Decreto 229/1997, do 25 de agosto, polo que se establece o modelo de xestión e administración, baixo a fórmula de fundación pública dos hospitais Virxe da Xunqueira e A Barbanza.

 

O Real decreto-lei 10/1996, do 17 de xuño, posibilita a constitución de fundacións de natureza ou titularidade pública como forma de xestión dos hospitais.

A Lei 15/1997, do 25 de abril, (B.O.E. do 26 de abril), dá nova redacción ó ártigo único do dito real decreto-lei e recolle expresamente a posibilidade de xestión e administración dos ditos centros a través de calquera entidade de natureza ou titularidade pública admitidas en dereito.

Neste sentido, a lei establece que a xestión e administración dos centros e servicios sanitarios e sociosanitarios pode levarse a cabo directa ou indirectamente a través de calquera entidade de natureza ou titularidade pública admitidas en dereito.

Esta lei aboga por acadar unha maior flexibibilización e autonomía na xestión sanitaria como medio de mellorar a eficacia dos centros e establecementos sanitarios, dando resposta á demanda maioritaria da nosa sociedade, que así o require.

As fundacións públicas recoñecidas no artigo 34 da Constitución e no artigo 35.1º do Código Civil, regúlanse dun xeito máis específico no ámbito da Comunidade Autónoma a través da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego (D.O.G. nº 89, do 20 de xullo), e da Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego (D.O.G. nº 219, do 12 de novembro de 1991), onde se determina a organización, estructura, funcionamento, financiación e extinción das fundacións públicas concebíndoas como organizacións contituídas sen ánimo de lucro con afectación do seu patrimonio á realización de fins de interese social.

A experiencia na administración doutros establecementos ou centros sanitarios por medio de fundacións e os logros acadados nesta modalidade de xestión, aconsellan xestiona-los hospitais comarcais Virxe da Xunquiera e A Barbanza a través da constitución de dúas fundacións públicas.

A adopción desta modalidade organizativa de xestión nos centros, servicios e establecementos sanitarios non desvirtúa o carácter público da prestación nin as garantías que o envolven, que están referidas ó servicio como relación xurídica entre a Administración titular e o usuario, con independencia da forma xurídica de xestión a que se acollan.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de agosto de mil novecentos noventa e sete,

 
DISPOÑO:

 

1. A xestión e administración dos hospitais comarcais Virxe da Xunqueira e da Barbanza realizarase, respectivamente, a través das fundacións públicas denominada Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira e Fundación Pública Hospital da Barbanza, que se constituirán mediante escritura pública.

 

2. 1. Os órganos de dirección destas dúas fundacións públicas serán:

a) Órgano de goberno: o padroado.

b) Órgano de xestión: o director xerente e demais cargos directivos de primeiro nivel da fundación pública.

2. A composición, funcións e funcionamento dos órganos de dirección axustarase ó disposto nos seus respectivos estatutos, e, en todo caso, ó disposto no Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego e demais disposicións aplicables.

 

3. O protectorado sobre estas dúas fundacións públicas, será exercido pola Xunta de Galicia, e terá por obxeto asegurar e controla-lo cumprimento da vontade dos fundadores, así como o das normas aplicables, tanto na súa contitución como no seu funcionamento de conformidade co indicado no Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e serán desempeñadas pola consellería competente en materia de sanidade, sen prexuízo das que lle competan á Consellería da Presidencia e Administración Pública en materia non sanitaria.

 

4. Tódalas actividades que constitúen o obxeto fundacional desenvolveranse con suxeición ós criterios de planificación e coordinación e ás directrices de carácter xeral emanadas da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e dos Servicio Galego de Saúde no ámbito das súas respectivas competencias.

 

5. O réxime patrimonial, financeiro e contable da Fundación Pública Hospital Virxe da Xunqueira e Fundación Pública Hospital da Barbanza estará conforme co disposto nas leis 11/1996, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997; 11/1991, do 8 de decembro, de reforma da Lei 7/1982, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego; 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupuestario de Galicia; o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, pola que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do procterorado das fundacións de interese galego, e demais normativa aplicable.

 

6. O persoal ó servicio destas fundacións públicas terá que aterse á seguinte normativa:

a) O réxime xurídico será o previsto nos respectivos estatutos.

b) Os sitemas de selección axustaranse á Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuacións de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia en materia de persoal e contratación (D.O.G. nº 227, do 20 de novembro de 1996.).

 

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

 
Primeira.- Apróbanse os estatutos das fundacións públicas Hospital Virxe da Xunqueira e do Hospital da Barbanza que figuran como anexo I e II respectivamente.

 

Segunda.- Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para o desenvolvemento do presente decreto e para concorrer ó outorgamento das cartas fundacionais.

 

Terceira.- A dotación inicial, que será aportada pola Xunta de Galicia, para a constitución de cada unha das dúas fundacións será de 75.000.000 (setenta e cinco millóns) de pesetas.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. 

 

ANEXO I

 

Estatutos da fundación pública

Hospital Virxe da Xunqueira

Cee-A Coruña

 
CAPÍTULO I

Disposicións xerais

 

1. Denominación, natureza, nacionalidade, ámbito e domicilio.

1. A fundación pública Hospital Virxe da Xunqueira (en diante, a fundación), de competencia autonómica, é unha entidade se ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia, que ten afectado de xeito duradeiro o seu patrimonio á realización dos fins de interese xeral que se detallan no artigo 6º destes estatutos.

2. O ámbito territorial no que desenvolve principalmente as súas actividades limítase á súa zona de influencia dentro da Comunidade de Galicia. Excepto no que se refire á súa actividade docente e investigadora nos eidos da sanidade e a saúde pública, que poderá alcanzar a toda España.

3. O domicilio poderá ser trasladado mediante acordo do padroado da fundación, de conformidade coas disposicións que resulten de aplicación.

A fundación poderá establecer delegacións ou centros naqueles lugares nos que desenvolva as súas funcións.

