Orde do 30 de setembro de 1994 pola que se sistematiza o réxime xurídico aplicable ós nomeamentos do persoal interino e substituto das clases de médicos, practicantes e matronas titulares.

Segundo o disposto na disposición transitoria terceira do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, as vacantes que deixen os funcionarios que actualmente prestan servicios no ámbito da atención primaria como consecuencia do concurso de traslados, así como as vacantes das clases de médicos, practicantes e matronas titulares ocupadas por persoal interino e calquera outra vacante que se produza no mesmo ámbito na Comunidade Autónoma, pasarán a ser postos de traballo do novo sistema co réxime xurídico propio do persoal estatutario, sen prexuizo de que, con carácter temporal, se manteña o réxime xurídico e retributivo anterior, ata a constitución da correspondente unidade de atención primaria.

A cobertura de vacantes e demais necesidades de nomeamentos ou contratacións de carácter temporal do persoal estatutario que presta servicios nas institucións sanitarias do Sergas regulaméntase polo pacto subscrito con data do 27 de abril de 1994, sobre nomeamentos e contratacións temporais do persoal ó servicio das institucións sanitarias do Sergas, o ámbito de aplicación do cal se estende a toda a Comunidade Autónoma galega.

Por iso, tendo en conta o carácter estatutario das ditas prazas, sen prexuízo de que, con carácter temporal, se manteña o réxime xurídico e retributivo anterior ata a constitución da correspondente unidade de atención primaria, co fin de establecer un sistema unificador comprensivo da totalidade dos nomeamentos e contratacións temporais do persoal que presta os seus servicios nas institucións sanitarias do Sergas, resulta necesario incluír no ámbito de aplicación do pacto aludido as prazas de facultativos de clases de médicos, practicantes e matronas titulares referidas na disposición transitoria terceira do Decreto 200/1993.

Non obstante, para a virtualidade da dita medida, é preciso deixar sen aplicación, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a normativa que regulamenta a provisión temporal das prazas desta clase de funcionarios.

Por todo isto, esta consellería, logo da negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Sanitario e logo do informe da Comisión de Persoal, en uso das atribucións que lle outorga a disposición derradeira primeira do Decreto 200/1993, do 25 de xullo,

 

DISPÓN:

 

Primeiro.- A provisión interina, así como o nomeamento de persoal substituto, nas clases de médicos titulares, practicantes titulares e matronas titulares realizarase de acordo co establecido no pacto sobre nomeamentos e contratacións temporais do persoal estatutario nas institucións sanitarias xestionadas polo Servicio Galego de Saúde, subscrito o 27 de abril pola Administración sanitaria e as centrais sindicais CC.OO., UXT, CIG, CSIF e SATSE, esta última en condición de adherida, e publicado no Diario Oficial de Galicia nº 91, correspondente ó día 12 de maio de 1994.

 

Segundo.- O réxime de acumulacións das clases ás que se refire a presente orde será o establecido no Decreto 3.207/1967, do 28 de decembro.

 

Terceiro.- Corresponde ós directores provinciais do Sergas o nomeamento do persoal interino destas clases e ós directores-xerentes ou, se é o caso, directores-médicos dos distintos centros de atención primaria o nomeamento do persoal substituto, todo isto dentro da competencia xenérica das direccións provinciais do Sergas na xestión das listas de contratación temporal.

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL

 

De conformidade co disposto no acordo acadado entre a Administración sanitaria e as centrais sindicais UXT, CSIF e SATSE con data do 27 de abril de 1994, non será aplicable o pacto ó que se fai referencia no apartado primeiro desta orde, á cobertura das prazas vacantes que se deriven da execución da quenda previa de traslados das clases de médicos, practicantes e matronas titulares prevista na disposición transitoria primeira do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, habilitándose a comisión central de seguimento prevista no dito pacto para determina-lo sistema e ámbito territorial de cobertura delas, de acordo co disposto na Orde do 2 de maio de 1962 e na Resolución do 7 de abril de 1980, sen que tal habilitación poida facerse extensiva á futura execución dos sistemas de provisión normativamente previstos.

 

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

 

Mentres se resolva definitivamente a quenda previa da clase de practicantes titulares prevista na disposición transitoria primeira do Decreto 200/1993, manterase, exclusivamente para a cobertura de postos vacantes da clase indicada, o sistema previsto na Orde do 14 de abril de 1993.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Quedan sen aplicación, no ámbito da Comunidade Autónoma galega, as seguintes disposicións, en relación coa clase de médicos titulares:

a) Os artigos 58 e 59 do Decreto 2.120/1971, do 13 de agosto, polo que se aproba o Regulamento provisional para o ingreso e provisión de postos de traballo.

b) A Orde do 2 de maio de 1962, sobre confección de listados para a cobertura de vacantes mediante interinaxe.

c) A Resolución do 7 de abril de 1980, da Secretaría do Estado para Sanidade, sobre escalas de preferencias para a provisión interna de vacantes.

 

Segunda.- Queda derrogada, para as clases de médicos titulares, practicantes titulares e matronas titulares, o disposto na orde da Consellería de Sanidade, do 7 de maio de 1984, pola que se establece o procedemento a seguir para a realización de substitucións de sanitarios locais. Igualmente, para estas clases, queda sen aplicación, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, o disposto nos artigos 65 e 66 do Decreto 2.120/1971, do 13 de agosto.

 

Terceira.- A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, a súa eficacia quedará demorada ata o momento da publicación das listas definitivas da categoría correspondente, elaboradas como consecuencia do pacto subscrito con data 27 de abril de 1994 ó que fai referencia o apartado primeiro desta orde.

Vease también