Decreto 44/1985, do 14 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de Sanidade Escolar.

A Lei 5/1983, do 30 de xuño, de Sanidade Escolar, sentou os principios fundamentais da ordenacións dos servicios de sanidade escolar e fixou como obxectivos principais a protección da saúde dos escolares mediante a educación sanitaria, os exames de saúde e as prácticas de medicina preventiva aconsellables en cada caso, todo isto complementado coa necesaria formación permanente en materia de sanidade escolar do persoal sanitario docente e a investigación neste campo.

Correspondéndolle á Consellería de Sanidade e Consumo a planificación, dirección, inspección, control e adopción das medidas adecuadas para a execución das actividades relacionadas coa sanidade escolar no ámbito territorial de Galicia, sen prexuício da necesaria colaboración con outros organismos, en especial a Consellería de Educación e Cultura, cómpre desenvolve-las previsións da Lei regulando as funcións sanitarias escolares e o persoal que as vai realizar así como determina-lo contido da documentación á que fai referencia a Lei, como as fichas de saúde familiar, infantil e o informe médico do alumno.

Por iso, e en virtude das competencias establecidas no artigo 33 do Estatuto de Autonomía para Galicia, na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e na Lei 5/1983, do 30 de xuño, de Sanidade Escolar, a iniciativa das Consellerías de Sanidade e Consumo e de Educación e Cultura, a proposta da Consellería da Presidencia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do catorce de febreiro de mil novecentos oitenta e cinco,

 

DISPOÑO:

 

Da sanidade escolar

 

1. Correspóndelles ás Consellerías de Sanidade e Consumo e de Educación e Cultura, no ámbito das súas respectivas competencias, a planificación, dirección, inspección e control de actividades relacionadas coa sanidade escolar.

Na esfera local, as Deputacións, os Concellos, as asociacións de pais de alumnos, as Caixas de Aforros, a Cruz Vermella ou calquera outra institución educativa ou sanitaria poderán presentar propostas de colaboración, que se poderán artellar a través de convenios.

 

2. O persoal dependente das Consellerías de Sanidade e Consumo, de Educación e Cultura e mailo de centros dependentes doutras Consellerías realizarán as funcións que establece este Decreto para acada-los fins da sanidade escolar.

 

3. As funcións específicas establecidas neste Regulamento desenvolveranas os seguintes funcionarios:

1º- Dependentes da Consellería de Sanidade e Consumo.

a) No ámbito provincial:

- O persoal da Dirección de Saúde da Delegación Provincial de Sanidade e Consumo e o das entidades xestoras e organismos autónomos dependentes tamén da Consellería.

b) No ámbito local:

- Médicos sanitarios locais (titulares e de casas de socorro).

- Farmacéuticos titulares.

- Veterinarios titulares.

- Estomatólogos e/ou odontólogos.

- A.T.S. (titulares e de casas de socorro).

- Matronas titulares.

- Enfermeiras puericultoras e instructoras sanitarias.

- Otorrinolaringólogos.

- Oftalmólogos.

- Inspectores médicos escolares.

- Maternólogos do Estado.

- Dermatólogos do Estado.

- Puericultores do Estado.

2º- Dependentes da Consellería de Educación e Cultura:

a) No ámbito provincial:

- O persoal adscrito ó servicio de orientación escolar e vocacional.

- O persoal adscrito ós intitutos provinciais de orientación educativa e profesional.

- O persoal adscrito ós equipos multiprofesionais.

b) No ámbito local:

- Direccións e profesores dos centros docentes.

3º- Persoal de centros dependentes doutras Consellerías con responsabilidade en niveis de escolarización contemplados neste Decreto.

 

Ámbito de aplicación

 

4. Este Regulamento será de aplicación en tódolos centros docentes públicos e privados de Educación Pre-escolar, Educación Xeral Básica, Educación Especial, Bacharalato Unificado Polivalente e Formación Profesional existentes en Galicia.

 

5. Os centros docentes públicos e privados, ós que se fai referencia no artigo anterior, deberán reuni-las condicións sanitarias mínimas esixidas na lexislación vixente e aqueloutras que establezan os órganos competentes da Comunidade Autónoma.

 

6. Todo centro estará dotado dun botiquín de primeiros auxilios. Así mesmo, os centros de 8 ou máis unidades dispoñerán dun gabinete médico para a práctica de recoñecementos médicos.