 

2. Duración.

A fundación constitúese por tempo indefinido, e comezará as súas actividades unha vez que quedase inserida no Rexistro de Fundacións, sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei 30/1994, do 24 de novembro e 9 da Lei do Parlamento de Galicia 7/1983, do 22 de xuño.

 

3. Réxime normativo.

1. A fundación rexerase polos presentes estatutos, polos regulamentos que regulen a súa organización, funcionamento e ordenación das diferentes actividades, así como polas disposicións legais que lle sexan aplicables; en concreto, pola Lei do Parlamento de Galicia 7/1983, do 22 de xuño, reformada parcialmente pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, de réxime das fundacións de interese galego, e polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, ou, se é o caso, as disposicións que as substitúan. 

2. Así mesmo, tamén se rexerá polas disposicións que lle sexan aplicables da Lei 30/1994, do 24 de novembro, sobre fundacións e de incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral; ó Real decreto 316/1996, do 23 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de competencia estatal ou disposicións que as substitúan, e polo resto das disposicións legais de dereito, civil, mercantil, laboral ou administrativo que sexan aplicables.

 

4. Personalidade e capacidade xurídica.

1. Para o cumprimento dos seus fins e en defensa dos intereses e dereitos, a fundación terá plena capacidade xurídica e de obrar. En consecuencia, con carácter enunciativo e non limitativo, poderá adquirir, posuír, reivindicar, permutar, gravar e allear toda clase de bens; realizar contratos, obrigarse, promover, seguir, opoñerse e desistir dos procedementos que fosen oportunos; exercita-las accións, excepcións e recursos que segundo a lei lle correspondan ante toda clase de tribunais, organismos, corporacións, autoridades competentes e entidades, tanto de dereito público como de dereito privado e, en xeral, tódolos actos necesario para conseguir, conforme a lexislación aplicable a cada suposto, os obxetivos establecidos nestes estatutos.

2. A fundación adquirirá personalidade xurídica desde a inscrición da escritura pública de constitución no rexistro correspondente, se prexuízo da validez das actuacións imprescindibles realizadas durante a súa formación, que se entenderá asumidas automaticamente por esta unha vez inscrita.

 

5. Obxeto.

O obxeto da fundación é a realización da actividades de promoción, prestación e xestión directa ou indirecta de recursos e servicios sanitarios, a docencia e investigación de ciencias da saúde, e a promoción da saúde individual e colectiva da comunidade en calquera das súas vertentes, así como a realización doutras actividades que poden colaborar á consecución do obxetivo fundacional.

Tódalas actividades que constitúen o obxeto fundacional desenvolveranse con suxeición ós criterios de planificación e coordinación e ás directrices de carácter xeral emanadas da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde no ámbito das súas respectivas competencias.

A coordinación concreta do desenvolvemento da súa actividade realizarase a través do complexo hospitalario de referencia da área sanitaria onde se encontre a súa área de influencia.

 

6. Finalidade.

1.Os fins da fundación serán sempre de interese xeral:

a) A prestación de servicios sanitarios, a promoción da saúde e a prevención das enfermidades, en concordancia cos criterios de atención primaria e especializada.

b) As prestacións de servicios sociosanitarios en concordancia cos criterios da asistencia sociosanitaria.

c) A docencia relacionada coas ciencias da saúde, así como as actividades de investigación, estudio e divulgación sanitaria; poderá establecer convenios coa universidade e demais institucións competentes nesta materia.

d) A participación en programas de protección da saúde, prevención da enfermidade, asistencia sanitaria e sociosanitaria.

e) A formación e actualización dos coñecementos do persoal da fundación.

f) Promociona-lo desenvolvemento dos recursos sanitarios a través de accións e programas propios ou con entidades concertadas.

g) Calquera outro relacionado coas finalidades citadas que acorde o padroado.

2. O obxeto fundacional poderá realizarse de maneira directa ou a través de contratos, concertos e convenios de colaboración con terceiras persoas.

3. A fundación, en cumprimento dos seus fins, estará obrigada a dar publicidade suficiente dos seus obxetivos e actividades.

 

7. Dos beneficiarios.

Terán a condición de beneficiarios todas aquelas persoas que teñan dereito á asistencia sanitaria gratuíta dentro do sistema nacional de saú

de. A súa especificación, así como o alcance das prestacións sanitarias, será determinados pola normativa vixente ou concerto entre o Servicio Galego de Saúde e a fundación.

A asistencia sanitaria ás persoas que non teñan a condición de beneficiarios efectuarase a cambio dunha contraprestación económica que sufrague o custo do servicio, conforme o que se determine.

 

8. Protectorado.

1. A Xunta de Galicia asumirá a función de protectorado; as facultades deste será exercitas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, sen prexuízo das competencias da Consellería da Presidencia e Administración Pública no relativo ó Rexistro das Fundacións de Interese Galego.

2. O protectorado, en exercicio da fundación tuitiva que lle corresponde sobre a fundación, exercerá as facultades que lle atribúe a lexislación vixente na materia.

 

CAPÍTULO II

 
Órganos da fundación

 

9. Órganos da fundación.

a) Órgano de goberno: a fundación estará rexida polo seu padroado, órgano de goberno, integrado polo presidente, vicepresidente, os vocais e o secreterio.

b) Órganos de xestión: serán o director e os demais cargos directivos de primeiro nivel da fundación.

 

SECCIÓN 1ª

 
O padroado

 

10. Composición.

1. O padroado é o órgano de goberno superior da fundación que asume a súa dirección e control.

2. O padroado comporase dos seguintes membros:

a) Patróns natos: ocupan a praza en virtude do seu cargo e perderán a súa condición ó cesaren naquel. Son os seguintes:

1) Presidente: o director-xerente do Complexo Hospitalario Juan Canalejo-Marítimo Oza.

2) Vocais natos:

- O director médico do Complexo Hospitalario Juan Canalejo-Marítimo Oza.

- O director de xestión (ou director operativo) do Complexo Hospitalario Juan Canalejo-Marítimo Oza.

