Decreto 350/1990, do 22 de xuño, sobre fluoración das augas potables de consumo público.

No marco da política sanitaria deseñada pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia ten carácter prioritario o fomento e o desenvolvemento dos aspectos preventivos da saúde pública.

Nesta liña de actuación inscríbese a adoptación de medidas, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, para a fluoración das augas potables de consumo público, co fin de previ-las caries dentais, seguindo con iso as directrices marcadas pola Organización Mundial da Saúde na súa resolución da 28ª Asamblea, pola que instaba os estados a fomentaren o emprego de métodos axeitados para a prevención da carie, recomendando expresamente, para estos efectos, a fluoración óptima da auga destinada ó abastecemento público.

A Comunidade Autónoma de Galicia é competente para a regulación desta materia segundo o teor dos artigos 148.1.21 da Constitución e 33.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Con tal fin, polo presente decreto procédese a establece-la obriga de fluora-las augas potables de consumo para aquelas empresas e entidades provedoras e/ou distribuidoras delas que abastezan a unha poboación de máis de 25.000 habitantes, sempre que os indicadores do nivel de fluoración das augas así coma os do estado da saúde dental da poboación non alcancen os niveis recomendados pola Organización Mundial da Saúde.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de xuño de mil novecentos noventa,

 

DISPOÑO:

 

1. Establécese a obrigatoriedade da fluoración das augas de consumo público no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

As empresas e entidades abastecedoras e distribuidoras da augas de consumo público cumprirán as prescricións que se establecen no presente decreto e nas demais disposicións que sexan de aplicación, en canto resulten afectadas por el.

 

2. Para os efectos do disposto no presente decreto, considéranse empresas e entidades abastecedoras e distribuidoras de augas potables de consumo público as dedicadas á captación, tratamento, transporte e distribución por medio de instalacións fixas.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación deste regulamento as empresas dedicadas ó transporte ou á distribución das augas de consumo público mediante o emprego de depósitos móbiles.

 

3. Enténdese por fluoración das augas potables de consumo público o enriquecemento do nivel natural do ión fluoruro destas augas ata alcanzaren o seu nivel óptimo. Este non poderá sobrepasar en ningún caso o valor de 1,2 ppm (mg/L), medidos en mostras de augas tomadas na billa do consumidor.

 

4. 1. Previamente á posta en marcha do proceso de fluoración, será preciso coñece-lo nivel medio do ión fluoruro na auga potable de consumo público que subministra cada empresa provedora e/ou distribuidora, así como cuantifica-los indicadores do estado de saúde dental da poboación abastecida, de acordo coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde.

2. Para os efectos previstos no punto anterior as empresas e entidades provedoras e/ou distribuidoras da augas potables a que se refire o artigo dous quedan obrigadas a realizaren, no prazo máximo de un mes desde a entrada en vigor deste decreto, un estudio analítico dos niveis de ión fluoruro nas augas que distribúen. Os resultados seranlle comunicados, na forma que regulamentariamente se determine, á Consellería de Sanidade.

3. A Consellería de Sanidade elaborará os estudios epidemiolóxicos que permitan calcula-lo índice CAO, indicador do estado de saúde dental da poboación segundo a O.M.S.

 

5. Efectuados os estudios que se sinalan no artigo cuarto, as empresas e entidades provedoras e/ou distribuidoras das augas potables de consumo público procederán de forma inmediata ó inicio do proceso da fluoración, con suxeción ós requisitos e os trámites que se determinen nas normas de desenvolvemento do presente decreto.

 

6. 1. A fluoración das augas potables de consumo público será obrigatoria para as empresas e entidades provedoras e/ou distribuidoras das mesmas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que abastezan a unha poboación de máis de 25.000 habitantes, agrupados nun ou máis concellos.

b) Que os niveis medios de ión fluoruro nas augas distribuidas sexan inferiores a 0,7 ppm (mg/L).

c) Que a poboación abastecida presente uns indicadores de saúde dental que non alcancen os niveis recomendados que se indican no artigo cuarto, punto primeiro.

2. As empresas e entidades que abastezan a menos de 25.000 habitantes e distribúan augas cuns niveis medios de ión fluoruro inferiores a 0,7 ppm (mg/L) serán autorizadas, se é o caso, para fluoraren as súas augas potables, de acordo co procedemento que regulamentariamente se determine.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Facúltase o conselleiro de Sanidade para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación deste decreto.

 

Segunda.- Este decreto entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.