Decreto 373/1992, do 17 de decembro, de transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia do Hospital Médico-Cirúrxico Provincial e Sanitario Psiquiátrico de Conxo e rede asistencial deste, dependentes da Excma. Deputación Provincial da Coruña.


O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 33.1 e 4 que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior e que poderá organizar e administrar, para tales fins e dentro do seu territorio, tódolos servicios relacionados coa materia antes expresada e que exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade e seguridade social.

Por outra banda, a Lei 14/1986, xeral de sanidade, establece os principios ós que se deben acomoda-las transferencias sanitarias ás Comunidades Autónomas e tamén, en particular, dos servicios e establecementos sanitarios dependentes das corporacións locais. Así, na súa disposición primeira.4 enuncia que, en todo caso, en canto non entre en vigor o réxime definitivo de financiamento das Comunidades Autónomas, as corporacións locais contribuirán ó financiamento dos servicios de saúde daquelas nunha cantidade igual á asignada nos seus presupostos, que se actualizará anualmente, non considerando para estes efectos as cantidades procedentes de concertos co INSALUD.

O Decreto 133/1989, do 6 de xullo, crea a comisión mixta para o traspaso dos centros, servicios e establecementos sanitarios dependentes das corporacións locais á Comunidade Autónoma de Galicia, establecendo para isto a súa composición, funcións e normas de funcionamento.

A Lei 15/1991, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1992, dispuxo a iniciación do funcionamento do Servicio Galego de Saúde a partir da entrada en vigor da citada lei, como organismo autónomo administrativo, asumindo as funcións previstas na Lei 8/1991, do 23 de xullo, de reforma da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde. Isto supón que antes dun ano desde a constitución do organismo autónomo se vén produci-la integración efectiva no Servicio de Saúde da Comunidade Autónoma de dous hospitais pertencentes a unha corporación local.

A comisión mixta prevista no citado Decreto 133/1989, de conformidade co disposto no seu artigo 2º, adoptou, na súa reunión do día 16 de novembro de 1992 acordo de transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia do Hospital Médico-Cirúrxico Provincial e Sanatorio Psiquiátrico de Conxo e rede asistencial deste, dependentes da Excma. Deputación Provincial da Coruña. O dito acordo, de conformidade co artigo 2º do mencionado decreto ten carácter de proposta, precisando aprobación do Consello da Xunta.

Por isto, por proposta do Conselleiro de Sanidade, logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día dezasete de decembro de mil novecentos noventa e dous,

 

DISPOÑO:

 

1. Apróbase o acordo da comisión mixta creada polo Decreto 133/1989, do 6 de xullo, para o traspaso dos centros, servicios e establecementos sanitarios das corporacións locais á Comunidade Autónoma de Galicia, adoptado o 16 de novembro de 1992, polo que se traspasan o Hospital Médico-Cirúrxico Provincial e o Sanatorio Psiquiátrico de Conxo e rede asistencial deste, dependentes da Excma. Deputación da Coruña á Comunidade Autónoma de Galicia, e os correspondentes recursos persoais, materiais e presupostarios precios para o exercicio daquelas, así como demais bens previstos no aludido acordo.

 

2. En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma e sumidas por esta os servicios e institucións que se relacionan no dito acordo que se inclúe como anexo do presente decreto, nos termos e condicións resultantes del, así como os medios persoais, bens, dereitos e obrigacións sinalados no texto do acordo e relacións adxuntas, así como os créditos presupostarios determinados segundo o procedemento establecido no propio acordo.

 

3. 1.- Adscríbense ó Servicio Galego de Saúde os servicios e medios asumidos.

2.- A Consellería de Sanidade e o organismo autónomo Servicio Galego de Saúde exercerán as funcións emanadas das súas respectivas competencias, en relación ós servicios transferidos.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Facúltase ós conselleiros de Economía e Facenda e de Sanidade para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

 

Segunda.- O presente traspaso surtirá efecto a partir do un de xaneiro de mil novecentos noventa e tres.

 

Terceira.- Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

ANEXO

 

Francisco López Rois e Juan Pérez Rodríguez, Secretarios da Comisión Mixta de Transferencias Xunta de Galicia-Excma. Deputación Provincial da Coruña, prevista no Decreto 133/1989, do 6 de xullo,

 

CERTIFICAN:

 

Que no Pleno da comisión mixta celebrada o día 16 de novembro de 1992 se acordou o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia do Hospital Médico-Cirúrxico Provincial e Sanatorio Psiquiátrico de Conxo e rede asistencial deste, dependentes da Excma. Deputación Provincial da Coruña, nos termos seguintes:

 

A) Referencia ás normas estatutarias e legais nas que se ampara a transferencia.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 33.1 e 4 que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior e que poderá organizar e administrar, para tales fins e dentro do seu territorio tódolos servicios relacionados coas materias antes expresadas e que exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade e seguridade social.