- O xerente da área de atención primaria.

- O director da fundación.

b) Patróns electivos: son designados por períodos de dous anos, e cesarán ó concluíren o seu mandato se este non é prorrogado. Son os seguintes:

- Tres persoas designadas polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

- Tres persoas designadas polo presidente do Servicio Galego de saúde.

c) Vicepresidente: será un membro do padroado elixido de entre eles.

d) Secretario: con voz pero sen voto, que será designado polo padroado entre o persoal que lles preste servicios ó hospital, á Consellería de Sanidade e Servicos Sociais ou ó Servicio Galego de Saúde e sexa licenciado en dereito.

O secretario realizará a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias de orde do presidente.

Así mesmo, levantará acta das sesións do padroado e autorizaas co visto e prace do presidente. As certificacións de acordos do padroado serán expedidas con estas mesmas sinaturas.

3. O conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais poderá nomear ata un máximo de tres persoas máis, que poderán asistir ás reunións do padroado e formarán parte do mesmo en calidade de vocais-asesores con dereito a voz e sen voto.

4. Os membros natos do padroado poderán designar un representante que actúe no seu nome.

 

11. Funcións do padroado.

Con estricta suxeición á normativa vixente, ós criterios de planificación, coordinación e ás directrices de carácter xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde, serán funcións do padroado as seguintes:

a) Determina-los criterios de actuación da fundación dentro do marco fixado polos estatutos.

b) Adopta-las medidas e disposicións convenientes que garantan o mellor cumprimento dos fins establecidos.

c) Aprobación dos plans xerais, económicos, financeiros, operativos, de obras e investimento e a súa periodificación anual, que deben reflectirse nos orzamentos anuais que tamén ha de aprobar.

d) Aprobar periódicamente os plans asistenciais, docentes e de investigación, e os seus resultados.

e) Aproba-lo inventario-balance anual, a liquidación do orzamento e da conta de resultados consecuencia da xestión asistencial e económica da entidade no período anterior.

f) Nomea-lo director e fixa-las relacións contractuais. Por proposta do director, nomea-los cargos directivos e fixa-las súas atribucións.

g) Autoriza-la política de persoal e réxime retributivo dentro dos límites legais e, en particular, a aprobación do cadro de persoal fixando os criterios da súa selección.

h) Adopta-los acordos de disposición e gravame sobre os bens mobles e inmobles que constitúen o patrimonio da fundación.

i) Autoriza-los contratos de obras.

j) Aproba-los contratos de servicios e subministracións da fundación. Esta función poderá ser delegada no director ata o límite fixado polo padroado.

k) Aproba-la memoria anual da fundación.

l) Aproba-los acordos e/ou convenios que considere de interese para a mellor consecución dos seus fins.

m) Adopta-lo logotipo, selo ou selos como imaxe representativa da fundación, e autoriza-lo seu uso na forma que considere oportuno.

n) Aproba-los criterios de facturación e de ordenamento de pagamentos propostos polo director.

ñ) Acorda-lo exercicio das accións e excepcións que considere oportunas, así como os recursos e reclamacións xudiciais e administrativos, en defensa dos dereitos e intereses da fundación.

o) Aceptar doazóns cando comporten algunha condición ou modalidade onerosa, así como legados e herdanzas a beneficio de inventario; non obstante, para repudialos precísase a autorización expresa do protectorado.

p) Calquera outra función non asignada expresamente a outro órgano.

q) Con suxeición á normativa vixente, o padroado poderá conferir apoderamentos ou delega-las suás funcións no director, comisións ou comités que se constitúan e cargos directivos da fundación, así como encomendarlles a entidades aspectos concretos da xestión.

 

12. Funcionamento, convocatoria e acordos.

1. Periodicidade das sesións:

O padroado reunirase en sesión ordinaria polo menos dúas veces ó ano, nas cales terán que aprobarse respectivamente, os orzamentos e as contas anuais da fundación.

O presidente poderá convoca-lo padroado a reunións extraordinarias cando o considere oportuno e, en calquera caso, sempre que así o soliciten por escrito polo menos a metade máis un dos patróns nomeados. A solicitude dos patróns terá que especifica-los asuntos que deberán ser incluídos na orde do día. A devandita reunión ha de realizarse dentro dos quince días desde que o presidente reciba a solicitude escrita de convocatoria.

2. Convocatoria:

Para a válida constitución das sesións requírese a convocatoria por escrito dirixida a cada vocal na que se expresará a orde do día, lugar e hora da sesión, con cinco días de antelación. En caso de sesión extraordinaria, a convocatoria poderá realizarse con vintecatro horas de antelación por un medio que permita deixar constancia. Así mesmo, considerase constituído o padroado en sesión estraordinaria cando ó estar presentes a totalidade dos seus membros así o acorden. En tal caso, o padroado quedará validamente constituído para trata-los temas que unamimemente decidisen incluír na orde do día os membros con dereito a voto.

3. Acordos:

Para que quede validamente constituído o padroado requírese a concorrencia, presentes ou representados por outros membros do padroado, da metade máis un dos membros.

Os acordos, se a lei non esixe un quórum especial, adoptaranse por maioría absoluta e, no caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Non serán válidos os acordos que non consten na orde do día, agás que unanimemente todo o padroado lle engadise algún punto que ampare a adopción do acordo.

 

13. Presidente.

Correspóndenlle ó presidente do padroado as seguintes funcións:

a) Exerce-la representación da fundación e do seu padroado.

b) Convocar, presidir, suspender e levanta-las sesións, arbitra-las deliberacións do padroado e desface-los empates co seu voto de calidade.

c) Autoriza-la asistencia doutras persoas ás reunións do padroado, en calidade de acompañantes dos membros, se a súa presencia se considera conveniente pola natureza das cuestións que se van debater.

d) Supervisa-las operacións da fundación, e presentarlle ó padroado os informes que considere oportunos.

e) Exercer, en caso de urxencia, toda clase de accións, excepcións e recursos xudiciais e administrativos en defensa dos dereitos e intereses da fundación, e informar disto na primeira sesión que realice o padroado.

f) Calquera outra función que lle sexa validamente encomendada ou delegada polo padroado.