O seu contido mínimo será o establecido nos anexos 1 e 2 deste Regulamento.

 

7. De maneira individualizada cada centro docente terá en lugar visible un cadro de datos de urxencia, no que consten nome, enderezo e teléfono de:

- Os membros do equipo primario de sanidade escolar e Delegacións Provinciais das Consellerías de Sanidade e Consumo e de Educación e Cultura.

- A comisaría de policía ou postos da Garda Civil máis próximos.

- As ambulancias e centros médicos asistenciais máis próximos.

- Servicios de protección civil.

- Bombeiros.

O modelo de cadro de datos de urxencia recóllese como anexo 3 deste Regulamento.

 

8. En tódolos centros docentes públicos e privados existirá un libro de inspección e control sanitario, no que o director do equipo médico escolar anotará as incidencias sanitarias relacionadas cos procesos patolóxicos que afecten ou poidan afectar tanto ós alumnos coma ó persoal docente e non docente dos mesmos e que poderían repercutir sobre a saúde colectiva. Tamén anotarán os recoñecementos médicos realizados e as súas incidencias.

O director do centro informará de todas elas á Delegación Provincial da Consellería de Educación e Cultura e mais á Dirección de Saúde da Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Consumo. E no seu caso á Delegación Provincial da Consellería da que depende o centro.

 

Da documentación sanitaria e escolar e dos

recoñecementos médicos escolares.

 

SECCIÓN PRIMEIRA

 

Dos alumnos

 

9. Ó comenzo da escolarización abriráselles un expediente médico escolar a tódolos alumnos ós que é de aplicación este Regulamento; ese expediente incorporarase ó expediente persoal de cada alumno e conterá:

1º Ficha de saúde familiar.

Teñen que cubrir obrigatoriamente esta ficha os pais ou tutores do alumno. O modelo de ficha figura no anexo 4.

2º Informe médico do alumno.

Este informe emitirao o médico ou servicio sanitario habitual do alumno. Nas cidades nas que estean as Direccións de Saúde e naqueles concellos nos que existan centros secundarios de hixiene este informe poderán expedilo os servicios médicos deses organismos.

O contido mínimo deste informe será o seguinte: farase constar que o alumno non padece enfermidade infecto-contaxiosa, o seu estado inmunitario, se existen nel ou non deficiencias visuais e auditivas, así como as recomendacións, se proceden, sobre as medidas que habería que tomar caso de o alumno padecer algunha enfermidade ou limitación distinta das reseñadas anteriormente.

3. Os datos do libro de saúde infantil. Estes datos, especialmente o contido da ficha de vacunacións, transcribiranse na ficha de saúde familiar.

4. Este informe será emitido polos profesores-tutores dos centros docentes, despois do informe favorable do director do centro e co consentimento dos pais ou tutores dos alumnos.

O modelo de expediente médico-escolar do alumno e maila ficha de recoñecemento médico-escolar constituirán un impreso único, tal como se determina no anexo 5.

 

10. O recoñecemento médico-escolar ordinario efectuarase:

- Na E.X.B., ós alumnos dos cursos 1º, 5º, e 8º.

- No B.U.P., ós alumnos do 3º curso.

- Na F.P. de 1º e 2º grado, ós do 2º curso.

O recoñecemento realizarase dentro do horario escolar establecido.

 

11. O recoñecemento médico-escolar ós alumnos de Pre-escolar non será ordinario mentres este non sexa un nivel de ensino obrigatorio.

Non obstante, deberá facerse se se dan as seguintes circunstancias:

1.- Que o soliciten, polo menos, a metade dos pais ou tutores destes alumnos mediante escrito motivado elevado ó director do centro, que o tramitará coa súa conformidade ó Xefe Local de Sanidade.

2.- Que os alumnos deste nivel estean no cuarto ano de vida.

Os alumnos irán necesariamente acompañados por un dos seus pais ou tutores.

 

12. O recoñecemento terá un carácter médico preventivo e de promoción da saúde, contemplando os seguintes aspectos:

- Coñecemento do estado de saúde física: control auxolóxico e do estado inmunitario.

- Coñecemento do estado de enfermidades sobrepasadas.

- Coñecemento do estado de morbilidade crónica actual e identificación de alteracións e deficiencias mentais ou sensoriais.

 

13. Cando o aconsellen as circunstancias, as autoridades sanitarias poderán ordena-la práctica destes recoñecementos, mesmo fóra dos prazos establecidos, ós alumnos de calquera nivel de ensino e curso.