Pola súa parte, a Lei 14/1986, xeral de sanidade, no seu artigo 4 establece:

«1. Tanto o Estado como as Comunidades Autónomas e as demais administracións públicas competentes organizarán e desenvolverán tódalas accións sanitarias a que se refire este título dentro dunha concepción integral do sistema sanitario.

2. As Comunidades Autónomas crearán os seus servicios de saúde dentro do marco desta lei e dos seus respectivos estatutos de autonomía».

Engadindo no seu artigo 50:

«1. En cada Comunidade Autónoma se constituirá un servicio de saúde integrado por tódolos centros, servicios e establecementos da propia Comunidade, deputacións, concellos e calquera outra administración territorial intracomunitaria que estará xestionado, como se establece nos artigos seguintes, baixo a responsabilidade da respectiva Comunidade Autónoma».

Pola súa vez o artigo 79.2 di:

«A participación no financiamento dos servicios das corporacións locais que deban ser asumidos polas Comunidades Autónomas levarase a efecto, por un lado, polas propias corporacións locais e, por outro, con cargo ó Fondo Nacional de Cooperación coas Corporacións Locais.

As corporacións locais deberán establecer, ademais, nos seus presupostos as consignacións precisas para atende-las responsabilidades sanitarias que a lei lles atribúe».

Por outra parte a disposición transitoria primeira.1 da mesma lei establece:

«As corporacións locais que na actualidade dispoñen de servicios e establecementos sanitarios que leven a cabo actuacións que na presente lei se adscriban ós servicios de saúde das Comunidades Autónomas, establecerán de mutuo acordo cos Gobernos das Comunidades Autónomas un proceso de transferencia destes».

Por último, a disposición transitoria quinta da Lei 15/1991, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1992, referida ó Servicio Galego de Saúde, dispuxo a iniciación do funcionamento deste a partir da entrada en vigor da citada lei, como organismo autónomo administrativo, asumindo as funcións previstas na Lei 8/1991, do 23 de xullo, de reforma da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde.

Sobre a base destas previsións estatutarias e legais resulta procedente efectua-lo traspaso do Hospital Médico Cirúrxico Provincial e do Sanatorio Psiquiátrico de Conxo e rede asistencial deste, dependentes da Excma. Deputación Provincial da Coruña, á Comunidade Autónoma de Galicia.

 

B) Bens, dereitos e obrigacións.

Traspásanse, en concepto de transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia, os bens, dereitos e obrigacións da Excma. Deputación Provincial da Coruña que se recollen na relación adxunta número 1, onde quedan identificados os inventarios de bens e dereitos sobre inmobles (*), mobles e, se é o caso, os concertos e contratos afectados polo traspaso.

No prazo de tres meses desde a publicación do decreto que aprobe este acordo, asinaranse as correspondentes actas de entrega e recepción de mobiliario, equipo e material inventariable.

Será título suficiente para a inscrición no Rexistro da Propiedade a certificación pola comisión mixta dos acordos debidamente promulgados.

Os bens, dereitos e obrigacións pertencerán á Xunta de Galicia nas mesmas condicións en que lle pertencían anteriormente á Deputación da Coruña.

A partir da efectividade do traspaso quedan sen vigor os concertos que na materia de asistencia sanitaria da Seguridade Social tivese subscrita a Deputación da Coruña co Servicio Galego de Saúde.

A Comunidade Autónoma de Galicia esixirá e vixiará o cumprimento do artigo 29 da Lei xeral de sanidade, para evita-la duplicidade das redes sanitarias públicas.

 

C) Persoal que se traspasa.

Traspásase o persoal adscrito ó Hospital Médico Cirúrxico Provincial e o Sanatorio Psiquiátrico de Conxo e rede asistencial deste, que se referencia nominalmente na relación adxunta número 2. Este persoal pasará a depender da Comunidade Autónoma de Galicia nas mesmas circunstancias que se especifican na relación adxunta tendo en conta os termos legalmente previstos polo Estatuto de autonomía e as demais normas en cada caso aplicables.

