Decreto 229/1994, do 14 de xullo, polo que se crea a sociedade pública autonómica Instituto Galego de Medicina Técnica, S.A.

 

O Servicio Galego de Saúde no seu desenvolvemento organizativo intenta establecer mecanismos que permitan unha diversificación e dinamización dos provedores de servicios sanitarios públicos no ámbito da nosa Comunidade Autónoma. Por isto considera altamente positiva a creación dunha sociedade pública autonómica destinada á prestación de servicios en xestión sanitaria, consultoría especializada e, prioritariamente prestacións sanitarias de alta tecnoloxía, promovendo a eficacia, eficiencia e seguridade do sistema sanitario.

Esta sociedade pública autonómica, con forma de sociedade anónima e capital integramente público, terá a denominación de Instituto Galego de Medicina Técnica, S.A.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente; así como nos artigos 45 e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma e regulamento que a desenvolve, artigo 12 e seguintes da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financieiro e presupostario de Galicia e de acordo, igualmente, co Real decreto lei 1.564/1989, do 22 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades anónimas; por proposta da Consellería de Economía e Facenda, por iniciativa da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do catorce de xullo de mil novecentos noventa e catro, 

 

DISPOÑO:

 

1. Acórdase a creación, ó amparo do artigo 55.2 do Estatuto de autonomía, e de conformidade co previsto no artigo 45.1 e 3 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 12 e seguintes da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, da sociedade pública autonómica do Instituto Galego de Medicina Técnica, S.A. que quedará adscrita ó Servicio Galego de Saúde.

 

2. O capital social subscrito e desembolsado íntegramente pola Comunidade Autónoma cífrase en cen millóns de pesetas (100.000.000 de ptas.).

 

3. Apróbanse os estatutos da sociedade pública autonómica Instituto Galego de Medicina Técnica, S.A.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira. Facúltase á Consellería de Economía e Facenda para dicta-las normas necesarias para a execución, desenvolvemento e aplicación do presente decreto e a realización de tódolos actos precisos para a constitución da sociedade pública autonómica Instituto Galego de Medicina Técnica, S.A.

 

Segunda. O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.