 

14. Os recoñecementos faranse nos centros docentes, en dependencias apropiadas (gabinetes médicos) ou habilitadas, e necesariamente durante os dous primeiros trimestres do curso escolar.

Ante a imposibilidade de efectualos naqueles, as autoridades sanitarias provinciais, de acordo coas educativas, determinarán o lugar máis axeitado.

 

15. Os recoñecementos serán realizados polos equipos sanitarios e os funcionarios comprendidos no artigo 3º. Ás Direccións de Saúde das Delegacións Provinciais da Consellería de Sanidade e Consumo e mais ós Xefes Locais de Sanidade dos concellos nos que estean os centros escolares correspóndelle-la coordenación das actividades médico-sanitarias encamiñadas a facer eses recoñecementos e outras medidas preventivas.

Cando como consecuencia da comarcalización de actividades docentes algún concello non teña centros escolares, os sanitarios titulares deses concellos integraranse nos equipos de sanidade escolar do concello no que estea o centro escolar ó que acudan os escolares da súa demarcación territorial, correspondéndolle ó Xefe Local de Sanidade do concello receptor a organización e maila dirección das actividades médico-sanitarias escolares.

Os concellos implicados colaborarán nos programas e tarefas de sanidade escolar.

Os equipos móbiles de recoñecemento, cos especialistas das Direccións de Saúde e dos centros secundarios de hixiene, prestarán apoio técnico cando se considere preciso.

 

16. Os alumnos ós que no recoñecemento médico escolar ordinario se lles prescriba un exame complementario serán obxecto deste da seguinte maneira:

a) Informarase ós pais ou tutores das causas que motivan este tipo de recoñecemento.

b) Determinaranse as liñas fundamentais de como debe se-lo exame complementario.

c) Os pais ou tutores dos alumnos farán chegar á dirección do centro o resultado do recoñecemento complementario, para que o director do mesmo e mailo médico escolar queden avisados, ós efectos oportunos en cada caso. Este último incluirá o citado resultado no expediente médico-escolar do alumno.

 

17. Rematando o recoñecemento médico ordinario, o Xefe Local de Sanidade do concello no que estea o centro incorporará o resultado do mesmo á ficha-resume de recoñecemento médico-escolar individualizada e que deberá estar na Dirección de Saúde no terceiro trimestre de curso, como máximo. Independentemente diso, os componentes dos equipos médicos escolares virán obrigados a subministra-los datos que lles soliciten as autoridades sanitarias coa frecuencia que a estas lles pareza conveniente para o debido seguimento do programa sanitario escolar.

O expediente médico-escolar de cada alumno quedará baixo a custodia do director do equipo médico escolar no arquivo do gabinete de recoñecementos escolares do centro.

 

18. Os pais ou tutores dos alumnos que falten á clase por causa de enfermidade ou accidente estarán obrigados a comunicarlle o feito á dirección do centro e deberán presentar, no momento da súa incorporación, un informe médico co diagnóstico e, no seu caso, as medidas sanitarias que fose preciso adoptar.

 

19. Cando o alumno cambie de centro, o seu expediente médico-escolar será enviado, en sobre reservado, ó director do novo centro.

 

SECCIÓN SEGUNDA

 

Do persoal adscrito ó centro

 

SUBSECCIÓN PRIMEIRA

Do persoal docente

 

20. 1.- O profesorado, ó se incorporar ás funcións docentes, entregará para incluír no seu expediente un informe médico que constará de dúas partes:

a) Estado de saúde: Farase consta-la existencia ou non de deficiencias orgánicas e/ou motrices.

b) Estado psicosensorial. Farase constar, polo menos, a capacidade auditiva e a visual, así como a existencia ou non de problemas psíquicos.

En ámbalas partes do informe farase consta-lo grado de deficiencias diagnosticadas, de existiren, valorados os seus posibles efectos sobre a saúde pública.

2.- Cando algún docente se incorpore ó centro despois de padecer enfermidade de tipo infeccioso será necesaria a presentación dun parte médico de alta que acredite que desapareceu o perigo de contaxio.

3.- A inspección médico-escolar e, no seu caso, a inspección sanitaria ó servicio da administración educativa, coidará do estricto cumprimento do regulado neste artigo.

