Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

O artigo 33 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aprobou o Estatuto de autonomía para Galicia, establece que corresponde á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materias de sanidade interior e seguridade social, salvo as normas que configuran o réxime económico dela, así coma a execución da lexislación do Estado sobre productos farmacéuticos. Engade este precepto no seu apartado cuarto que a Comunidade Autónoma poderá organizar e administrar, para tales fins e dentro do seu territorio, tódolos servicios relacionados coas materias antes expresadas.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, estableceu a regulación xeral de tódalas accións que permiten facer efectivo o dereito á protección da saúde recoñecido no artigo 43 e concordantes da Constitución española. No seu artigo 2 establécese que a dita lei terá condición de norma básica no sentido previsto no artigo 149.1º16 da Constitución e será de aplicación a todo o territorio do Estado, excepto os artigos 31, apartado 1°, letras b) e c), e 57 a 69, que constituirán dereito supletorio naquelas comunidades autónomas que teñan dictado normas aplicables na materia que nos ditos preceptos se regula. Engade o apartado dous do artigo 2 que as comunidades autónomas poderán dictar normas de desenvolvemento e complementarias da indicada lei no exercicio das competencias que lles atribúen os correspondentes estatutos de autonomía.

A Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, modificada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo, creou o Servicio Galego de Saúde, organismo autónomo adscrito á Consellería de Sanidade, como servicio de saúde da Comunidade Autónoma, co obxectivo de satisface-las necesidades de saúde da poboación e contribuír, mellorar e eleva-lo nivel de saúde dos cidadáns galegos.

Dentro do marco lexislativo antedito é competencia da Comunidade Autónoma a ordenación da atención primaria da saúde no seu territorio, tal e como se pretende levar a cabo no presente decreto.

Historicamente a atención primaria constitúe o primeiro nivel asistencial. Caracterízase por prestar unha asistencia próxima, persoal, continuada no tempo, baseada na confianza mutua entre o médico e o paciente e no coñecemento por parte daquel das características persoais, familiares, laborais e do medio que rodean a persoa. É por isto que, tamén a este nivel, se trata de realizar e impulsar todas aquelas actividades de mellora, prevención, tratamento e rehabilitación que favorezan o pleno desenvolvemento das potencialidades que posúen os individuos.

A atención primaria que se deseña neste decreto ten como funcións e actividades principais as seguintes:

- A asistencia sanitaria.

- A promoción da saúde, a prevención da enfermidade e a educación sanitaria dos individuos e grupos da comunidade.

- O traballo social no ámbito da saúde.

O traballo, baseado na interrelación e apoio mutuo, é levado a cabo por un grupo multidisciplinar de profesionais (médicos, enfermeiros, traballadores sociais, etc.) que actúan coordinadamente, tendo como estructura física tanto o centro de saúde/consultorio periférico como o domicilio do enfermo. Para o seu desenvolvemento cóntase coa participación da comunidade e das institucións que no seu ámbito existan e coa debida coordinación cos outros niveis e servicios sanitarios.

O obxectivo deste decreto de modernización da atención primaria galega é lograr unha atención primaria que reúna os seguintes criterios:

- Alta calidade e garantía de seguridade para os cidadáns.

- Fácil acceso, asegurando a constitución dunha unidade de atención primaria en cada municipio e a infraestructura necesaria para o seu desenvolvemento e acercando os medios diagnósticos e terapéuticos á poboación, así como os especialistas que se consideren necesarios en función de ratios poboacionais e de demanda asistencial.

- Respecto á autonomía e integridade persoal dos pacientes.

- Fomento da unión entre os distintos profesionais que actualmente conforman a atención primaria na Comunidade Autónoma, e entre eles e os cidadáns.

- Relación de confianza mutua entre médico e paciente.

- Equilibrada, isto é, que baseándose fundamentalmente na asistencia ó individuo, sexa tamén capaz de actuar sobre a comunidade mediante a realización de programas de efectividade acreditada.