 

14. Vicepresidente.

Son funcións do vicepresidente:

a) Substituí-lo presidente e exerce-las súas funcións en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

b) Aquelas que por escrito lle sexan delegadas polo presidente. A delegación das funcións do Art. 13º f requerirá a previa autorización do padroado.

 

SECCIÓN 2ª

 

O director

 

15. O director.

1. O padroado nomeará un director, que será o superior órgano unipersoal de xestión da fundación.

2. A fundación formalizará co director un contrato laboral adecuado ó seu labor funcional. En ningún caso a duración do contrato poderá exceder de 4 anos, prorrogables por acordo das partes e consonte as disposicións aplicables na materia.

 

16. Funcións do director.

Corresponderanlle ó director as seguintes funcións:

a) Executar e facer cumpri-los acordos do padroado e as instruccións do presidente impartidas no marco das súas atribucións.

b) Exercer, por delegación do presidente, a representación da fundación, sen prexuízo da representación que lle corresponde ó vicepresidente nos supostos de ausencia do presidente.

c) Propoñer e executa-las estratexias e políticas de actuación da fundación.

d) Dirixir, xestionar e inspeccionar, conforme as directrices do padroado, a organización e actividades da fundación que conduzcan á consecución e mantemento dun alto nivel na práctica asistencial e demais fins da fundación.

e) Establecer, aprobar e facer cumpri-las normas de funcionamento interno da fundación, globais e en cada unha das súas unidades organizativas.

f) Elaborar e propoñerlle ó padroado o orzamento anual de gastos e ingresos e, se é o caso, as modificacións.

g) Administra-lo patrimonio segundo as leis e as atribucións conferidas polo padroado.

h) Ordena-los pagamentos e a xestión de tesourería de acordo cos criterios aprobados polo padroado.

i) Dentro los límites establecidos polo padroado, a adquisición de bens e servicios, así como a contratación de obras.

j) Propoñerlle ó padroado o nomeamento e cesamento dos cargos directivos.

k) Desenvolve-la política de persoal deseñada polo padroado e, para tal fin, selecciona-lo persoal, concertar ou rescindir relacións laborais, acordar sancións e executa-los acordos do padroado sobre o réxime retributivo.

l) Informar regularmente ó padroado dos resultados de xestión, clínicos, operativos e financeiros e, especialmente, prepara-la memoria do exercicio e o balance da situación.

m) Exercer en caso de urxencia, por delegación do presidente, as accións, excepcións, recursos e reclamacións xudiciais e administrativas en defensa dos dereitos e intereses da fundación, e informa-lo padroado na primeira sesión que se realice.

n) Calquera outra función que lle delegue o padroado.

Capítulo III

Réxime patrimonial, financeiro e contable

 

17. O patrimonio.

1. O patrimonio da fundación poderá estar constituído por bens e dereitos de calquera clase. A súa adquisición, administración e disposición correspóndelles ós órganos da fundación de acordo con estes estatutos.

2. Poderán adcribirse á fundación bens e dereitos sen que isto implique a transmisión do dominio. Esta clase de bens e dereitos deberán figurar no balance da entidade polo seu valor de cesión e debidamente separados daqueles que fosen adquiridos ou se adquiran no exercicio da actividade da fundación, e, polo tanto, deban estar incorporados ó seu patrimonio.

As melloras, reparacións, conservación e mantemento destes bens serán por conta da fundación.

A fundación non poderá allear nin dar de baixa ningún elemento, ben ou equipo que figure en réxime de cesión sen obter, previamente, a autorización dos órganos competentes para iso.

3. O patrimonio da fundación quedará reflectido no inventario que ha de revisar e aprobar anualmente o padroado. Os bens que sexan susceptibles de inscripción, inscribiranse no Rexistro da Propiedade. Os fondos públicos e valores mobiliarios deberán depositarse ó seu nome nos establecementos financeiros ou Caixa Xeral de Depósitos.

4. Os bens que integran o patrimonio fundacional, sen prexuízo dos actos necesarios para a súa xestión e administración, quedan vinculados exclusivamente ó cumprimento directo ou indirecto dos fins fundacionais.

 

18. Réxime e recursos económicos.

1. Os recursos económicos da fundación compóñense de:

a) A dotación inicial.

b) Os ingresos procedentes da facturación dos seus servicios.

c) Os derivados de contratos, concertos e convenios con persoas físicas ou xurídicas, ou entidades públicas ou privadas de calquera tipo.

d) Os ingresos procedentes das sociedades filiais ou empresas nasque participe.

e) Os rendementos do seu patrimonio.

f) Subvencións, axudas, donativos, ou legados e herdanzas aceptados.

g) Os créditos e préstamos que lle sexan concedidos.

h) Calquera outro, no marco legal aplicable.

2. O proxecto de orzamento anual de ingresos e gastos seralle presentado ó padroado antes do 1 de xuño, conforme a estructura e contido sinalado no artigo 21 e seguientes da Lei 11/1991, do 8 de novembro, e no capítulo V e seguintes do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, ou pola normativa que as substitúa en cada momento.

3. O referido proxecto de orzamento será aprobado polo padroado antes do 20 de xuño de cada ano, previo ó exercicio económico, e ha de remitírselle, a través da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, á Consellería de Economía e Facenda antes do 1 de xullo para a elaboración do anteproxecto da Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma. En calquera caso, a antedita aprobación, no relativo ás achegas que se vaian percibir con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, considerarase condicionada ás resultantes de tramitación e definitiva aprobación destes.

4. Sen prexuízo do previsto nos parágrafos anteriores, respecto do réxime financeiro e orzamentario haberá que aterse ó que prevexa a Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, para as sociedades públicas autonómicas ás que se refire o artigo 12º 1.a) da dita lei.

