Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma.

A Disposición Adicional primeira da Lei 4/1988, do 1 de xuño, da Función Pública de Galicia, creou na Comunidade Autónoma os corpos de administración especial, entre os que se deben encadrar, pola súa singularidade e especialidade os que corresponden ó persoal sanitario. 
A racionalización da política de xestión de persoal suscita a necesidade de proceder á unificación dos corpos e escalas de persoal sanitario transferidos das distintas Administracións Públicas á Comunidade Autónoma, corpos e escalas que quedan integrados nos corpos da Comunidade, e será esta a que defina o seu réxime xurídico e a que lles asigne atribucións dentro do ámbito das funcións que ten asumidas a Xunta de Galicia en materia de sanidade. 
Doutra banda, o desenvolvemento do Servicio Galego de Saúde e a conseguinte reestructuración de toda a infraestructura sanitaria de Galicia demandan a creación, dentro dos corpos da administración especial, de dúas escalas que permitan ordena-lo persoal de xeito coherente coas necesidades reais nos ámbitos de atención primaria e especializada e da administración de saúde: escala sanitaria de atención primaria especializada e escala de saúde pública. 
De acordo co previsto no artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e 24 da Lei reguladora da Xunta e do seu Presidente sanciono e promulgo en nome de El-Rei a Lei de creación de escalas do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma.
 

1. Os corpos e escalas de funcionarios da Administración transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia que prestan servicios na Consellería de Sanidade integraranse nos corpos de administración especial, de conformidade co establecido nas Disposicións Adicionais primeira e segunda da Lei 4/1988, do 26 de maio, da Función Pública de Galicia.

 

2. Créanse nos corpos relacionados as escalas seguintes:

a) Escala sanitaria de atención primaria e especializada:

Integraranse nesta escala, no corpo que lles corresponda, os funcionarios ó servicio da Comunidade que á entrada en vigor da presente Lei ocupen postos de traballo no ámbito da atención primaria e especializada de saúde.

Corresponderanlles ós funcionarios desta escala as funcións de atención integral á saúde no ámbito da atención primaria e especializada.

b) Escala de saúde pública e administración sanitaria:

Integraranse nesta escala, no corpo que lles corrresponda, os funcionarios ó servicio da Comunidade que á entrada en vigor da presente Lei ocupen postos de traballo que non correspondan á atención primaria nin á especializada de saúde e que desempeñen funcións obxecto da súa profesión ou oficio sanitario específico.

Corresponderanlles ós funcionarios desta escala as funcións de saúde pública e administración especializada asumidas pola Comunidade Autónoma de Galicia que, para mellora-lo nivel de saúde, sexan aplicadas sobre a comunidade e o medio ambiente, en apoio de toda a estructura sanitaria, especialmente da atención primaria.

 

3. O personal interino ou contratado administrativo, facultativo sanitario, axudante facultativo e auxiliar técnico que na actualidade presta servicios en postos dependentes da Consellería de Sanidade manterá a súa relación xurídico-administrativa e os dereitos inherentes á súa condición de interino nos corpos e as escalas a que se refire o artigo 2 desta Lei, e nas condicións alí reseñadas.

 

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 

Primeira.- O persoal ó que se refire a presente Lei que prestase servicios como interino ou en rexime de contratación administrativa na Comunidade Autónoma de Galicia poderá acceder á condición de funcionario dos corpos da administración especial, na súa correspondente escala, mediante a participación e superación dun concurso-oposición libre, que na súa convocatoria deberá respeta-los principios de mérito e capacidade e no que se valorarán os servicios prestados na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Segunda.- O persoal que non supere a dita proba selectiva terá dereito a valoración dos servicios prestados noutras dúas convocatorias consecutivas e, no caso de que se atopase prestando servicios na data de entrada en vigor da presente Lei, a continuar na dita situación en calidade de interino, en tanto non se celebren as probas selectivas.

Tal situación non condicionará a consideración de vacante do posto de traballo que viñese desempeñando.

A puntuación obtida na valoración dos servicios prestados polo persoal ós que se refire a Disposición anterior, en ningún caso poderá exceder do 45% do máximo alcanzable na fase de oposición das probas selectivas correspondentes, a razón de 0,75% por mes de servicios, que se lles aplicará unicamente ós que superen a fase de oposición das probas.

 

Terceira.- A Consellería de Sanidade realizará a primeira das convocatorias aludidas no prazo de seis meses, contados a partir da entrada en vigor da presente Lei, e as dúas seguintes no termo de un ano, contado desde a celebración da primeira.

 

Cuarta.- Ó persoal funcionario que se integre nos corpos e escalas e ó interino ou contratado administrativo ó que se refire o artigo 3 da presente Lei seralles de aplicación o sistema retributivo derivado da catalogación de postos de traballo que establece a Lei 4/1988, agás aquel que ocupe postos de traballo que leven aparellada relación profesional retribuída polo INSALUD, que continuará co seu réxime retributivo actual ata que se acorde polo Consello da Xunta a homologación de retribucións básicas dos funcionarios.

 

Quinta.- O persoal que ingrese nos corpos e escalas de referencia mediante as correspondentes probas terá a obriga de participar no primeiro concurso que se convoque con posterioridade ó seu ingreso e neste os funcionarios que xa fosen transferidos á Comunidade Autónoma terán, por unha soa vez, dereito preferente a ocupa-las prazas que soliciten respecto do persoal de novo ingreso.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Autorízase á Xunta de Galicia para dicta-las normas de carácter regulamentario e demais disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento desta Lei.

 

Segunda.- Esta Lei entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.