Orde do 29 de xaneiro de 1996 pola que se regula a ordenación dos dispositivos de saúde mental da provincia de Ourense.


O Decreto 389/1994, do 15 de decembro, polo que se regula a saúde mental en Galicia estableceu no ámbito desta Comunidade Autónoma as directrices xerais da actuación na saúde mental e na asistencia psiquiátrica e acometeu a regulación dos dispositivos dirixidos á promoción e á protección da saúde mental, á prevención das enfermidades psíquicas e á asistencia, rehabilitación e integración dos enfermos mentais.

Establecidas as bases e estructuras de referencia, a disposición adicional segunda do devandito decreto dispuxo que a ordenación e os dispositivos de saúde mental que nela se prevén estableceranse gradualmente en función da definición e xerarquización de obxectivos e dos programas de actuación que fixe o Servicio Galego de Saúde, de acordo coas dotacións que anualmente se consignen nas respectivas leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Pola orde desta consellería do 28 de abril de 1995 creouse o complexo hospitalario Santa María Madre-Dr. Cabaleiro Goás de Ourense. No limiar desta disposición enunciábase claramente a vontade de adscribir funcionalmente a este complexo hospitalario a totalidade dos dispositivos de saúde mental da provincia de Ourense, para efectos de dotalos dunha unidade de dirección e xestión.

Por esta razón, en desenvolvemento da previsión contida na disposición derradeira segunda do Decreto 389/1994, do 15 de decembro, e en virtude das facultades que se confiren no artigo 4 da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde, reformada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo, e os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 29 de outubro,

 

DISPOÑO:

 

1. Intégranse no complexo hospitalario Santa María Madre-Dr. Cabaleiro Goás de Ourense os dispositivos de saúde mental que se indican a seguir:

- Unidade de saúde mental infanto-xuvenil do complexo hospitalario Cristal Piñor.

- Unidade de saúde mental de Ourense, actualmente dependente da Xerencia de Atención Primaria de Ourense.

- Unidade de saúde mental do Barco de Valdeorras, actualmente dependente da Xerencia de Atención Primaria de Ourense.

 

2. Adscríbense funcionalmente ó complexo hospitalario Santa María Madre-Dr. Cabaleiro Goás de Ourense os facultativos especialistas en psiquiatría do servicio de medicina interna do complexo hospitalario Cristal Piñor, así como os facultativos especialistas en psiquiatría do Hospital Comarcal de Valdeorras.

Para estes efectos, os devanditos facultativos dependerán funcionalmente da dirección do complexo hospitalario Santa María Madre-Dr. Cabaleiro Goás de Ourense, sen prexuízo da súa dependencia orgánica do complexo hospitalario Cristal Piñór.

 

3. As integracións e adscricións establecidas na presente orde non afectarán á categoría réxime retributivo e demais condicións xurídicas básicas dos postos de traballo afectados.

 

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

 

O persoal dependente das unidades que figuran no artigo 1º da presente orde que desempeñe prazas das incluídas nas relacións de postos de traballo do persoal ó servicio da Xunta de Galicia pasará a depender funcionalmente do novo centro de destino na mesma data de entrada en vigor da presente orde.

A dependencia orgánica do novo centro de destino do devandito persoal demorarase ata a publicación no Diario Oficial de Galicia da modificación correspondente nas relacións de postos de traballo do persoal ó servicio da Xunta de Galicia, que será tramitada para estes efectos.

 

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

 

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou de inferior categoría que se opoñan ó disposto na presente orde.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- A Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde adoptará as medidas necesarias para as integracións e adscricións de postos de traballo que procedan como consecuencia do establecido na presente orde, de conformidade co previsto na disposición adicional segunda da Lei 11/1995, do 28 de de-cembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, e demais normativa de aplicación.

 

Segunda.- A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.