Orde do 23 de xullo de 1996 pola que se regula a integración
do persoal que presta os seus servicios no ámbito da atención primaria da Comunidade
Autónoma de Galicia no novo sistema deseñado polo Decreto 200/1993, do 29 de
xullo.
O Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na
Comunidade Autónoma de Galicia, modificado, pola súa vez, polo Decreto
161/1996, do 25 de abril, establece, na súa disposición transitoria primeira,
en favor dos colectivos de persoal nela incluídos, o ofrecemento da
posibilidade de que se integren no novo sistema de atención primaria, o que se
levará a cabo dun xeito aberto, continuo e voluntario.
Establecido o marco retributivo de aplicación ó persoal que
opte pola integración, a través do Decreto 226/1996, do 25 de abril, e
sistematizado, pola súa vez, pola Orde do 30 de maio de 1996 o réxime xurídico aplicable ó persoal
funcionario sanitario pertencente ás clases de médicos e practicantes titulares
que opte por integrarse no novo modelo, procede agora establece-lo mecanismo
para concreta-la dita opción de integración.
Por todo isto, esta consellería, en uso das súas facultades,
DISPÓN:
1. A presente
orde é de aplicación ó persoal funcionario de carreira ou estatutario fixo
incluído nalgún dos colectivos relacionados na disposición transitoria do
Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na
Comunidade Autónoma de Galicia, na redacción dada a esta polo Decreto 161/1996,
do 25 de abril, que modifica o anterior.
2. 1. O persoal
a que se refire o artigo anterior que á publicación da presente orde no Diario
Oficial de Galicia se encontre en destino definitivo ou desempeñe en propiedade
unha praza poderá exerce-lo dereito a integrarse no novo sistema de atención
primaria. No suposto de atoparse en comisión de servicio, a opción soamente
poderá levarse a cabo respecto da praza da que se é titular propietario en
destino definitivo. Queda excluído do dereito de opción o persoal que se atope
na situación de reingreso provisional.
2. A dita opción de integración poderá exercerse de xeito
aberto, continuo e voluntario a partir do día seguinte ó da publicación da
presente orde no Diario Oficial de Galicia.
3. O persoal que decida exerce-lo dereito a integrarse no
novo sistema de atención primaria deberá utiliza-lo modelo de solicitude
individual incluído como anexo á presente orde, dirixido ó director xerente da
Xerencia de Atención Primaria á que pertence a praza correspondente.
4. A dita solicitude deberá presentarse nas propias
xerencias de atención primaria do Servicio Galego de Saúde ou no rexistro xeral
da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, nos das súas delegacións
provinciais, nos das direccións provinciais do Servicio Galego de Saúde ou en
calquera das oficinas previstas no artigo 38.4° da Lei 30/1992, do 26 de novembro,
de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento
administrativo común.
3. 1. A
solicitude de integración resolverase en función das necesidades organizativas,
posibilidades orzamentarias e da maior ou menor demanda dos profesionais dunha
determinada zona.
2. De non concorre-los factores enumerados no apartado
anterior, o Servicio Galego de Saúde poderá demorar aquela ata a existencia ou
suficiencia daqueles. Por iso, a mera presentación da solicitude individual non
presupón a aprobación da integración solicitada. A opción inicialmente exercida
é irreversible, salvo que, mentres tanto non sexa aprobada, transcorridos
dezaoito meses desde que se formule, o afectado manifeste por escrito a súa
vontade de permanecer no réxime de orixe.
3. Cando como consecuencia da posta en funcionamento dunha
unidade ou dun servicio de atención primaria, o número de prazas ofertadas fose
inferior ó número de profesionais do ámbito territorial respectivo susceptibles
de incorporación a ela que realizasen a súa opción de integración, esta
resolverase, como criterio xeral, a favor do profesional que acredite unha
maior antigüidade de prestación de servicios no Sistema Nacional de Saúde e, no
caso de empate, a favor do profesional de maior idade.
Excepcionalmente, naquelas localidades con servicios de
urxencia ou onde preste servicios persoal con titulación de institucións
abertas, poderán terse en conta criterios de carácter organizativo e
asistencial, debidamente acreditados, coa finalidade de conseguir un desenvolvemento
harmónico do novo modelo e permiti-la integración de tódolos profesionais que o
desexen. Tales criterios, dos cales se fará unha relación pormenorizada nos
casos concretos, deberán estar claramente imbricados coa consecución das
finalidades harmonizadora e integradora anteriormente aludidas.
Da concorrencia, entidade e ponderación dos criterios de que
se trate, darase traslado ós profesionais afectados.
4. l. A
aprobación será resolta mediante resolución conxunta das direccións xerais de Recursos
Humanos e de Atención Primaria do Servicio Galego de Saúde por proposta razoada
do director xerente da Xerencia de Atención Primaria correspondente.
2. A aprobación da dita integración terá carácter
definitivo, producíndose tódolos efectos xurídicos en favor do persoal afectado
previstos ó respecto no Decreto 200/1993, do 25 de xullo, modificado polo
Decreto 161/1996, do 25 de abril.
3. Igualmente, resolta a integración, o correspondente posto
de traballo integrado quedará incorporado de forma definitiva ó novo sistema de
atención primaria, quedando as súas funcións e a cota de titulares do dereito á
asistencia sanitaria correspondente, cando os houbese, integrado no novo
sistema.
DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
Facúltase as direccións xerais de Recursos Humanos e de
Atención Primaria para que, no ámbito das súas competencias, dicten cantas
instruccións sexan necesarias para a execución das previsións contidas na
presente orde.
Segunda.- A presente orde producirá os seus efectos a partir
do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.