Decreto 172/1995, do 18 de maio, polo que se aproba o Plan de Urxencias Extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia.

Un dos obxectivos prioritarios da política da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais é impulsa-la modernización do nivel primario de saúde a través da reforma da Atención Primaria en Galicia.

Por iso, e despois dun longo proceso negociador, a administración sanitaria e as centrais sindicais CESM, CC.OO, UGT, SATSE e CSIF, con data 8 de xuño de 1993, asinaron un compromiso para a implantación e desenvolvemento dun novo modelo de organización da Atención Primaria.

Froito deste compromiso foi o Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da Atención Primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, no que se deseñan os que serán os alicerces básicos nos que se sustentará o novo modelo de Atención Primaria en Galicia.

Tal como se sinala na exposición de motivos do citado decreto, esta norma non contén o desenvolvemento de tódolos aspectos e medidas necesarias para alcanza-los fins e obxectivos perseguidos coa reforma. Requírense actuacións posteriores nalgún dos aspectos que inciden no novo modelo deseñado. Así, o artigo 6.4° do citado decreto prevé a futura aprobación dun plan de urxencias.

A atención sanitaria urxente constitúe unha caracteristica inherente á Atención Primaria, dado que é distintivo dela prestar asistencia sanitaria continuada e permanente ó longo da vida das persoas, en calquera circunstancia e baixo calquera condición.

A poboación ten dereito a ter na atención primaria unha oferta de atención continuada diferente e diferenciada da que poida ser proporcionada polo hospital; entendendo por atención continuada a prestación da asistencia médica a aquelas situacións sanitarias que non admiten demora, solicitadas por calquera persoa a calquera hora do día, que son susceptibles de ser atendidas no primeiro nivel asistencial, ben para a súa resolución no mesmo ou para a súa derivación a outro nivel.

Para isto, é necesario adecua-la atención de urxencias prestada á poboación desde o ámbito da atención primaria, dotándoa de equipamento e persoal suficiente, co obxecto de garantir unha prestación de servicios eficiente, homoxénea e de calidade, así como adecuada e adaptada ás necesidades e características da estructura sanitaria específica de Galicia.

Por outra parte resulta tamén necesario fixa-las condicións retributivas e laborais dos profesionais ós que corresponde a prestación da atención continuada.

A atención sanitaria urxente que se deseña prestarase nunha serie de puntos xeográficos, denominados puntos de atención continuada (PAC), por tódolos profesionais sanitarios das localidades incluídas nos ámbitos de cobertura de cada PAC.

Naquelas localidades onde actualmente existan servicios normais ou especiais de urxencia, a atención continuada será prestada polos profesionais deles, mentres estes non sexan substituídos polos PAC.

A implantación dos PAC será paulatina, priorizándose nos lugares non cubertos polos servicios normais e/ou especiais de urxencias en función das dotacións orzamentarias, e necesariamente consensuada cos concellos implicados.

Por último, do mesmo xeito que para a aprobación do citado Decreto 200/1993, do 29 de xullo, conseguiuse un destacado grao de aceptación e consenso cos interlocutores sindicais (CEMS, CC.OO, UGT, SATSE e CSIF), plasmado no compromiso alcanzado o 22 de decembro de 1994, así como tamén cos colexios profesionais do sector e coas dúas federacións de municipios de Galicia (FEGAMP e FCG).

Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 1/1988, do 22 de outubro, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, previos os informes das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de maio de mil novecentos noventa e cinco,

 

DISPOÑO:

 

1. Os puntos de atención continuada.

1. A atención sanitaria urxente no ámbito da atencion primaria en Galicia será prestada nos puntos de atención continuada (PAC).

2. Os PAC, que con caracter xeral terán ámbito supramunicipal, constitúen a estructura física e funcional nos que se levará a cabo a atención das urxencias extrahospitalarias.

 

2. Número e situación.

l. A Administración sanitaria determinará o número e a situación dos PAC, tendo en conta os seguintes criterios:

- Número de habitantes e demanda atendida.

- Dispersión xeográfica e comunicacións viarias.

- Facilidade de acceso ó hospital de referencia.

- Recursos actuais dispoñibles.

2. Os PAC rurais estructuraranse, como norma xeral, arredor dun ratio de poboación de 25.000 habitantes. Esta cifra poderá experimentar variacións en función das comunicacións viarias e tendendo sempre a respectar unha isócrona de trinta minutos entre as localidades de cobertura do PAC e o lugar onde este se sitúe.

 

3. Equipamento.

Aprobada a creación dun PAC, e antes da súa posta en funcionamento, garantirase a dotación de equipamento e aparellos suficientes para a realización das probas diagnósticas complementarias pertinentes, así como unha área de descanso adecuada para o persoal.

 

4. Horario.

1. O horario de apertura e funcionamento dos PAC abarcará desde as 15 horas ata a 8 horas do día seguinte, en días laborais, sen prexuízo da modalidade asistencial que na actualidade rexe para ou sábado, e as 24 horas do día, os domingos e festivos.

2. A prestación de asistencia realizarase mediante a modalidade de presencia física.

3. Non obstante o anterior, cando circunstancias obxectivas, tales como a baixa demanda asistencial ou as condicións de especial illamento, o aconsellen, a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria poderá substituír en todo ou en parte as gardas de presencia física por gardas localizadas, sendo proporcionado polo Servicio Galego de Saúde o sistema que garanta a localización dos profesionais.

