Decreto 201/1994, do 16 de xuño, de integración do persoal
contratado laboral fixo das irmandades de doadores de sangue nas institucións
sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde.
A orde do Ministerio de Traballo do 29 de outubro de 1971 creou, baixo a
promoción e patrocinio da entidade xestora da Seguridade Social, as irmandades
de doadores de sangue, configurándoas como persoas xurídicas de dereito
privado, sen ánimo de lucro.
A súa actividade diríxese a estimula-la hemodoazón altruísta
para cubri-las necesidades de sangue das institucións hospitalarias da
Seguridade Social e calquera outra onde estas necesidades se produzan. Para o
cumprimento dos seus fins, dispoñen ó seu servicio dun cadro de persoal que
inclúe as categorías profesionais idóneas.
O Real decreto 1.945/1985, do 9 de outubro, sobre
hemodoazóns e bancos de sangue, define así mesmo as irmandades de doadores de
sangue como asociacións que se propoñen, como finalidade, a promoción
desinteresada da doazón sanguínea. De acordo co previsto no citado real
decreto, constitúe un obxectivo prioritario do máis alto nivel sanitario e
social, o fomento, estímulo e apoio á doazón de sangue humano, co fin de
dispoñer de toda a necesaria para cubri-las necesidades existentes, tanto no
relativo á hemoterapia, como á obtención dos derivados do plasma sanguíneo.
Para tal efecto era preciso adopta-las medidas adecuadas
para facilita-la creación e perfeccionamento da infraestructura idónea ó
servicio da doazón de sangue.
Estas medidas, restrinxidas ó ámbito da Comunidade Autónoma
galega, concrétanse no Decreto 462/1990, do 20 de setembro, polo que se regulan
a hemodoazón, hemoterapia e os bancos de sangue de Galicia.
Así mesmo, pola Orde do 15 de xullo de 1993, constitúese o
Centro de Transfusións de Galicia como fundación de interes galego.
As funcións desenvolvidas por este, segundo o establecido
nos seus estatutos, consisten fundamentalmente en:
- Promoción da hemodoazón e plasmaférese voluntaria.
- Programación e execución de tódalas extraccións
extrahospitalarias, así como o procesamento das extra e intrahospitalarias.
- Aprovisionamento de sangue e derivados a tódolos
hospitais, centros sanitarios públicos e privados da Comunidade Autónoma de
Galicia.
- Fraccionamento do sangue para a producción de
hemoderivados básicos.
Progresivamente, o Centro de Transfusións de Galicia vai
asumindo o exercicio de tales funcións en toda a Comunidade Autónoma de
Galicia, facéndoo nunha primeira etapa, ó longo do ano 1994, nas provincias da
Coruña, Lugo e, nunha ulterior, durante o ano 1995, nas provincias de Ourense e
Pontevedra.
Con tales antecedentes, resulta conveniente, pois,
establece-los procedementos oportunos que fagan posible a integración paulatina
nas institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde, do persoal
contratado laboral fixo das irmandades de doadores de sangue, que vén exercendo
aquelas funcións, no marco das mesmas, e non mantén ningún tipo de vínculo
xurídico laboral ou estatutario co Servicio Galego de Saúde.
En consecuencia, en uso das competencias atribuídas pola Lei
1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada
pola Lei 11/1988, do 22 de outubro, oídas as organizacións sindicais máis
representativas, por proposta da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e
logo do informe da Consellería de Economía e Facenda, logo de deliberación do
Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de xuño de mil
novecentos noventa e catro,
DISPOÑO:
1. O persoal
contratado laboral fixo das irmandades de doadores de sangue da Comunidade
Autónoma galega, que conte polo menos con dous anos de antigüidade
ininterrompida ata a entrada en vigor deste decreto, e que preste os seus
servicios nos bancos de sangue das institucións hospitalarias do Servicio
Galego de Saúde, desempeñando funcións de promoción da doazón sanguínea,
asistencia social, conducción de vehículos axeitados para a extracción do
sangue e transporte de materiais, ou actividades de soporte administrativo
directamente vinculadas con aquelas, poderá integrarse voluntariamente nas
institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde.
2. Os
interesados deberán exerce-lo seu dereito de opción, nun prazo de trinta días
hábiles, contados desde o seguinte ó da publicación do presente decreto,
formulando esta, axustada ó modelo que figura como anexo I.
A tal solicitude deberánlle xuntar necesariamente a
documentación que acredite a titulación académica requirida, así como
certificado acreditativo do vínculo xurídico que mantén coa irmandade de
doadores á que prestan os seus servicios na actualidade, con expresión
pormenorizada dos seus datos identificativos, conforme ó modelo que figura no
anexo II.
