Decreto 302/1992, do 22 de outubro, polo que se establece o procedemento para a realización das operacións de tesourería do Servicio Galego de Saúde.

 

A Lei 15/1991, do 30 de decembro, dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1992, establece no seu artigo 28 que as operacións de ingreso, ordenación e realización material de pagamentos do organismo autónomo Servicio Galego de Saúde, as realizará a Tesourería da Xunta de Galicia.

O artigo 90.4 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, prevé a posibilidade de que o Consello da Xunta de Galicia por proposta da Consellería de Economía e Facenda estableza que as citadas operacións de ingreso, ordenación e realización material de pagamento dos organismos autónomos e dos entes públicos a que fai referencia o apartado b) do punto 1 do artigo 12 da citada lei os realice a Tesourería da Xunta de Galicia.

Resulta conveniente mante-lo procedemento establecido ó amparo do previsto na Lei 15/1991, do 30 de decembro, por razóns de eficacia na xestión da Tesourería.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintedous de outubro de mil novecentos noventa e dous,

 

DISPOÑO

 

Único.- Ó amparo do artigo 90.4 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, as operacións de ingreso e ordenación e realización material de pagamentos do organismo autónomo Servicio Galego de Saúde, realizaraas a Tesourería da Xunta de Galicia, de acordo cos procedementos que se viñan utilizando ata a data.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

O presente decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e producirá efectos desde o día vintedous de outubro de 1992.