5. A fundación só poderá concertar aperacións de crédito por necesidades de tesourería por un período de amortización de capital e xuro inferior a un ano, e sempre que se destine o seu importe ós fins da fundación, sen supera-lo límite máximo que para cada exercicio se establece na Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma.

6. Na contratación, a fundación ha de someterse ás normas de dereito privado. En calquera caso, a adquisición de bens e servicios e a execución de obras someterase ós principios de publicidade e libre concorrencia. 

 

19. Réxime contable e control financeiro.

1. Na xestión e rexistro de actividades económicas e patrimoniais seralle aplicable o Plan Xeral de Contabilidade Pública.

2. Verbo do control financeiro permanente da fundación, haberá que aterse ó disposto na Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia. 

 

CAPÍTULO IV

 

Réxime de persoal

 

20. Réxime de persoal.

1. O réxime xurídico do persoal da fundación será de carácter laboral, coas garantías que establece para este efecto o Estatuto dos traballadores e demais normas laborais.

2. A fundación deberá aplicarlles, en calquera caso, ós sistemas de selección de persoal ó seu servicio os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

3. Tamén, e co obxeto de garanti-la adecuada coordinación e optimación dos recursos sanitarios públicos existentes na mesma área de saúde, poderán desempeña-lo seu traballo na fundación os facultativos especialistas de área procedentes do complexo hospitalario de referencia, na forma que estableza a súa xerencia en coordinación cos dirección da fundación.

 

CAPÍTULO V

 
Extinción

 

21. Extinción da fundación.

1. A disolución da fundación realizarase por acordo dos membros do padroado ou por imposibilidade legal ou material de cumpri-los sus obxetivos. No caso de acordo de disolución, este requirirá maioría reforzada (2/3 do número legal dos membros) e a ratificación do protectorado.

Así mesmo, a fundación extinguirase nos outros supostos legalmente previstos.

2. O acordo de disolución determinará a forma en que se procederá á liquidación dos bens pertencentes á fundación, que en todo caso pasarán a integrarse no patrimonio da Xunta de Galicia, adscrito ó Sergas.

O Consello da Xunta de Galicia designará unha comisión liquidadora, constituída por 3 peritos de recoñecida profesionalidade, non vinculados á fundación nos 5 anos anteriores ó seu nomeamento, que lle elevarán ó consello unha proposta sobre o procedemento para a formalización da disolución. 

 

ANEXO II

 

Estatutos da fundación pública

Hospital da Barbanza

 

Ribeira-A Coruña

 
CAPÍTULO I

 

Disposicións xerais

 

1. Denominación, natureza, nacionalidade, ámbito e domicilio.

1. A fundación pública Hospital da Barbanza (en diante, a fundación), de competencia autonómica, é unha entidade sen ánimo de lucro, con personalidade xurídica propia, que ten afectado de xeito duradeiro o seu patrimonio á realización dos fins de interese xeral que se detallan no artigo 6º destes estatutos.

2. O ámbito territorial no que desenvolve principalmente as súas actividades limítase á súa zona de influencia dentro da Comunidade de Galicia excepto no que se refire á súa actividade docente e investigadora nos eidos da sanidade e a saúde pública, que poderá alcanzar a toda España.

3. O domicilio da fundación radica no Hospital da Barbanza, concello de Ribeira, provincia da Coruña.

O domicilio poderá ser trasladado mediante acordo do padroado da fundación, de conformidade coas disposicións que resulten aplicables.

A fundación poderá establecer delegacións ou centros naqueles lugares nos que desenvolva as súas funcións.

 

2. Duración.

A fundación constitúese por tempo indefinido, e comezará as súas actividades unha vez que quedase inserida no Rexistro de Fundacións, sen prexuízo do disposto no artigo 11 da Lei 30/1994, do 24 de novembro e 9 da Lei do Parlamento de Galicia 7/1983, do 22 de xuño.

 

3. Réxime normativo.

1. A fundación rexerase polos presentes estatutos, polos regulamentos que regulen a súa organización, funcionamento e ordenación das diferentes actividades, así como polas disposicións legais que lle sexan aplicables; en concreto, pola Lei do Parlamento de Galicia 7/1983, do 22 de xuño, reformada parcialmente pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, de réxime das fundacións de interese galego, e polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, ou, se é o caso, as disposicións que as substitúan. 

2. Así mesmo, tamén se rexerá polas disposicións que lle sexan aplicables da Lei 30/1994, do 24 de novembro, sobre fundacións e de incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral; ó Real decreto 316/1996, do 23 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de competencia estatal ou disposicións legais de dereito, civil, mercantil, laboral ou administrativo que sexan aplicables.

 

4. Personalidade e capacidade xurídica.

1. Para o cumprimento dos seus fins e en defensa dos intereses e dereitos, a fundación terá plena capacidade xurídica e de obrar. En consecuencia, con carácter enunciativo e non limitativo, poderá adquirir, posuír, reivindicar, permutar, gravar e allear toda clase de bens; realizar contratos, obrigarse, promover, seguir, opoñerse e desistir dos procedementos que fosen oportunos; exercita-las accións, excepcións e recursos que segundo a lei lle correspondan ante toda clase de tribunais, organismos, corporacións, autoridades competentes e entidades, tanto de dereito público como de dereito privado e, en xeral, tódolos actos necesarios para conseguir, conforme a lexislación aplicable a cada suposto, os obxetivos establecidos nestes estatutos.

2. A fundación adquirirá personalidade xurídica desde a inscrición da escritura pública de constitución no rexistro correspondente, sen prexuízo da validez das actuacións imprescindibles realizadas durante a súa formación, que se entenderán asumidas automaticamente por esta unha vez inscrita.

 

5. Obxeto.

O obxeto da fundación é a realización de actividades de promoción, prestación e xestión directa ou indirecta de recursos e servicios sanitarios, a docencia e investigación de ciencias da saúde, e a promoción da saúde individual e colectiva da comunidade en calquera das súas vertentes, así como a realización doutras actividades que poden colaborar á consecución do obxetivo fundacional.