- Definida nunha carteira de servicios como cómputo de actividades que cada unidade ou servicio de aténción primaria oferta ós seus usuarios; carteira que será de obrigada divulgación entre eles e que constará de, polo menos, un conxunto mínimo de actividades comúns a toda a Comunidade Autónoma.

- Xornada laboral adecuada que abranga as necesidades asistenciais e o necesario descanso dos profesionais.

- Racionalidade na distribución dos recursos e cargas de traballo.

- Baseada na formación continuada dos profesionais, que lles permita unha actualización e posta ó día dos seus coñecementos e habilidades.

Todo isto dentro dun sistema que, a nivel directivo, se orienta á dirección participativa por obxectivos, e, a nivel avaliativo, dirixido fundamentalmente cara á obtención de resultados.

Non é a única finalidade deste decreto saír do estado de constante provisionalidade no que se atopa sumida a atención primaria en Galicia, realizando só unha reforma laboral e/ou retributiva, senón que se pretende impulsar un proxecto, que partindo da liberdade de opción e do respecto escrupuloso á situación actual dos profesionais, permita que tódolos implicados atopen motivos suficientes para acrecenta-la súa autoestima profesional, mediante a creación dun clima laboral no cal os profesionais teñan o ambiente e as condicións suficientes para o desenvolvemento do seu labor e os incentivos que permitan retribuir de xeito adecuado aqueles profesionais que traballan máis e mellor sendo capaces de asumir retos diferentes.

Para isto, é necesario:

- Un bo sistema de información, no que se inclúa a tarxeta sanitaria individual, xa en fase de desenvolvemento;

- A introducción de cambios no sistema retributivo, co fin de que o número de asegurados e as súas características (idade, dispersión, enfermos crónicos, etc.) teñan un efecto máis directo na remuneración.

- Poñer a disposición dos profesionais cantos elementos formativos, de recursos físicos e humanos fosen necesarios e posibles.

- En resumo, preténdese unha atención primaria humana, próxima, profesionalizada, participativa e de calidade; na que se traballe por obxectivos e da que os profesionais se sintan orgullosos de desenvolvela e os cidadáns satisfeitos de recibila.

É evidente que unha única norma con rango de decreto non é instrumento legal axeitado nin bastante para recoller tódolos aspectos normativos e demais medidas administrativas necesarias para acadar todos e cada un dos fins e obxectivos ós que se orienta a atención primaria deseñada neste decreto, mais si se pretende que este veña a significa-la definición clara dos pilares básicos sobre os que se sustentará a nova ordenación da atención primaria en Galicia.

Unha reforma deste tipo non é doado acadala nun curto espacio temporal, máxime nunha conxuntura económica como a que se está a vivir nos momentos iniciais da entrada en vigor do decreto, mais isto non significa que non se fará o máximo esforzo posible para acurta-lo tempo da súa implantación na totalidade do territorio dentro dos obrigados escenarios que anualmente se conteñan nas respectivas leis de presupostos da Comunidade Autónoma.

Por último, hai que destacar que este texto normativo froito dun longo período de estudio e avaliación de mais de un ano conseguíu un destacado grao de aceptación e consenso tanto nos interlocutores sindicais (CEMSATSE, CCOO, CSIF, UXT), colexios profesionais do sector e das dúas federacións de provincias e municipios de Galicia (FEGAMP e FCG) e vén supoñer un cambio substancial no xeito de entende-1a atención primaria, tanto a súa organización como a utilización dos recursos e as funcións que se vaian realizar.

Na súa virtude, por proposta conxunta dos conselleiros de Sanidade e da Presidencia e Administración Pública, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de xullo de mil novecentos noventa e tres,

 

DISPOÑO:

 

1. A atención primaria da saúde na Comunidade autónoma de Galicia organízase funcionalmente en:

a) Unidade de Atención Primaria.

b) Servicio de Atención Primaria.

O sistema de atención primaria garante a libre elección de médico dentro dunha vinculación unipersoal na relación médico-paciente.