A mencionada solicitude dirixirase ó presidente do Servicio
Galego de Saúde, que dictará as oportunas resolucións de integración na
categoría que corresponda en cada caso, despois de verifica-lo cumprimento dos
requisitos establecidos para tales efectos.
3. O exercicio
válido da opción dará dereito á integración como persoal laboral fixo do
Sergas, coas retribucións previstas no Real decreto lei 3/1987, do 11 de
setembro, sobre retribucións do persoal estatutario das institucións sanitarias
da Seguridade Social e disposicións complementarias, e demais condicións
laborais asignadas ó personal estatutario das institucións sanitarias, que se
recollen nos seus estatutos aprobados por ordes do 26 de abril de 1973 e do 5
de xuño de 1971 do Ministerio de Traballo, e normativa que as complemente. Polo
tanto, o dito persoal quedará fóra do ámbito da aplicación da Orde do 30 de
xuño de 1992 de integración do persoal laboral do Sergas no convenio colectivo
único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.
4. A integración
efectiva levarase a cabo na categoría homologada á que actualmente teñen
acreditada, segundo a táboa de homologacións que figura a continuación, sempre
que a desempeñasen, polo menos, durante un período de dous anos ininterrompidos
inmediatamente anteriores á data de entrada en vigor do presente decreto, e, en
calquera caso, reúnan a titulación necesaria para o seu desempeño, de acordo co
establecido na disposición adicional única do Real decreto lei 3/1987, do 11 de
setembro.
No caso de non xustifica-los dous anos na categoría
actualmente acreditada, efectuarase a homologación na que tivesen recoñecida
con anterioridade.
Táboa de homologacións das categorías.
Persoal laboral das irmandades |
Persoal de II.SS. |
---|---|
Axudante
técnico sanitario |
A.
técnico sanitario de II.SS. |
Administrativo
equipo móvil |
Auxiliar
administrat. de II.SS. |
Administrativo
operador |
Auxiliar
administrat. de II.SS. |
Auxiliar
administrativo |
Auxiliar
administrat. de II.SS. |
Conductor
|
Conductor
de vehículos espec. |
Xefe
administrativo |
Administrativo
de II.SS |
5. O persoal que
exerza voluntariamente a opción quedará efectivamente integrado na rede das
institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde no período comprendido
entre a entrada en vigor deste decreto e o 31 de decembro de 1995, continuando
a súa dependencia da irmandade de doadores correspondente mentres non se
produza a súa incorporación definitiva á institución sanitaria correspondente.
O persoal do que se resolva a integración incorporase ás
institucións sanitarias con ocasión da primeira vacante que se produza,
preferentemente no centro sanitario onde vén prestando os seus servicios
actualmente, ou noutro centro da mesma área sanitaria, e, en último termo, de
non ser posible, no punto máis próximo dentro da provincia.
A dita circunstancia comunicaráselle ó persoal afectado, que
se debe incorporar no prazo máximo de un mes. De existir máis de un interesado
con dereito, ofertarase a vacante ó persoal de maior antigüedade na irmandade
correspondente.
6. Unha vez
producida a integración efectiva na institución sanitaria, o sistema
retributivo aplicable ó persoal das irmandades de doadores de sangue será o
mesmo que rexe, na categoría correspondente á súa integración, para o persoal
estatutario ó servicio das institucións sanitarias da Seguridade Social,
incluído no ámbito de aplicación do Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro.
Quedarán excluídos aqueles complementos de natureza persoal ou colectiva que
puidesen ser adquiridos con anterioridade á integración efectiva.
7. Os trienios
do persoal procedente das irmandades de doadores de sangue, que se cumpran a
partir da data da súa integración efectiva nas institucións sanitarias,
aboaránselles de acordo coas normas aplicables ó colectivo do persoal
estatutario ó servicio das institucións sanitarias da Seguridade Social incluído
no ámbito do Real decreto lei 3/1983, do 11 de setembro.
A antigüedade ou trienios que tiveran recoñecidos con
anterioridade a aquela data seralles acreditados na contía pola que viñesen
sendo retribuídos ata o momento da súa integración efectiva.
8. O persoal das
irmandades de doadores de sangue que non resulte integrado nas institucións
sanitarias do Servicio Galego de Saúde, de acordo co previsto neste decreto,
conservará o réxime xurídico e económico derivado do seu contrato de traballo e
das disposicións laborais de pertinente aplicación, e quedará baixo a
dependencia exclusiva da correspondente irmandade.
DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
Primeira.- Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios
Sociais para dicta-las disposicións e adopta-las medidas oportunas en relación
co desenvolvemento e a execución deste decreto.
Segunda.-
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario
Oficial de Galicia.