 

21. O persoal docente en exercicio virá obrigado, cando así o aconsellen as circunstancias, a facer tódolos exames médicos para os que sexa requirido polo facultativo ou facultativos que determine a Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Consumo da provincia na que aquel teña o seu destino. Para este requirimento deberá cumprirse o seguinte:

1.- Que o exame se realice a instancia da inspección técnica de ensino correspondente ou da inspección médica escolar e coa aprobación do Delegado Provincial da Consellería de Educación e Cultura.

2.- Que o exame sexa gratuíto.

3.- Que o resultado do exame constitúa un informe médico como se determina no artigo anterior.

4.- Que dese informe se remita copia ós Delegados Provinciais das Consellerías de Educación e Cultura e de Sanidade e Consumo para o seu coñecemento e efectos oportunos.

 

SUBSECCIÓN SEGUNDA

Do persoal non docente

 

22. 1.- O persoal non docente, ó se incorporar ó desempeño do seu cargo, presentará un informe médico no que, polo menos, se fará consta-la existencia ou non de deficiencias ou de trastornos de tipo orgánico e motriz.

2.- Cando o non docente se incorpore ó centro despois de padecer unha enfermidade de tipo infeccioso será necesaria a presentación dun parte médico de alta que acredite que desapareceu o perigo de contaxio.

3.- A inspección médico-escolar e, no seu caso, a inspección sanitaria ó servicio da administración educativa coidará do estricto cumprimento do regulado neste artigo.

 

23. Cando as circunstancias o aconsellen, as autoridades sanitarias, despois de poñelo en coñecemento das de Educación e Cultura, poderán ordenar de oficio ó persoal non docente a práctica dun recoñecemento médico gratuíto do que resultará un informe, nos términos establecidos no artigo 22º; deste informe remitiránselles copia ós Delegados Provinciais das Consellerías de Educación e Cultura e de Sanidade e Consumo para o seu coñecemento e efectos oportunos.

 

24. O persoal que traballe nas cociñas e comedores escolares virá obrigado a cumpri-los requisitos esixidos para iso no Real Decreto 2817/1983, do 13 de outubro, sobre comedores colectivos e mais nas disposicións que se establecen no Regulamento de Manipuladores de Alimentos, promulgado no Real Decreto 2505/1983.

 

Da inspección sanitaria de centros

escolares

 

25. Toda construcción escolar, antes da súa apertura e posta en funcionamento, requirirá preceptivamente o informe técnico sanitario da Dirección de Saúde, así como o de inspección dos servicios sanitarios locais.

 

Ámbito funcional

Organización e funcións dos servicios

de sanidade escolar

 

26. Correspóndelles ós médicos titulares:

1.- Practica-los recoñecementos médicos previstos neste Regulamento.

2.- Realiza-las inspeccións sanitarias dos centros e institucións escolares ós que é aplicable este Regulamento.

3.- Presta-la súa colaboración na educación para a saúde nos centros escolares da súa demarcación.

4.- Tódalas outras obrigas que se lles asignen en materia de sanidade escolar.

 

27. Correspóndelles ós veterinarios titulares:

1.- Inspecciona-los alimentos nos comedores e cociñas dos centros escolares.

A inspección farase, como mínimo, unha vez por semana e, ademais, sempre que o requira a dirección dos centros.

2.- Participar, cos demais membros do equipo primario de sanidade escolar do que forman parte, na planificación nutricional e nos programas de educación para a saúde.

 

28. Correspóndelles ós farmacéuticos titulares:

1.- Inspecciona-los alimentos propios da súa competencia nos comedores escolares. A función de inspección será do mesmo tipo que a establecida no artigo anterior.

2.- Inspeccionar e controla-lo abastecemento de auga ós centros escolares, que, pola súa especial importancia sanitaria, terá carácter de constante e permanente.

3.- Participar, cos demais membros do equipo primario de sanidade escolar, na planificación nutricional e nos programas de educación para a saúde.

 

29. Os axudantes técnicos sanitarios e mailas matronas titulares colaborarán na práctica dos recoñecementos ordinarios médico-escolares, baixo as ordes do xefe dos equipos primarios de sanidade escolar.

En materia de educación para a saúde, participarán nos términos que establezan os xefes dos equipos primarios de sanidade escolar.

Administrarán as doses que correspondan nos programas e campañas de inmunización e realizarán tódalas outras funcións que lles asignen as autoridades sanitarias respecto da poboación escolar e do persoal dos centros.