 

2. Das unidades de atención primaria.

l.- A unidade de atención primaria, que sempre formará parte dun servicio de atención primaria, é a estructura básica para a prestación da atención integral de saúde á poboación.

2.- En cada municipio de Galicia existirá, polo menos, unha unidade de atención primaria que atenderá como máximo a 20.000 persoas.

3.- Estará composta, polo menos por:

- Persoal médico.

- Persoal de enfermería.

- Persoal non sanitario e de servicios xenerais.

4.- Na unidade de atención primaria existirá un responsable do seu funcionamento e organización que actuará como interlocutor ante o xefe do servicio de atencion primaria.

O dito responsable será nomeado polo xerente de atención primaria correspondente entre os médicos da unidade, con praza en propiedade como norma xeral, consultados o director médico de atención primaria da área e o xefe do servicio de atención primaria onde se atope integrada dita unidade.

5.- A unidade de atención primaria, que contará co adecuado soporte técnico, realizará as seguintes funcións:

- Promoción da saúde.

- Prevención da enfermidade.

- Asistencia sanitaria.

- Educación para a saúde.

- Traballo na comunidade.

- Xurídico-administrativas.

6.- A situación física da unidade de atención primaria será o centro de saúde e as súas funcións desenvolveranse no propio centro e os consultores periféricos del dependentes, así como no domicilio do paciente e na comunidade.

 

3. Dos servicios de atención primaria

l.- O servicio de atención primaria é o nivel organizativo superior de xestión, planificación e apio que integra a unha ou varias unidades de atención primaria.

2.- Os servicios estarán constituídos, como norma xeral, entre un mínimo de 15 profesionais e un máximo de 45, incluídos neste cómputo os profesionais das unidades integradas en cada servicio.

3.- Cada servicio contará co apoio dos seguintes recursos sanitarios:

- Saúde buco-dental.

- Psicoprofilaxe obstétrica.

- Saúde mental.

- Pediatría se non a houbese nas unidades de atención primaria.

- Fisioterapia.

- Orientación familiar.

- Técnico de saúde.

- Asistencia social.

- Veterinaria.

- Farmacia.

Ademais destes recursos poderán dispoñerse aqueles outros que aconsellen as necesidades sanitarias da poboación.

Os servicios de atención primaria contarán co persoal non sanitario e/ou de servicios xerais necesario para o desenvolvemento das súas funcións.

4.- O servicio de atención primaria, que contará co adecuado soporte técnico, realizará as seguintes funcións:

- Diagnóstico da saúde.

- Planificación e execución dos programas de saúde.

- Autoavaliación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

- Programa de garantía de calidade asistencial.

- Programas de formación continuada, docencia e investigación.

- Planificación e realización de sesións clínicas e organizativas.

- Fixación dos obxectivos anuais.

- Realización da memoria anual do servicio.

- Cubrir e enviar ós órganos do Servicio Galego de Saúde a documentación que se solicite para a avaliación das actividades do servicio e o seu rendemento.

- Todas aqueloutras, de análoga natureza, que se determinen co obxecto de conseguir unha mellor atención primaria da poboación.

5.- O servicio de atención primaria estará situado no centro de saúde que pola súa localización e/ou estructura se considere máis idóneo.

 

4. Da coordinación e dirección.

l.- A coordinación das unidades de atención primaria integradas no servicio de atención primaria e a dirección del realízaas o xefe do servicio de atención primaria que, ademais das funcións asistenciais que lle sexan propias na súa unidade de atención primaria, realizará as seguintes:

- Distribuír e reparti-las tarefas e responsabilidades entre tódolos membros do servicio.

- Velar polo cumprimento dos obxectivos e plans de actuación programados polo servicio garantindo o seu cumprimento.

- Harmoniza-los criterios organizativos do conxunto de profesionais sanitarios e non sanitarios que se recollerán nun regulamento de réxime interior, o cal se axustará ás normas básicas que sobre esta materia se dicten.