Tódalas actividades que constitúen o obxeto fundacional desenvolveranse con suxeición ós criterios de planificación e coordinación e ás directrices de carácter xeral emanadas da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde no ámbito das súas respectivas competencias.

A coordinación concreta do desenvolvemento da súa actividade realizarase a través do complexo hospitalario de referencia da área sanitaria onde se encontre a súa área de influencia. 

 

6. Finalidade.

1.Os fins da fundación serán sempre de interese xeral:

a) A prestación de servicios sanitarios, a promoción da saúde e a prevención das enfermidades, en concordancia cos criterios de antención primaria e especializada.

b) As prestacións de servicios sociosanitarios en concordancia cos criterios da asistencia sociosanitaria.

c) A docencia relacionada coas ciencias da saúde, así como as actividades de investigación, estudio e divulgación sanitaria; poderá establecer convenios coa universidade e demais institucións competentes nesta materia.

d) A participación en programas de protección da saúde, prevención da enfermidade, asistencia sanitaria e sociosanitaria.

e) A formación e actualización dos coñecementos do persoal da fundación.

f) Promociona-lo desenvolvemento dos recursos sanitarios a través de accións e programas propios ou con entidades concertadas.

g) Calquera outro relacionado coas finalidades citadas que acorde o padroado.

2. O obxeto fundacional poderá realizarse de maneira directa ou a través de contratos, concertos e convenios de colaboración con terceiras persoas.

3. A fundación, en cumprimento dos seus fins, estará obrigada a dar publicidade suficiente dos seus obxetivos e eactividades.

 

7. Dos beneficiarios.

Terán a condición de beneficiarios todas aquelas persoas que teñan dereito á asistencia sanitaria gratuíta dentro do sistema nacional de saúde. A súa especificación, así como o alcance das prestacións sanitarias, serán determinados pola normativa vixente ou concerto entre o Servicio Galego de Saúde e a fundación.

A asistencia sanitaria ás persoas que non teñan a condición de beneficiarios efectuarase a cambio dunha contraprestación económica que sufrague o custo do servicio, conforme o que se determine. 

 

8. Protectorado.

1. A Xunta de Galicia asumirá a función de protectorado. As facultades deste serán exercidas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, sen prexuízo das competencias da Consellería da Presidencia no relativo ó Réxistro das Fundacións de Interese Galego.

2. O protectorado, en exercicio da fundación tuitiva que lle corresponde sobre a fundación, exercerá as facultades que lle atribúe a lexislación vixente na materia.

 

CAPÍTULO II

 

Órganos da fundación

 

9. Órganos da fundación.

a) Órgano de goberno: a fundación estará rexida polo seu padroado, órgano de goberno, integrado polo presidente, vicepresidente, os vocais e o secreterio.

b) Órganos de xestión: serán o director e os demais cargos directivos de primeiro nivel da fundación.

 

SECCIÓN 1ª

 
O padroado

 

10. Composición.

1. O padroado é o órgano de goberno superior da fundación que asume a súa dirección e control.

2. O padroado comporase dos seguintes membros:

a) Patróns natos: ocupan a praza en virtude do seu cargo e perderán a súa condición ó cesaren naquel. Son os seguintes:

1) Presidente: o director-xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

2) Vocais natos:

- O director médico do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

- O director de xestión (ou director operativo) do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

- O xerente da área de atención primaria.

- O director da fundación.

b) Patróns electivos: son designados por períodos de dous anos, e cesarán ó concluíren o seu mandato se este non é prorrogado. Son os seguintes:

- Tres persoas designadas polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

- Tres persoas designadas polo presidente do Servicio Galego de saúde.

c) Vicepresidente: será un membro do padroado elixido de entre eles.

d) Secretario: con voz pero sen voto, que será designado polo padroado entre o persoal que lles preste servicios ó hospital, á Consellería de Sanidade e Servicos Sociais ou ó Servicio Galego de Saúde e sexa licenciado en dereito.

O secretario realizará a convocatoraia das sesións ordinarias e extraordinarias de orde do presidente.

Así mesmo, levantará acta das sesións do padroado e autorizaas co visto e prace do presidente. As certificacións de acordos do padroado serán expedidas con estas mesmas sinaturas.

3. O conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais poderá nomear ata un máximo de tres persoas máis, que poderán asistir ás reunións do padroado e formarán parte do mesmo en calidade de vocais-asesores con dereito a voz e sen voto.

4. Os menbros natos do padroado poderán designar un representante que actúe no seu nome.

 

11. Funcións do padroado.

Con estricta suxeición á normativa vixente, ós criterios de planificación, coordinación e ás directrices de carácter xeral da Consellería de Sanidade e do Servicio Galego de Saúde, serán funcións do padroado as seguintes:

a) Determina-los criterios de actuación da fundación dentro do marco fixado polos estatutos.

b) Adopta-las medidas e disposicións convenientes que garantan o mellor cumprimento dos fins establecidos.

c) Aprobación dos plans xerais, económicos, financeiros, operativos, de obras e investimento e a súa periodificación anual, que deben reflectirse nos orzamentos anuais que tamén ha de aprobar.

d) Aprobar periodicamente os plans asisten-ciais, docentes e de investigación, e os seus resultados.

e) Aproba-lo inventario-balance anual, a liquidación do orzamento e da conta de resultados consecuencia da xestión asistencial e económica da entidade no período anterior.

f) Nomea-lo director e fixa-las relacións contractuais. Por proposta do director, nomea-los cargos directivos e fixa-las súas atribucións.

g) Autoriza-la política de persoal e réxime retributivo dentro dos límites legais e, en particular, a aprobación do cadro de persoal fixando os criterios da súa selección.

h) Adopta-los acordos de disposición e gravame sobre os bens mobles e inmobles que constitúen o patrimonio da fundación.

i) Autoriza-los contratos de obras.

j) Aproba-los contratos de servicios e subministracións da fundación. Esta función poderá ser delegada no director ata o límite fixado polo padroado.

k) Aproba-la memoria anual da fundación.

l) Aproba-los acordos e/ou convenios que considere de interese para a mellor consecución dos seus fins.

m) Adopta-lo logotipo, selo ou selos como imaxe representativa da fundación, e autoriza-lo seu uso na forma que considere oportuno.

n) Aproba-los criterios de facturación e de ordenamento de pagamentos propostos polo director.