 

SECCIÓN SEGUNDA

 

Das funcións

do persoal adscrito ó centro

 

30. Correspóndelles ós directores dos centros escolares:

1.- Facilita-la realización dos exames de saúde e demais actividades sanitarias.

2.- Velar polo cumprimento por parte do persoal docente e non docente das obrigas que lles afectan en materia de sanidade escolar.

3.- Facer cumpri-las prescricións sanitarias específicas relativas a comedores e cociñas escolares e custodia-lo libro de inspección sanitaria.

4.- Velar polo perfecto estado de funcionamento do material de recoñecemento depositado no centro e máis de todo aquel ó que se refire o artigo 6º deste Regulamento e os anexos 1 e 2.

5.- Ter previsto un plan de evacuación do centro para casos de emerxencia ou catástrofe.

6.- Velar polo estricto cumprimento do disposto no Decreto 7/84, do 9 de febreiro, sobre uso e consumo de tabaco nos centros docentes.

 

31. Correspóndelles ós profesores dos centros escolares:

1.- Colaborar cos equipos primarios de sanidade escolar na práctica dos recoñecementos médico-escolares ordinarios, salientando diante dos pais e dos alumnos a importancia da medicina preventiva e falando do obxecto e dos fins dos recoñecementos.

2.- Facilita-lo informe psicopedagóxico dos alumnos.

3.- Atende-lo cumprimento do establecido no artigo 34 deste Regulamento.

 

32. Ós pais e tutores dos alumnos correspóndelle-la responsabilidade de colaboraren cos demais estamentos do centro escolar cos fins que prevé este Regulamento en materia de sanidade escolar, facilitando toda a información que se solicite deles, de acordo cos obxectivos que se contemplan nesta norma.

 

Da educación para a saúde

 

33. Os sanitarios locais, docentes e pais de alumnos colaborarán para a promoción, protección e restauración da saúde pola educación sanitaria.

 

34. Correspóndelles ós profesores o ensino da educación para a saúde, conforme o que se estableza nos programas de estudio; os sanitarios locais, no seu caso, prestarán o apoio e facilitarán a información que solicite deles a dirección do centro.

 

35. Os claustros de profesores dos centros, de conformidade coa Lei que informa este Regulamento, serán estimulados mediante a elaboración dun plan de charlas e conferencias sobre educación para a saúde, durante cada curso escolar, no que colaborarán os sanitarios locais.

 

36. O Xefe Local de Sanidade do concello no que estea o centro escolar asistirá, despois de que llo pida o Consello de Dirección dos centros escolares, ás reunións que se celebren cando se traten aspectos de sanidade escolar e prestará a súa colaboración xenérica en materia sanitaria.

 

Dos centros docentes privados e

subvencionados

 

37. Os centros escolares que pretendan realiza-los recoñecementos médicos con persoal propio ou concertado, non dependente da Consellería de Sanidade e Consumo, poderán facelo con subxección ós seguintes requisitos:

1.- Deberán comunicarllo por escrito ó Delegado da Consellería de Sanidade e Consumo da provincia na que estea o centro antes do 15 de outubro de cada ano.

2.- O persoal que efectúe o recoñecemento terá que estar en posesión do título de licenciado en Medicina e Cirurxía Xeral e o persoal auxiliar, de A.T.S. ou diplomado en Enfermería.

3.- As retribucións do persoal correrán por conta dos centros.

4.- Estarán obrigados a cumprir exactamente todo o previsto neste Regulamento para os recoñecementos médicos escolares.

En ningún caso terán validez oficial as inspeccións sanitarias realizadas polo persoal médico propio ou concertado, xa que estas son competencia exclusiva do persoal sanitario da Consellería de Sanidade e Consumo.

 

DISPOSICIÓNS FINAIS

 

1.- Créase unha comisión mixta, integrada por representantes das Consellerías de Sanidade e Consumo e de Educación e Cultura, encargada de establece-las condicións sanitarias que deberán reuni-los centros docentes situados na Comunidade Autónoma e do estudio dos problemas específicos da sanidade escolar.

A súa composición será fixada por Orde conxunta de ámbalas Consellerías.

2.- Facúltase ós Conselleiros de Sanidade e Consumo e de Educación e Cultura para dictaren, no ámbito das súas respectivas competencias, as disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e execución deste Regulamento de Sanidade Escolar, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vease también