- Facilitar e posibilita-la consolidación do servicio, así como o diálogo e a comunicación entre os profesionais del.

- Ostenta-la representación do servicio ante a comunidade, as institucións e os servicios sanitarios e sociais da súa zona.

- Todas aqueloutras que se determinen para a mellor planificación, organización e funcionamento do servicio.

2.- O xefe do servicio de atención primaria será nomeado polo xerente de atención primaria, consultado o director médico, entre os médicos con praza en propiedade como norma xeral, das unidades de atención primaria mediante o sistema de libre designación.

A xerencia de atención primaria, en función do grao de actividade dos distintos servicios de atención primaria dela dependentes, adoptará as medidas pertinentes para que os xefes deles poidan compaxina-las funcións asistenciais e as que se lles encomendan no parágrafo primeiro.

3.- Excepcionalmente, naqueles servicios que polo seu grao de actividade e complexidade organizativa o requiran, a Consellería de Sanidade poderá nomear ou contratar un xefe do servicio con dedicación exclusiva ás funcións de dirección, organización e xestión.

4.- O servicio de atención primaria contará cun coordinador de enfermería, nomeado polo xerente de atención primaria, consultado o director de enfermería, entre os profesionais de enfermería con praza en propiedade como norma xeral, das unidades de atención primaria polo sistema de libre designación e que, ademais das súas funcións asistenciais, terá as seguintes:

- Garanti-lo desenvolvemento adecuado das actividades de enfermería.

- Asegura-la elaboración, actualización e adecuación de normas, métodos e procedementos de enfermería de atención primaria.

- Promocionar e participar nos programas de formación continuada e reciclaxe do persoal de enfermería.

- Todas aqueloutras que se determinen para o mellor funcionamento das actividades de enfermería, dentro do contexto da planificación xeral das funcións e actividades desenvolvidas no correspondente servicio.

 

5. Do persoal.

1.- A asignación de recursos de persoal sanitario ás distintas unidades e servicios farase en función das características sociodemográficas sanitarias da poboación e da carteira de servicios.

2.- O acceso ós postos de traballo ós que fai mención este decreto, con excepción do disposto no réxime transitorio para os propietarios, efectuarase por concurso oposición. O persoal que acceda por este sistema terá a condición de persoal estatutario.

3.- O persoal que ocupe os postos de traballo das unidades e servicios de atención primaria terá a condición de persoal estatutario de atención primaria do Sergas.

 

6. Da xornada de traballo.

1.- A xornada de traballo do persoal será de 40 horas semanais, sen prexuízo da dedicación que puidese corresponderlle pola participación nas quendas de atención continuada.

2.- O horario de traballo ordinario será de 7 horas continuadas en xornada de mañá, establecéndose a xornada de tarde naqueles centros onde a necesidade asistencial así o demande. Neste último caso terán prioridade á hora de decidi-la súa participación os propietarios por orde de antigüidade. A diferencia entre o horario de traballo ordinario e a xornada semanal dedicarase a funcións complementarias de saúde pública e/ou atención continuada.

3.- Non obstante, e logo de acordo entre a xerencia de atención primaria e os profesionais
sanitarios, poderán establecerse prolongacións de xornada e horario para o desenvolvemento e posta en marcha de programas e actividades especiais.

4.- A organización da atención continuada faraa o Servicio Galego de Saúde, contando cos profesionais das unidades, mentres non se instrumente o plan de urxencias da Comunidade Autónoma.

 

7. Retribucións.

O sistema retributivo dos postos de traballo de atención primaria ós que fai referencia o presente decreto estará en conformidade co establecido no RDL 3/1987, e aprobarase mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia.

 

8. Participación comunitaria.

Nas unidades e servicios de atención primaria desenvolveranse e potenciaranse aquelas actividades que permitan unha real e efectiva participación comunitaria na consecución dos obxectivos do nivel primario de saúde, aténdose ás estructuras de participación definidas na lexislación vixente.