Segundo recolle a disposición transitoria quinta da Lei 8/1991, do 23 de xullo, de reforma da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde, o persoal que se adscriba a este organismo como consecuencia das respectivas transferencias manterá o seu nomeamento e o réxime retributivo específico que teña recoñecido no momento da adscrición efectiva ó servicio, sen prexuízo do previsto nas disposicións que lles sexan de aplicación. Ademais, a citada disposición enuncia que o Consello da Xunta adoptará as medidas pertinentes para a homologación entre os diferentes colectivos que integran o Servicio Galego de Saúde.

A relación de persoal que se xunta a este anexo no momento da súa sinatura está cerrada o 12 de novembro de 1992 e ten carácter provisional.

As posibles modificacións que nesta relación se puidesen producir ata a data de efectividade da transferencia deberán ser aprobadas en cada caso pola comisión de seguimento prevista neste acordo e serán recollidas e publicadas con posterioridade á dita data, en nova relación, que reflectirá a situación do apartado D.

A Excma. Deputación Provincial da Coruña notificaralles ós interesados o traspaso e a súa nova situación administrativa. Así mesmo, remitirase ós órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia unha copia certificada de tódolos expedientes deste persoal traspasado así como dos certificados de haberes referidos ás cantidades devengadas durante 1992.

 

D) Postos de traballo vacantes que se traspasan.

Os postos de traballo vacantes dotados presupostariamente que se traspasan son os que se detallan na relación adxunta número 3, con indicación da súa categoría profesional e da dotación presupostaria correspondente a cada un deles.

No suposto de que logo de autorización da Comisión de Seguimento, se produza minorización de efectivos, serán recollidos e publicados con posterioridade nunha nova relación de postos vacantes e dotados presupostariamente.

 

E) Valoración dos medios financeiros dos servicios tranferidos.

A valoración definitiva das cargas financeiras dos servicios transferidos correspondentes ó exercicio 1993 realízase a partir das liquidacións dos presupostos de 1991 e da futura liquidación de 1992 con base na proxección da execución presupostaria. Para a valoración do custo efectivo e dos ingresos tomáronse en conta os seguintes criterios básicos:

Custo efectivo do servicio:

Corresponde ás obrigacións recoñecidas e liquidadas por conta do exercicio correspondente corrente dos capítulos 2,4 e 6, incluíndo os gastos de investimento en conservación, mellora e reposición. A este importe sumaráselle o custo global do capítulo I do cadro de persoal presupostario calculado con base no número de prazas traspasadas e ós seguintes conceptos retributivos:

- Total retribucións fixas e periódicas.

- Axuda familiar.

- Gardas médicas.

- Contratos temporais por substitucións.

- Cotas MUNPAL a cargo da corporación.

- Cotas estimadas da Seguridade Social.

- Gratificacións especiais.

- Retribucións especiais determinados servicios sanitarios.

- Pagas únicas excepcionais funcionarios, laborais, fixos, temporais.

Ingresos derivados da xestión hospitalaria:

Considéranse ingresos derivados da xestión hospitalaria os ingresos económicos percibidos pola prestación de servicios que xeran taxas ou que reporten ingresos de dereito privado. Polo tanto, considéranse como tales os dereitos recadados do exercicio de referencia dos capítulos III, IV e V dos estados de ingresos, así como os ingresos pendentes de cobro imputables ó Servicio Galego de Saúde e a outras entidades públicas.

Quedarán excluídas as: «aportacións da Deputación Provincial» que comprenden os seguintes puntos:

- Aportación ó déficit de explotación.

- Aportación ós gastos derivados da atención a persoas incluídas na beneficencia provisional.

- Aportación para financiar investimentos de reposición.

A Comisión Mixta de transferencias valora o custo soportado pola Deputación ou carga asumida neta para o exercicio 1993 na seguinte contía: 2.581.926.486 ptas.

Con posterioridade ó ano 1993, o custo soportado pola Deputación estará representado pola carga asumida neta do ano 1993, anteriormente reseñada, cos incrementos acumulados que correspondan por aplicación dos sucesivos IPC xeral fixados polo Instituto Nacional de Estatística para cada ano. En canto non se coñeza o dito IPC, con carácter provisional manterase a aportación do exercicio anterior, facéndose efectiva a actualización reseñada no mes seguinte a aquel no que se faga público o dito índice oficial, con efectos desde o 1 de xaneiro do exercicio para o que se produce a actualización.

As cantidades que a partir da data da transferencia puidesen corresponder como consecuencia da inclusión en sucesivas Leis de presupostos xerais do Estado das particularidades contempladas no artigo 89.1 da Lei de presupostos xerais do Estado para 1992 serán percibidas directamente pola Comunidade Autónoma de Galicia, liberando na mesma media as obrigacións de financiamento que corresponden á Deputación Provincial derivadas deste acordo.

