Orde do 15 de xaneiro de 1992 pola que se regula o pagamento a centros hospitalarios concertados pola dispensación de determinados medicamentos.

En sesión celebrada o día 9 de outubro de 1990 o Pleno do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde aprobou unha proposta en virtude da cal se acordaba a dispensación a través dos servicios de farmacia hospitalaria de medicamentos a pacientes hemofílicos, VIH positivos e a pacientes afectados por fibrose cística.

Do mesmo modo faise preciso levar a cabo a través dos mesmos servicios de farmacia hospitalaria, a subministración de eritropoietina ós pacientes con insuficiencia renal crónica, sometidos a diálise, que presentan anemia por déficit na síntese desta hormona no ril enfermo.

Igualmente, o Prosereme V, do Ministerio de Sanidade e Consumo a través das circulares 11/1991, 12/1991 e 17/1991, determina que os medicamentos calificados como de uso hospitalario se dispensarán a través dos servicios de farmacia hospitalaria.

En atención a todo isto obsérvase que os hospitais concertados con servicio de farmacia non teñen recoñecida a subministración destes medicamentos como concepto de pagamento.

En virtude do exposto esta Consellería,

 

DISPÓN:

 

1. Os centros concertados, con servicio de farmacia (e un farmacéutico á fronte), subministraránlle-la eritropoietina ós pacientes que realicen a diálise neles e mensualmente pasarán o cargo á Dirección Provincial do Servicio Galego de Saúde correspondente, xuntando unha relación dos pacientes ós que se lles subministra o medicamento, indicando o número de envases, doses e custo para cada un dos enfermos.

2. A tarifa autorizada é o PVL vixente en cada momento.

 

2. 1. Os centros concertados, con servicios de farmacia (e un farmacéutico á fronte), subministrarán, do mesmo modo:

a) Os tratamentos completos para pacientes en réxime ambulatorio do Servicio Galego de Saúde hemofílicos VIH positivo e sometidos a terapia con zidovudina, que estean sendo tratados nese centro.

b) Os tratamentos completos para pacientes en réxime ambulatorio do Servicio Galego de Saúde afectados por fibrose cística, que estean sendo tratados nese centro.

Os ditos centros pasarán mensualmente o cargo á Dirección Provincial do Servicio Galego de Saúde correspondente, xuntando unha relación de pacientes cos tratamentos subministrados, doses, número de envases e custo para cada un deles.

2. A tarifa autorizada é o PVL vixente en cada momento.

 

3. 1. Os centros concertados, con servicio de farmacia (e un farmeceutico á fronte) subministraranlles igualmente ós pacientes en réxime ambulatorio do Servicio Galego de Saude e que estean sendo tratados nese centro, os medicamentos calificados como de uso hospitalario, necesarios para o seu tratamento e pasarán mensualmente o cargo á Dirección Provincial do Servicio Galego de Saúde correspondente adxuntando unha relación de pacientes, cos tratamentos subministrados, doses, número de envases e custo para cada un deles.

2. A tarifa autorizada é o PVL vixente en cada momento.

 

4. 1. A aplicación do pagamento destes conceptos será realizada automaticamente polo Servicio Galego de Saúde con efectos desde o 1 de decembro de 1991 para os concertos vixentes e para os subscritos con posterioridade á dita data desde a data da súa formalización.

2. A Dirección Xeral do Servicio Galego de Saúde formulará unha cláusula adicional por cada concerto vixente con hospitais con servicio de farmacia propio e un farmacéutico á fronte, no que se fagan consta-las condicións de subministración e facturación dos medicamentos incluídos nos artigos 1, 2 e 3 desta orde.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Facúltase ó director xeral do Servicio Galego de Saúde para adopta-las medidas necesarias en relación coa execución e desenvolvemento desta orde.

 

Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.