructura asistencial das institucións sanitarias do Sergas.

O persoal que, tendo efectuada a opción para homologarse, percibise retribucións superiores ás correspondentes á categoría de homologación no Sergas, recoñeceráselle un complemento persoal e transitorio consistente na diferencia de retribucións. O citado complemento será absorbido por calquera mellora retributiva que se produza nese exercicio ou posteriores, incluídas as derivadas de cambio de posto de traballo ou categoría, de acordo coa normativa orzamentaria.

De conformidade co establecido no artigo 14.1°g) da Lei 1/1994, do 30 de marzo, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1994, e na disposición transitoria primeira do Real decreto-lei 3/1987, do 11 de setembro, para o cálculo do complemento persoal transitorio, non se terán en conta as cantidades percibidas en concepto de atención continuada, plus de nocturnidade, plus de perigosidade, penosidade ou toxicidade, e realización de horas extraordinarias, así como calquera outro equiparable, nin as cantidades que en concepto de antigüidade teñan recoñecidas ata a data en que remate o prazo de presentación de instancias.

 

9. Ó persoal que, tralo proceso. de homologación, non se integre nos estatutos de persoal da Seguridade Social, respectaráselle o réxime económico e xurídico que se derive da súa situación de orixe, tanto funcionarial como laboral. Deste xeito, aplicaráselle a normativa funcionarial de remisión, coa dependencia orgánica e funcional do Sergas, se se trata de persoal funcionario. Se se trata de persoal con vínculo laboral aplicarase a normativa paccionada, plasmada no convenio colectivo que estea vixente, ou, se está denunciado, a recollida nas súas cláusulas normativas e, no seu defecto, as disposicións laborais de carácter xeral.

Non obstante, respecto ás lagoas que se produzan nos dous colectivos, funcionarial e laboral, aplicarase por analoxía o estatuto de persoal da Seguridade Social relativo ó grupo e categoría de persoal equiparable.

A prestación de servicios deste persoal non integrado, adaptarase necesariamente ás características de funcionamento da institución sanitaria do Sergas onde desenvolva o seu cometido. E, deste xeito, imbricarase, en plena harmonización, na estructura e organización de traballo dos centros sanitarios, debidamente cohonestado co resto do persoal que presta servicios sometido ó réxime estatutario.

Esta integración funcional no eido correspondente procurará o atinximento dunha pacífica convivencia prestacional en cada centro que se vexa afectado, que pretira situacións de conflicto entre colectivos.

 

10. O persoal funcionario que se integre nos réximes estatutarios da Seguridade Social será declarado, de conformidade co establecido no artigo 55 a) da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, na situación de excedencia voluntaria por incompatibilidade no seu corpo ou escala de orixe.

Igualmente, o persoal laboral que se integre nos mesmos réximes será declarado na situación de excedencia voluntaria por incompatibilidade na súa categoría.

 

11. O prazo e requisitos de carácter formal que determinarán os procesos concretos de homologación que se vaian dispoñendo, virán fixados nas respectivas resolucións que os canalicen que, en todo caso, deberán respectar, como se indicou, o contido das presentes bases.

 

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

 

Primeira.- As prazas vacantes nos centros sanitarios das características obxecto do proceso de homologación, estean ou non cubertas por persoal temporal, transformaranse en prazas de carácter estatutario coa amortización no seu anterior réxime.

Así mesmo, as prazas correspondentes ó persoal funcionario de carreira ou laboral fixo que non opte validamente pola homologación ó réxime estatutario, unha vez fiquen vacantes pola causa que por, amortizaranse e, se resulta necesario o seu mantemento, transformaranse en prazas estatutarias.

 

Segunda.- O persoal funcionario de carreira ou laboral fixo que non dispoña da titulación esixida pola normativa vixente de carácter estatutario para poder homologarse á categoría equivalente de persoal estatutario que corresponda á súa orixinaria, poderá acollerse, sempre que reúna os requisitos precisos, ás situacións transitorias previstas nas disposicións que regulen as homologacións profesionais. Deste xeito, en virtude de tal homologación, poderán integrarse na categoría estatutaria apropiada do respectivo estatuto.

 

Terceira: Os procesos de homologación que se regulan no presente decreto levaranse a cabo con suxeición ás dispoñibilidades orzamentarias existentes no capítulo I do orzamento de gastos do respectivo centro de xestión do Sergas.

De conformidade coa normativa orzamentaria de vixente aplicación, cada un dos procesos de homologación que se acometan en desenvolvemento do previsto na presente disposición requirirá a previa autorización da Consellería de Economía e Facenda.

Para estes efectos, a Dirección Xeral de Recursos Humanos remitiralle á Dirección Xeral de Presupostos da Consellería de Economía e Facenda, unha memoria comprensiva de tódolos aspectos económicos do dito proceso.

 

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

 

Única.- Dentro do prazo que en cada proceso se estableza, o persoal interesado poderá exerce-la opción sobre a prestación de servicios en réxime de exclusividade ou sen tal característica, segundo o previsto no Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regula o réxime de percepción do complemento específico para o persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde e se establecen os prazos para formular solicitudes e renuncias.

A mentada opción resolverase, conxuntamente coa solicitude de homologación, no prazo estipulado pola disposición que a vehiculice.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

Primeira.- Facúltase a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para adopta-las medidas necesarias en orde ó desenvolvemento e execución do presente decreto e dicta-las disposicións que formalicen os procesos de homologacións que afecten os distintos colectivos de persoal mencionados, coa secuencia temporal que considere conveniente.

 

Segunda.- O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.