ñ) Acorda-lo exercicio das accións e excepcións que considere oportunas, así como os recursos e reclamacións xudiciais e administrativos, en defensa dos dereitos e intereses da fundación.

o) Aceptar doazóns cando comporten algunha condición ou modalidade onerosa, así como legados e herdanzas a beneficio de inventario; non obstante, para repudialos precísase a autorización expresa do protectorado.

p) Calquera outra función non asignada expresamente a outro órgano.

q) Con suxeición á normativa vixente, o padroado poderá conferir apoderamentos ou delega-las suás funcións no director, comisións ou comités que se constitúan e cargos directivos da fundación, así como encomendarlles a entidades aspectos concretos da xestión.

 

12. Funcionamento, convocatoria e acordos.

1. Periodicidade das sesións:

O padroado reunirase en sesión ordinaria polo menos dúas veces ó ano, nas cales terán que aprobarse respectivamente, os orzamentos e as contas anuais da fundación.

O presidente poderá convoca-lo padroado a reunións extraordinarias cando o considere oportuno e, en calquera caso, sempre que así o soliciten por escrito polo menos a metade máis un dos patróns nomeados. A solicitude dos patróns terá que especifica-los asuntos que deberán ser incluídos na orde do día. A devandita reunión ha de realizarse dentro dos quince días desde que o presidente reciba a solicitude escrita de convocatoria.

2. Convocatoria:

Para a válida constitución das sesións requírese a convocatoria por escrito dirixida a cada vocal na que se expresará a orde do día, lugar e hora da sesión, con cinco días de antelación. En caso de sesión extraordinaria, a convocatoria poderá realizarse con vintecatro horas de antelación por un medio que permita deixar constancia. Así mesmo, considerase constituído o padroado en sesión estraordinaria cando ó estar presentes a totalidade dos seus membros así o acorden. En tal caso, o padroado quedará validamente constituído para trata-los temas que unanimemente decidisen incluír na orde do día os membros con dereito a voto.

3. Acordos:

Para que quede validamente constituído o padroado requírese a concorrencia, presentes ou representados por outros membros do padroado, da metade máis un dos membros.

Os acordos, se a lei non esixe un quórum especial, adoptaranse por maioría absoluta e, no caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Non serán válidos os acordos que non consten na orde do día, agás que unanimemente todo o padroado lle engadise algún punto que ampare a adpoción do acordo.

 

13. Presidente.

Correspóndenlle ó presidente do padroado as seguintes funcións:

a) Exerce-la representación da fundación e do seu padroado.

b) Convocar, presidir, suspender e levanta-las

sesións, arbitra-las deliberacións do padroado e desface-los empates co seu voto de calidade.

c) Autoriza-la asistencia doutras persoas ás reunións do padroado, en calidade de acompañantes dos membros, se a súa presencia se considera conveniente pola natureza das cuestións que se van debater.

d) Supervisa-las operaciósn da fundación, e presentarlle ó padroado os informes que considere oportunos.

e) Exercer, en caso de urxencia, toda clase de accións, excepcións e recursos xudiciais e administrativos en defensa dos dereitos e intereses da fundación, e informar disto na primeira sesión que realice o padroado.

f) Calquera outra función que lle sexa validamente encomendada ou delegada polo padroado.

 

14. Vicepresidente.

Son funcións do vicepresidente:

a) Substituí-lo presidente e exerce-las súas funcións en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

b) Aquelas que por escrito lle sexan delegadas polo presidente. A delegación das funcións do Art. 13º f requerirá a previa autorización do padroado.

 

SECCIÓN 2ª

 
O director

 

15. O director.

1. O padroado nomeará un director, que será o superior órgano unipersoal de xestión da fundación.

2. A fundación formalizará co director un contrato laboral adecuado ó seu labor funcional. En ningún caso a duración do contrato poderá exceder de 4 anos, prorrogables por acordo das partes e consonte as disposicións aplicables na materia.

 

16. Funcións do director.

Corresponderanlle ó director as seguintes funcións:

a) Executar e facer cumpri-los acordos do padroado e as instruccións do presidente impartidas no marco das súas atribucións.

b) Exercer, por delegación do presidente, a representación da fundación, sen prexuízo da representación que lle corresponde ó vicepresidente nos supostos de ausencia do presidente.

c) Propoñer e executa-las estratexias e políticas de actuación da fundación.

d) Dirixir, xestionar e inspeccionar, conforme as directrices do padroado, a organización e actividades da fundación que conduzan á consecución e mantemento dun alto nivel na práctica asistencial e demais fins da fundación.

e) Establecer, aprobar e facer cumpri-las normas de funcionamento interno da fundación, globais e en cada unha das súas unidades organizativas.

f) Elaborar e propoñerlle ó padroado o orzamento anual de gastos e ingresos e, se é o caso, as modificacións.

g) Administra-lo patrimonio segundo as leis e as atribucións conferidas polo padroado.

h) Ordena-los pagamentos e a xestión de tesourería de acordo cos criterios aprobados polo padroado.

i) Dentro los límites establecidos polo padroado, a adquisición de bens e servicios, así como a contratación de obras.

j) Propoñerlle ó padroado o nomeamento e cesamento dos cargos directivos.

k) Desenvolve-la política de persoal deseñada polo padroado e, para tal fin, selecciona-lo persoal, concertar ou rescindir relacións laborais, acordar sancións e executa-los acordos do padroado sobre o réxime retributivo.

l) Informar regularmente ó padroado dos resultados de xestión, clínicos, operativos e financeiros e, especialmente, prepara-la memoria do exercicio e o balance da situación.

m) Exercer en caso de urxencia, por delegación do presidente, as accións, excepcións, recursos e reclamacións xudiciais e administrativas en defensa dos dereitos e intereses da fundación, e informa-lo padroado na primeira sesión que se realice.

n) Calquera outra función que lle delegue o padroado.

