Orde do 27 de xullo de 1994 pola que se regulan os ficheiros automatizados de datos de carácter persoal da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

A Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, (B.O.E. nº 261 e 262, do 30 e 31 de outubro), regula o tratamento automatizado de datos de carácter persoal, coa finalidade de limita-lo uso da informática e garanti-lo honor e a intimidade persoal e familiar dos cidadáns.

Esta norma esixe, no seu artigo 18, que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros automatizados das administracións públicas se realicen por medio de disposición xeral publicada no B.O.E. ou diario oficial correspondente, e, así mesmo, na súa disposición adicional, engade que as administracións públicas responsables de ficheiros automatizados xa existentes deberán adoptar unha disposición de regulación do ficheiro ou adapta-la que existise.

Esta previsión legal desenvolveuse polo Real decreto 1.332/1994, do 20 de xuño (B.O.E. nº 147, do 21 de xuño) e a Resolución do 22 de xuño de 1994 (B.O.E. nº 149, do 23 de xuño), que publica os modelos normalizados en soporte papel e magnético a través dos que deben efectuarse as correspondentes inscricións no Rexistro Xeral de Protección de Datos.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

 

DISPOÑO:

 

1. De conformidade co previsto no artigo 18 e na disposición adicional segunda da Lei 5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento automatizado de datos de carácter persoal, relaciónanse no anexo desta orde os ficheiros existentes na Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, Servicio Galego de Saúde e centros sanitarios dependentes deste.

 

2. Serán responsables dos ficheiros as persoas ou órganos que, en cada caso, figuran no anexo e ante os que se exercerán os dereitos de acceso, rectificación e cancelación, sen prexuízo da responsabilidade directa que na xestión e custodia dos datos corresponda ó empregado público que estea ó cargo do ficheiro correspondente.

 

3. No suposto de cesión de datos ós servicios estatísticos das administracións públicas terase en conta a normativa vixente da Comunidade Autónoma de Galicia en materia estatística.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.