Orde do 25 de xuño de 1990 pola que se declara obrigatoria a proba de detección de anticorpos do virus da hepatite C, en tódalas doazóns e transfusións de sangue e productos sanguíneos, que se efectúen na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Está demostrado, segundo os máis recentes estudios epidemiolóxicos, que o responsable da aparición da maioría das hepatites despois das transfusións e da chamada hepatite non A-non B (HNANB), é o virus da hepatite C (VHC).

Ata agora, a medicina non dispoñía dunha proba fiable que evidenciase a contaminación do sangue ou dos seus derivados por este virus. Por esta causa, o risco da súa transmisión por transfusións non podía ser evitado.

Hoxe esta situación modificouse ó dispor dun test específico que permite a identificación dos anticorpos contra o mencionado virus. Por iso, a Consellería de Sanidade coida que se dan as condicións precisas para controlar este modo de transmisión da enfermidade e polo tanto, para emprender unha acción preventiva xeral tendente á protección da saúde pública, se se procede á cribaxe serolóxica do virus da hepatite C en tódalas doazóns e transfusións de sangue ou productos sanguíneos que se realicen en Galicia.

En consecuencia, en uso das competencias establecidas no artigo 33 do Estatuto de autonomía para Galicia e das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

 

DISPOÑO:

 

1. Tódalas doazóns de sangue e productos sanguíneos que se efectúen en Galicia deberán ser sometidas á proba de detección dos anticorpos anti-VHC.

 

2. Para a realización da mencionada proba utilizaranse exclusivamente os reactivos que conten coa correspondente autorización sanitaria outorgada pola autoridade competente.

 

3. 1.O resultado desta proba de detención deberá acreditarse documentalmente para a súa constancia e certificación.

2. Nas etiquetas dos recipientes que conteñan sangue ou hemoderivados deberá consta-la realización da citada proba, así como o nome do laboratorio que a levou a cabo.

 

4. As doazóns de sangue ou productos sanguíneos que resulten positivos na proba especificada no punto primeiro non poderán ser obxecto de utilización terapeútica para transfusión nin para calquera outro uso ou destino. Con esta finalidade deberán ser inmediatamente destruídas, salvo que fosen necesarias en razón de estudios, análises ou investigación.

 

5. No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia non se poderán levar a cabo trasnfusións de sangue ou productos sanguíneos, sen a correspondente constatación de que lles realizou, con resultado negativo, a proba obxecto da presente orde.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Facúltase o director xeral do Servicio Galego de Saúde para adopta-las medidas necesarias para a execución, desenvolvemento e aplicación da presente orde.

 

Segunda.- A presente orde entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vease también