Decreto 240/1985, do 31 de outubro polo que se asumen os servicios traspasados pola Administración central do Estado en relación coa Administración Institucional de Sanidade Nacional e se lle asignan á Consellería de Sanidade e Consumo.


Polo Real Decreto 1995/1985, do 9 de outubro, traspásanse a Galicia os servicios da Administración Institucional de Sanidade Nacional, polo que procede asumir de forma expresa tales servicios e funcións asignándollelos ós órganos correspondentes da Administración autónomica.

Na súa virtude, a proposta do Conselleiro da Presidendia e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día trinta e un de outubro de mil novecentos oitenta e cinco,

 

DISPOÑO:

 

1. Asunción de funcións e servicios traspasados.

Quedan asumidas as funcións e servicios traspasados pola Administración central do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en relación coa Administración Institucional de Sanidade Nacional, mediante o Real Decreto 1995/1985, do 9 de outubro, cos seus correspondentes anexos e relacións.

 

2. Asignación de funcións.

1.- A Consellería de Sanidade e Consumo exercerá as funcións que lle corresponden á Administración Institucional de Sanidade Nacional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2.- Os órganos da citada Consellería exercerán as atribucións que lles correspondan conforme ás normas que regulan a súa estructura.

 

DISPOSICIÓNS FINAIS

 

Primeira.- Desenvolvemento e execución.

O Conselleiro de Sanidade e Consumo dictará cantas disposicións sexan necesarias para a execución do presente Decreto e adoptará cantas medidas sexan precisas para a plena executividade das funcións e servicios traspasados.

 

Segunda.- Vixencia.

O presente Decreto entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1986.