 

9. Da coordinación de niveis.

Os servicios de atención primaria desenvolveran as súas actividades en colaboración e coordinación funcional e técnica cos servicios sanitarios especializados correspondentes.

 

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 

Primeira.- Con anterioridade á convocatoria dos procesos de provisión e selección para a cobertura de postos de traballo vacantes, a tódolos propietarios de prazas das categorías que a continuación se relacionan ofreceráselle-la posibilidade de integrarse no novo sistema de atención primaria:

- Corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de médicos titulares.

- Médicos estatutarios de zona.

- Médicos xerais dos servicios normais e especiais de urxencias.

- Pediatras estatutarios de zona.

- Odóntologos de cota.

- Corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de practicantes titulares.

- ATS de zona.

- ATS dos servicios normais e especiais de urxencias.

- ATS de institucións abertas.

- Fisioterapeutas de institucións abertas.

2.- A oferta de integración será aberta, continua e voluntaria. A integración farase mediante solicitude individual dirixida ó Servicio Galego de Saúde que, en función das necesidades organizativas, posibilidades presupostarias e da maior ou menor demanda dos profesionais dunha determinada zona, procederá á súa aprobación.

Resolta a integración, o posto de traballo integrado correspondente quedará incorporado de maneira definitiva ó sistema de atención primaria regulado neste decreto, quedando as súas funcións e a cota de titulares do dereito á asistencia sanitaria correspondente, cando os hou-bese, integrado no novo sistema.

No que respecta ós funcionarios pertencentes ós corpos facultativos superior e de grao medio da Xunta de Galicia, e sen prexuízo do disposto no artigo 5.3º, manterán o seu actual «estatus» funcionarial inherente á súa pertenza ós referidos corpos.

3.- Os profesionais que como resultado da súa integración pasen a retribuirse polo sistema previsto no RDL 3/1987 e que de acordo co réxime retributivo anterior percibisen en cómputo global anual unha retribución superior á que lle correspondería pola aplicación do sistema establecido no presente decreto, percibirán un complemento persoal de contía igual á diferencia existente entre as mencionadas retribucións, que non será nin compensable nin absorbible, salvo o disposto nos apartados seguintes:

a.- Este complemento será absorvido polas retribucións que puidesen corresponder ó profesional cando acceda a postos de traballo de superior retribución ó que deu orixe ó antedito complemento.

b.- Así mesmo, este complemento será absorbido cando se produza incremento das retribucións complementarias do persoal afectado, excepto os incrementos retributivos anuais que, con carácter xeral, establezan as correspondentes leis de presupostos xerais da Comunidade Autónoma.

Para efectos do cálculo da compensación a que se refire o parágrafo anterior, non serán computables as cantidades percibidas polo desempeño de traballos de superior nivel ou grupo, ou calquera outra cantidade respecto da que a súa asignación tivese carácter variable, provisional, temporal ou revogable.

4.- Os profesionais que opten por non integrarse no novo sistema conservarán os seus dereitos individuais e económicos adquiridos, así como as obrigas inherentes á praza que ocupan, dependendo funcionalmente do xefe de servicio correspondente. En todo caso poderán participar nos concursos anuais a que se refire a disposición adicional, logo da aceptación da oferta de integración. De non opter praza no referido concurso, manterán o réxime xurídico e retributivo anterior ata a constitución da correspondente unidade de atención primaria.

Cando a Administración procedese a calquera reordenación dos continxentes de titulares asignados ós profesionais que teñan optado pola non integración, non efectuará ningunha reasignación deles que comporte para aqueles facultativos de medicina xeral, con nomeamento en propiedade, unha reducción inferior a 1.250 cartillas sempre que á entrada en vigor do presente decreto acreditasen un número superior.

