Decreto 50/1992, do 19 de febreiro, polo que se crea a área de saúde do Barco de Valdeorras.

 

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 33 establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, podendo organizar e administrar para tal fin dentro do seu territorio tódolos servicios sanitarios.

O artigo 56 da Lei xeral de sanidade establece que as comunidades autónomas delimitarán e constituirán no seu territorio demarcacións denominadas áreas de saúde, debendo ter en conta, para tal efecto, os principios básicos que nela se establecen.

O Decreto 55/1989, do 5 de abril, aproba a revisión do mapa sanitario de Galicia, establecendo e definindo nove áreas de saúde.

Por outra banda, a disposición derradeira primeira 1 da Lei 8/1991, do 23 de xullo, de reforma da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde, faculta o Consello da Xunta de Galicia para establecer mediante decreto o ámbito territorial das áreas da saúde e o seu número, e para realiza-las oportunas adaptacións tendo en conta a ordenación territorial de Galicia vixente en cada momento. Todo isto sen prexuízo do sinalado na disposición derradeira primeira 2 da citada lei.

É un obxetivo deste Goberno a xestión eficaz dos recursos sanitarios. Con tal motivo, e unha vez consumado o traspaso dos servicios do Insalud á Comunidade Autónoma, é necesario levar a cabo unha remodelación nas actuais áreas de saúde, co obxecto de descentralizar e achega-los medios sanitarios á poboación, levando a cabo unha xestión integral dos recursos, o cal redundará en beneficio da saúde de tódolos galegos.

Ó advertir que non existe ningunha razón de carácter funcional desde o punto de vista sanitario que faga aconsellable manter como unha soa área de saúde dous espacios xeográficos tributarios cada un dun hospital de análogas características, e tendo en conta os principios descentralizadores que inspiran o Estado autonómico, considérase necesario dividi-la área de saúde de Monforte e crear dúas áreas de saúde, unha con cabeceira en Monforte de Lemos e outra con cabeceira no Barco de Valdeorras. 
A dita remodelación farase sen prexuízo da ordenación territorial, sanitaria de Galicia que, con vocación de permanencia, se levará a cabo en función do desenvolvemento da Lei do Servicio Galego de Saúde e dos estudios e actividades planificadoras postas en marcha pola Consellería de Sanidade.

Por iso e por proposta do conselleiro de Sanidade, no uso das atribucións que lle confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de febreiro de mil novecentos noventa e dous,

 

DISPOÑO:

 

1. 1. Créase a área de saúde do Barco.

2. Quedan integradas na área de saúde do Barco de Valdeorras as zonas de saúde de atención primaria da Rúa, Pobra de Trives, Viana do Bolo, A Veiga e O Barco de Valdeorras , a zona sanitaria de atención integrada do Barco de Valdeorras coas demarcacións xeográficas e de poboación que se sinalan no Decreto 55/1989, do 5 de abril.

3. A área de saúde do Barco de Valdeorras integrada na rexión sanitaria sur.

 

2. Mantense a área de saúde de Monforte de Lemos integrada polas zonas de saúde de atención primaria de Chantada, Pantón, Quiroga, O Saviñao, Folgoso do Courel e Monforte de Lemos e pola zona sanitaria de atención integrada de Monforte de Lemos coas demarcacións xeográficas e de poboación que se sinalan no Decreto 55/19899, do 5 de abril, e dentro da rexión sanitaria sur.

 

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

 

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior categoría se opoñan ó establecido no presente decreto.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.