Orde do 16 de xaneiro de 1997 pola que se posibilita o uso de receitas oficiais a determinados facultativos que non teñan a condición de estatutarios ou funcionarios, pero que presten servicios a pacientes do Servicio Galego de Saúde.

O artigo 105.1 do texto refundido da Lei da Seguridade Social, aprobada polo Real decreto 2065/194, do 30 de maio, sinala que asistencia farmacéutica comprenderá as fórmulas maxistrais, especialidades farmacéuticas e efectos ou accesorios que prescriban os facultativos da Seguridade Social.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, estableceu no ámbito do Sistema Nacional de Saúde, un modelo de organización caracterizado fundamentalmente pola xestión directa, admitindo a vinculación de hospitais de carácter privado, mediante convenios singulares e concertos para a prestación de servicios sanitarios con medios alleos.

A necesidade de novas fórmulas organizativas máis flexibles para facer fronte ás esixencias de eficiencia e rendibilidade social dos recursos públicos fixo que, no ámbito estatal, a través do Real decreto-lei 10/1996, do 17 de xuño, se ampliaran as posibilidades organizativas contidas na Lei xeral de sanidade, permitindo, no Sistema Nacional de Saúde, a xestión e administración indirecta dos centros, servicios e establecementos sanitarios de protección da súde e da atención sanitaria.

Por outra banda, as necesidades sanitarias e sociosanitarias de determinados colectivos consideran a conveniencia dun maior achegamento da asistencia sanitaria que se lles presta.

Por todo iso, faise necesaria a arbitraxe de medidas adecuadas paara evitar calquera xeito de discriminación entre a poboación da nosa Comunidade Autónoma, independentemente da forma en que se preste a asistencia sanitaria, sempre coas debidas garantías xurídicas e, en especial, no que se refire á prestación farmacéutica do Servicio Galego de Saúde.

Por todo o anterior, en uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

 

DISPOÑO:

 

1.1.- Poderán dispoñer de receitas oficiais do Servicio Galego de Saúde para a atención que deban prestarlles ós asegurados do organismo, previa autorización da secretaría xeral do mesmo:

- Os centros concertados sectorizados.

- As entidades de natureza pública e personalidade xurídica propia adscritas á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais ou ó Servicio Galego de Saúde.

- Os centros do sistema sanitario público autonómico constituídos baixo a forma xurídica de fundación.

2.- Os centros, a través dos correspondentes concertos ou convenios, responsabilizaranse da correcta utilización dos talonarios oficiais de receitas, incorporando nas súas normas de funcionamento interno os mecanismos de control e medidas de seguridade precisas para iso.

 

2. Os médicos internos residentes (MIR) dos centros do Servicio Galego de Saúde, facultativos de residencias da terceira idade e de minusválidos dependentes ou concertadas coa Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e facultativos das unidades asistenciais de drogodependencias, que presten servicios a pacientes do Servicio Galego de Saúde e sempre que existan razóns asistenciais que o xustifiquen poderán utilizar receitas oficiais na atención ós devanditos pacientes, logo de autorización individualizada da Secretaría Xeral do Servicio Galego de Saúde.

 

3. En todo caso, a utilización de receitas realizarase de acordo cos requisitos, condicións e criterios establecidos no Real decreto 1910/1984, do 26 de setembro, de receita médica; orde ministerial do 23 de maio de 1994, sobre modelos oficiais de receita médica para a prestación farmacéutica do Sistema Nacional de Saúde e demais normas de aplicación. Ademáis, os centros e facultativos deberán someterse ás normas de distribución e control de talonarios así como ós procedementos de avaliación e control da prestación farmacéutica establecidos polo Servicio Galego de Saúde.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da sua publicación no Diario oficial de Galicia.