Como consecuencia do parágrafo anterior e en coherencia coa estructura das pirámides asistenciais subsistentes, garantiranse, nos mesmos termos, as seguintes situacións:
a.- Un número de 2.500 cartillas ós practicantes-ATS de zona, con nomeamento en propiedade, que visen reordenado o seu continxente, sempre que no momento da entrada en vigor deste decreto acreditasen un número superior.

b.- Un número de 3.750 cartillas ós pediatras-puericultores de zona, con nomeamento en propiedade, que visen reordenado o seu contixente, sempre que no momento da entrada en vigor do presente decreto acreditasen un número superior.

c.- Un número de 19.000 cartillas ós facultativos especialistas de cota de tocoloxía e odontoloxía, con nomeamento en propiedade, que visen reordenado o seu continxente, sempre que no momento da entrada en vigor do presente decreto acreditasen un número superior.

d.- Ós colectivos que non acadasen respectivamente estas cifras, a Administración non lles realizará reasignación de titulares que implique reducción.

O establecido na presente disposición transitoria enténdese sen prexuízo do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas de persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma. Para tal efecto e con independencia do grao de desenvolvemento en que se encontre o novo sistema de atención primaria deseñado polo presente decreto, levaranse a cabo as previsións da dita lei, para garanti-la posibilidade de acceder á condición de funcionario, estrictamente, ó persoal comprendido no ámbito de aplicación da súa disposición transitoria segunda.

 

Segunda.- As vacantes que deixen os propietarios que actualmente prestan servicio no ámbito da atención primaria como consecuencia do concurso de traslados, así como as vacantes ocupadas por persoal interino e calquera outra vacante que se produza no mesmo ámbito na Comunidade Autónoma, pasarán a ser postos de traballo do novo sistema, sen prexuízo de que, con carácter temporal, se manteña o réxime xurídico e retributivo anterior ata a constitución da correspondente unidade de atención primaria.

O persoal que no momento da constitución dunha unidade de atención primaria desenvolva as súas funcións con nomeamento interino integrarase automaticamente naquela, e seranlle de aplicación as previsións contidas neste decreto, sen prexuízo de mante-la súa condición de interino.

 

Terceira.- Mentres non se produza a transferencia das compencias sanitarias do Instituto Social da Mariña, facultarase a integración funcional do seu persoal mediante convenios entre os responsables do Servicio Galego de Saúde e do Instituto Social da Mariña.

 

Cuarta.- 1. O Consello da Xunta de Galicia regulará o réxime xuridico das prazas de enfermería obstétrico-xinecolóxicas (matronas) no ámbito da atención primaria da saúde, determinando os ámbitos funcional e territorial propios da súa prestación de servicios e incluíndo na dita regulación ós postos de traballo actualmente pertencentes ó corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala de atención primaria e especializada, subescala de atención primaria, clase de matronas titulares.

2. Con posterioridade á citada reestructuración e ofertándose os postos de traballo resultantes dela, realizarase o concurso previsto na disposición transitoria quinta da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

 

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

 

Primeira.-Finalizados os procesos a que se refiren as disposicións transitorias anteriores, procederase a efectua-las convocatorias de provisión e selección das prazas vacantes do sistema de atención primaria regulado neste decreto.

O concurso de traslado convocarase con carácter anual.

 

Segunda.-Os actuais equipos de atención primaria adaptaranse ás previsións do presente decreto.

 

Terceira.-A ordenación da atención primaria prevista neste decreto levarase a cabo de acordo coas dotacións que anualmente se consignen nas respectivas leis de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

DISPOSICIÓNS DERROGATORIAS

 

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido no presente decreto, e, expresamente derrogados:

- O Decreto 40/1985, do 21 de marzo, polo que se aproba a regulación da atención primaria da saúde na Comunidade Autónoma de Galicia.

- A Orde do 3 de abril de 1989 pola que se regula a integración dos funcionarios dos corpos médicos e practicantes da sanidade local nos equipos de saúde.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

1.- Autorízase a Consellería de Sanidade para dicta-las ordes e adopta-las medidas necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

2.- O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no D.O.G.

Vease también