 

CAPÍTULO III

 
Réxime patrimonial, financeiro e contable

 

17. O patrimonio.

1. O patrimonio da fundación poderá estar constituído por bens e dereitos de calquera clase. A súa adquisición, administración e disposición correspóndelles ós órganos da fundación de acordo con estes estatutos.

2. Poderán adcribirse á fundación bens e dereitos sen que isto implique a transmisión do dominio. Esta clase de bens e dereitos deberán figurar no balance da entidade polo seu valor de cesión e debidamente separados daqueles que fosen adquiridos ou se adquiran no exercicio da actividade da fundación, e, polo tanto, deban estar incorporados ó seu patrimonio.

a) As melloras, reparacións, conservación e mantemento destes bens serán por conta da fundación.

b) A fundación non poderá allear nin dar de baixa ningún elemento, ben ou equipo que figure en réxime de cesión sen obter, previamente, a autorización dos órganos competentes para iso.

3. O patrimonio da fundación quedará reflectido no inventario que ha de revisar e aprobar anualmente o padroado. Os bens que sexan susceptibles de inscripción, inscribiranse no Rexistro da Propiedade. Os fondos públicos e valores mobiliarios deberán depositarse ó seu nome nos establecementos financeiros ou Caixa Xeral de Depósitos.

4. Os bens que integran o patrimonio fundacional, sen prexuízo dos actos necesarios para a súa xestión e administración, quedan vinculados exclusivamente ó cumprimento directo ou indirecto dos fins fundacionais. 

 

18. Réxime e recursos económicos.

1. Os recursos económicos da fundación compóñense de:

a) A dotación inicial.

b) Os ingresos procedentes da facturación dos seus servicios.

c) Os derivados de contratos, concertos e convenios con persoas físicas ou xurídicas, ou entidades públicas ou privadas de calquera tipo.

d) Os ingresos procedentes das sociedades filiais ou empresas nasque participe.

e) Os rendementos do seu patrimonio.

f) Subvencións, axudas, donativos, ou legados e herdanzas aceptados.

g) Os créditos e préstamos que lle sexan concedidos.

h) Calquera outro, no marco legal aplicable.

2. O proxecto de orzamento anual de ingresos e gastos seralle presentado ó padroado antes do 1 de xuño, conforme a estructura e contido sinalado no artigo 21 e seguientes da Lei 11/1991, do 8 de novembro, e no capítulo V e seguintes do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, ou pola normativa que as substitúa en cada momento

3. O referido proxecto de orzamento será aprobado polo padroado antes do 20 de xuño de cada ano, previo ó exercicio económico, e ha de remitírselle, a través da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, á Consellería de Economía e Facenda antes do 1 de xullo para a elaboración do anteproxecto da Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma. En calquera caso, a antedita aprobación, no relativo ás achegas que se vaian percibir con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, considerarase condicionada ás resultantes de tramitación e definitiva aprobación destes.

4. Sen prexuízo do previsto nos parágrafos anteriores, respecto do réxime financeiro e orzamentario haberá que aterse ó que prevexa a Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, para as sociedades públicas autonómicas ás que se refire o artigo 12º. 1.a) da dita lei.

5. A fundación só poderá concertar operacións de crédito por necesidades de tesourería por un período de amortización de capital e xuro inferior a un ano, e sempre que se destine o seu importe ós fins da fundación, sen supera-lo límite máximo que para cada exercicio se establece na Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma.

6. Na contratación, a fundación ha de someterse ás normas de dereito privado. En calquera caso, a adquisición de bens e servicios e a execución de obras someterase ós principios de publicidade e libre concorrencia.

 

19. Réxime contable e control financeiro.

1. Na xestión e rexistro de actividades económicas e patrimoniais seralle aplicable o Plan Xeral de Contabilidade Pública.

2. Verbo do control financeiro permanente da fundación, haberá que aterse ó disposto na Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia. 

 

CAPÍTULO IV

 
Réxime de persoal

 

20. Réxime de persoal.

1. O réxime xurídico do persoal da fundación será de carácter laboral, coas garantías que establece para este efecto o Estatuto dos traballadores e demais normas laborais.

2. A fundación deberá aplicarlles, en calquera caso, ós sistemas de selección de persoal ó seu servicio os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

3. Tamén, e co obxeto de garanti-la adecuada coordinación e optimación dos recursos sanitarios públicos existentes na mesma área de saúde, poderán desempeña-lo seu traballo na fundación os facultativos especialistas de área procedentes do complexo hospitalario de referencia, na forma que estableza a súa xerencia en coordinación cos dirección da fundación.

 

CAPÍTULO V

 
Extinción

 

21. Extinción da fundación.

1. A disolución da fundación realizarase por acordo dos membros do padroado ou por imposibilidade legal ou material de cumpri-los sus obxetivos. No caso de acordo de disolución, este requirirá maioría reforzada (2/3 do número legal dos membros) e a ratificación do protectorado.

Así mesmo, a fundación extinguirase nos outros supostos legalmente previstos.

2. O acordo de disolución determinará a forma en que se procederá á liquidación dos bens pertencentes á fundación, que en todo caso pasarán a integrarse no patrimonio da Xunta de Galicia, adscrito ó Sergas.

O Consello da Xunta de Galicia designará unha comisión liquidadora, constituída por 3 peritos de recoñecida profesionalidade, non vinculados á fundación nos 5 anos anteriores ó seu nomeamento, que lle elevarán ó Consello unha proposta sobre o procedemento para a formalización da disolución.