 

5. Persoal.

1.Os PAC contarán cun mínimo de persoal facultativo, de enfermería e persoal non sanitario de apoio, que virá determinado en función do ratio de poboación a atender, e que posibilite que, como regra xeral, cada facultativo non supere unha presión media de 30 urxencias por garda.

2. Naqueles PAC onde exista un número suficiente de pediatras, ademais da atención ó adulto, ofertarase atención pediátrica urxente ós menores de 14 anos.

3. Aprobada a creación dun PAC tódolos profesionais sanitarios das localidades incluídas no seu ámbito de cobertura pasarán a realiza-las súas quendas de garda nel, participando na prestación da atención continuada e permanente mediante a modalidade de presencia física, con independencia do sistema retributivo e vinculación laboral ó que estean suxeitos e do que, no seu momento, de forma voluntaria, decidan acollerse, de acordo co previsto na disposición transitoria segunda do Decreto 200/1993, do 29 de xullo.

A devandita atención continuada prestarase a toda a poboación obxecto de cobertura do PAC, con independencia da concreta asignación que os titulares da asistencia teñan con un ou outro profesional sanitario.

4. Non obstante o establecido no apartado anterior, naquelas localidades onde na actualidade exista un servicio normal ou especial de urxencias, a atención continuada e permanente será asumida polo persoal dos actuais equipos de atención primaria, conxuntamente co persoal dos servicios normais e especiais de urxencias, en canto estes se manteñan como tales, sempre e cando a porcentaxe de poboación cuberta polo novo sistema sexa como mínimo do 50 por cento.

Nas ditas localidades quedarán exceptuados de tal prestación os profesionais de atención primaria retribuídos polo sistema anterior ó Real decreto-lei 3/1987, do 11 de setembro, en tanto en canto non se integren ó abeiro do disposto na disposición transitoria segunda citada no apartado anterior.

 

6. Exención de gardas.

Por petición dos interesados, e sempre que as necesidades do servicio o permitan, o Servicio Galego de Saúde poderá eximir da realización de gardas a aqueles profesionais maiores de 55 anos ou a aqueles con circunstancias especiais, tales como enfermidade crónica ou outras similares, lles imposibiliten a realización delas.

 

7. Reforzo dos PAC.

Naqueles PAC nos que a presión asistencial xerada polo incremento da poboación turística requira reforza-lo persoal asignado, facilitarase o dito reforzo mentres persista a eventual sobredemanda.

 

8. Número de horas de atención continuada.

O número de horas de atención continuada a realizar por cada un dos profesionais dos PAC será de 1.188 horas anuais, sen supera-las 108 efectivas ó mes, como garantía inicial de máximos, sen prexuízo de que, como obxectivo e de forma gradual, o Servicio Galego de Saúde reduza esa cifra ata alcanzar, nun prazo de tres anos, a de 850 horas anuais.

 

9. Libranzas.

O Sergas facilitará a adopción das medidas oportunas para facer efectiva a libranza do día seguinte trala realización dunha garda de presencia física, sen que iso implique, en ningún caso, a substitución do profesional ou profesionais.

 

10. Retribucións.

As retribucións dos profesionais sanitarios en concepto de prestación de atención continuada serán, segundo a súa categoría, as seguintes:

- Persoal facultativo:

. Presencia física: 1437 ptas. por hora

. Presencia localizada: 728 ptas. por hora.

- ATS/DUE:

. Presencia fisica: 1.006 ptas. por hora

. Presencia localizada: 510 ptas. por hora

 

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

 

Primeira.- Unha vez constituído o correspondente PAC, a asistencia urxente que se precise desde as 8 horas ata as 15 horas será prestada polo facultativo de medicina xeral ou pediatria que corresponda ó beneficiario solicitante.

 

Segunda.- As previsións contidas neste decreto levaranse a cabo de acordo coas dotacións que anualmente se consignen nas respectivas leis de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 

Primeira.- Os reforzos actualmente establecidos nos lugares de especial penosidade e illamento manteranse mentres non sé creen os correspondentes PAC.

 

Segunda.- Unha vez constituído o correspondente PAC e mentres non se estableza un sistema de transporte que garanta o desprazamento do persoal para a realización dos avisos domiciliarios, cada desprazamento por conta propia que o persoal facultativo e de enfermería teña que realizar dentro do horario de funcionamento daquel será retribuído, en concepto de indemnización por transporte, coa cantidade de 500 pesetas.

 

Terceira.- Unha vez constituído o correspondente PAC e mentres non se estableza un sistema alternativo para facilita-lo servicio de comida do persoal dos PAC, por cada garda realizada dentro do horario de funcionamento daquel, indemnizarase cunha cantidade de 1.000 pesetas en concepto de manutención.

 

Cuarta.- As retribucións que en concepto de atención continuada e indemnizacións se fixan no presente decreto, seranlle de aplicación exclusivamente ó persoal que se integre no novo modelo de atención primaria unha vez realizada a oferta prevista na disposición transitoria segunda do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, non procedendo aboamento algún daqueles conceptos ata o momento da efectiva integración.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Autorízase a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

 

Segunda.- Este decreto entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vease también