Ata a aprobación do réxime definitivo de financiamento das Comunidades Autónomas, e con base no disposto na disposición transitoria 1ª-4 da Lei xeral de sanidade, a Deputación Provincial garante o financiamento actualizado da cifra correspondente á carga asumida neta no momento da transferencia, que será revisada anualmente de acordo co criterio anteriormente expresado.

Polo tanto, a Deputación Provincial consignará nos seus presupostos futuros, ata que entre en vigor o dito réxime definitivo de financiamento das Comunidades Autónomas e a resultas do que se estableza sobre o financiamento dos centros e servicios sanitarios das corporacións locais, unha cifra que garanta o financiamento actualizado dos centros transferidos, que se fará efectiva á Comunidade Autónoma por doceavas partes dentro de cada mes natural.

Como consecuencia da aplicación do Real decreto 1.088/1989, do 8 de setembro, polo que se estende a cobertura de asistencia sanitaria da Seguridade Social ás persoas sen recursos económicos suficientes, a Comunidade Autónoma comprométese a prestar asistencia sanitaria ás persoas incluídas nos padróns de beneficencia da provincia no marco de prestación do réxime xeral da Seguridade Social, sempre que non teñan dereito a recibir asistencia sanitaria doutas entidades públicas, sen custo económico ningún para a Deputación da Coruña, dado que o custo imputable á beneficencia provincial foi tido en conta á hora de determina-la carga asumida neta total que financiará a Deputación Provincial. A presente cláusula terá os efectos do convenio a que se refire a disposición transitoria do Real decreto 1.088/1989, do 8 de setembro.

 

F) Tratamento do período anterior ó da data de efectos da transferencia.

A percepción de ingreso e o pagamento de gastos correspondentes a todo tipo de obrigacións contraídas ou dereitos devengados imputables á xestión dos centros transferidos, ata a data de efectos da transferencia, será asumida directamente pola Excma. Deputación Provincial da Coruña.

O importe total dos dereitos liquidados pendentes de cobro o 31-12-92, imputables ó Servicio Galego de Saúde, previamente confirmados pola comisión de seguimento, deducirase das aportacións mensuais da Deputación Provincial a que fai referencia o apartado E do presente acordo, ata a súa total extinción.

Tódolos contratos, convenios, acordos e demais obrigacións que a Deputación Provincial asuma en relación cos centros que se traspasan, que sexan asinados con posterioridade á data deste acordo e que a súa vixencia exceda da data sinalada para a entrada en vigor da transferencia, deberán ser autorizados previamente pola comisión de seguimento. De non obte-lo visto e prace da referida comisión para os efectos de tódolo sinalado fronte a terceiros vincularán exclusivamente a referida Deputación Provincial.

 

G) Documentación e expedientes dos servicios que se traspasan.

A entrega da documentación e expedientes do Hospital Médico-Cirúrxico Provincial e Sanatorio Psiquiátrico de Conxo e rede asistencial deste que se traspasan, co correspondente inventario de documentación administrativa, realizarase no prazo de un mes a partir da entrada en vigor do decreto polo que se efectúa o traspaso.

 

H) Comisión de seguimento.

Constituirase unha comisión paritaria de seguimento á que corresponderá a interpretación e a solución de cantas dúbidas e cuestións puideran derivarse do acordo, asegura-la continuidade das operacións administrativas e garantir un traspaso ordenado das funcións administrativas e garantir un traspaso ordenado das funcións e os medios, e demais funcións sinaladas nos apartados C, D e F.

Será, asimesmo, obrigación da comisión de seguimento, realizar nun prazo non superior a 6 meses, a revisión e modificación das relacións adxuntas, no caso de que fose necesario.

 

I) Data de efectividade das transferencias.

A efectividade da transferencia obxecto deste acordo terá lugar a partir do un de xaneiro de mil novecentos noventa e tres.

 

CLÁUSULA ADICIONAL

 

Se no futuro, ó amparo da previsión contida na disposición transitoria primeira da Lei 14/1986, xeral de sanidade, se producira a transferencia doutros centros hospitalarios provinciais á Comunidade Autónoma de Galicia con criterios ou condicións máis favorables para as corporacións provinciais cás contidas no presente acordo, seranlles de aplicación automática á Deputación Provincial da Coruña con relación ós centros sanitarios obxecto da presente transferencia con efectos do día un de xaneiro de 1993.