Decreto 324/1992, do 19 de novembro, polo que se crea a área
de saúde do Salnés.
O Estatuto de autonomía de Galicia, no
seu artigo 33, establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma o
desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en
materia de sanidade interior, podendo organizar e administrar para tal fin
dentro do seu territorio tódolos servicios sanitarios.
O artigo 56 da Lei 14/1986, xeral de
sanidade, establece que as comunidades autónomas delimitarán e constituirán no
seu territorio demarcacións denominadas áreas de saúde, debendo ter en conta,
para tal efecto, os principios básicos que nela se establecen.
O Decreto 55/1989, do 5 de abril,
aproba a revisión do mapa sanitario de Galicia, establecendo e definindo nove
áreas de saúde. Con posterioridade, o Decreto 50/1992, do 19 de febreiro, crea
a área de saúde do Barco de Valdeorras, polo que ata a data eran 10 as áreas de
saúde existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
Por outra banda a disposición
derradeira primeira 1 da Lei 8/1991, do 23 de xullo, de reforma da Lei 1/1989,
do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde, faculta o Consello da Xunta de
Galicia para establecer mediante decreto o ámbito territorial das áreas de
saúde e o seu número, e para realiza-las oportunas adaptacións tendo en conta a
ordenación territorial de Galicia vixente en cada momento. Todo isto sen
prexuízo do sinalado na disposición derradeira primeira 2 da citada lei.
Vista a Lei 13/1992, do 9 de novembro, sobre a revisión do
mapa sanitario para crea-la área de saúde
do Salnés, publicada no Diario Oficial de Galicia do 16 de novembro pasado, na
que no seu artigo único di «O Goberno galego creará a área de saúde do Salnés
na ordenación territorial sanitaria de Galicia», faise necesario proceder ó
cumprimento efectivo do ordenado na devandita lei.
Por isto y por proposta do conselleiro
de Sanidade, no uso das atribucións que lle confire a Lei 1/1983, do 22 de
febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e logo da
deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de
novembro de mil novecentos noventa e dous,
DISPOÑO:
1.
1. Créase a área de saúde do Salnés.
2. Queda integrada na área de saúde do
Salnés a zona sanitaria de atención integrada de Vilagarcía de Arousa, na que
se inclúen as zonas de saúde de atención primaria de Cambados, Vilanova de
Arousa e Vilagarcía de Arousa, de conformidade coas demarcacións xeográficas e
poboacionais que se sinalan no vixente Decreto 55/1989, do 5 de abril.
3. A área de saúde do Salnés estará
integrada na rexión sanitaria sur.
2. Mantense a
área de saúde de Pontevedra, constituída polas zonas sanitarias de atención
integrada de Marín, Pontevedra e Sanxenxo, compostas polas demarcacións
xeográficas e poboacionais que se sinalan no Decreto 55/1989, do 5 de abril, e
dentro da rexión sanitaria sur.