Decreto
14/1997, do 23 de xaneiro, polo que se integran no corpo facultativo superior
da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e administración sanitaria, clase
de inspectores médicos, os, funcionarios asumidos polo Decreto 80/1996, do 29
de febreiro, pertencentes a corpos e escalas de carácter sanitario.
O Decreto 80/1996, do 29 de febreiro (D.O.G. n° 50, do 11 de marzo), polo que
se asumen as funcións e servicios da Seguridade Social en materia de asistencia
sanitaria encomendadas ó Instituto Social da Mariña, traspasadas pola
Administración central do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, adscribe, no
seu artigo 2.1°, á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais as funcións,
servicios e medios persoais e materiais transferidos polo Real decreto
212/1996, do 9 de febreiro.
Entre a diversa tipoloxía de persoal transferido encontrase
un colectivo de persoal sanitario funcionario composto por inspectores médicos.
Existindo nesta Comunidade Autónoma unha normativa específica sobre o persoal
sanitario funcionario, composta, principalmente, pola Lei 17/1989, do 23 de
outubro (D.O.G. n° 206, do 26 de outubro), de creación de escalas do persoal
sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 303/1990, do
31 de maio (D.O.G. n° 145, do 26 de xullo), que a desenvolve, e o Decreto 5/1992,
do 16 de xaneiro (D.O.G. n° 16, do 24 de xaneiro), polo que se crea a clase de
funcionarios de inspectores médicos, procede integra-lo colectivo transferido
nos corpos, escalas, subescalas e clases creadas pola dita normativa.
Na súa virtude, logo de consulta coa representación do
persoal na mesa sectorial de negociación do persoal sanitario e logo de informe
da Comisión de Persoal, por proposta conxunta das consellerías da Presidencia e
Administración Pública e de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación
do Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do día vintetrés de xaneiro de
mil novecentos noventa e sete,
DISPOÑO:
1. Intégranse no
corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e
administración sanitaria, clase de inspectores médicos, todos aqueles
funcionarios de carreira que, pertencendo á escala de inspectores médicos do
corpo especial do Instituto Social da Mariña ou á escala de médicos inspectores
do corpo sanitario do extinguido Instituto Nacional de Previsión foron
transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia con tal carácter polo Real
decreto 212/1996, do 9 de febreiro, sobre traspaso das funcións e servicios da
Seguridade Social en materia de asistencia sanitaria encomendadas ó Instituto
Social da Mariña e que aparecen relacionados no anexo I do presente decreto.
2. As direccións
provinciais do Servicio Galego de Saúde nas que prestan servicios os ditos
funcionarios expedirán a correspondente dilixencia de integración, unha copia
da cal se remitirá á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servicio Galego de
Saúde.
DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS
Primeira.- O persoal que con carácter de persoal interino da
escala de inspectores médicos do corpo especial do Instituto Social da Mariña
foi transferido á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 212/1996, do
9 de febreiro, será nomeado, con efectos desde a data de efectividade da
transferencia, persoal interino en posto de traballo vacante do corpo
facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e
administración sanitaria, clase de inspectores médicos. O dito persoal aparece
relacionado no anexo II do presente decreto.
Segunda.- O persoal eventual contratado para substituír un
titular funcionario con reserva de praza e que, con tal carácter de persoal
laboral eventual, foi transferido á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real
decreto 212/1996, do 9 de febreiro, será nomeado, con efectos desde a data de
efectividade da transferencia, persoal interino por substitución de titular con
reserva de praza do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de
saúde pública e administración sanitaria, clase de inspectores médicos, logo da
renuncia ó contrato de traballo de substitución celebrado ó abeiro do artigo 4
do Real decreto 2546/1994, do 29 de decembro, polo que se desenvolve o artigo
15 do Estatuto dos traballadores en materia de contratación (B.O.E. n° 22, do
28 de xaneiro de 1995). O dito persoal aparece relacionado no anexo III do
presente decreto.
DISPOSICIÓN ADICIONAL
A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou o Servicio
Galego de Saúde, de conformidade co disposto no artigo 15.5° da Lei 4/1988, do
26 de maio, da función pública de Galicia, elaborarán a proposta de relación de
postos de traballo, que incluirá aqueles ocupados polo persoal integrado por
medio do presente decreto, producíndose a homologación para efectos
retributivos do citado persoal no momento da publicación no Diario Oficial de
Galicia da correspondente relación de postos de traballo.
DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
Primeira.- Autorízase o conselleiro de Sanidade e Servicios
Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e
desenvolvemento do presente decreto.
Segunda.- O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da
súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Non obstante o anterior, a súa
eficacia entenderase referida ó día 1 de marzo de 1996, sen prexuízo do
previsto na súa disposición adicional.