Decreto 186/1985, do 18 de xullo, polo que se establece o uso obrigatorio do Libro de Saúde Infantil Galego.

 

A Lei de Sanidade Escolar, do 30 de xuño de 1983, recolle no seu capítulo II Art. 4.º, a necesidade de existencia dun Libro de Saúde Infantil que sirva como base do expediente médico-escolar do alumno.

Correspondéndolle á Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade e Consumo, o cumprimento e desenvolvemento da citada Lei, créase este documento na Comunidade Autónoma de Galicia.

As avantaxes do Libro de Saúde Infantil Galego no que se recollan, con unidade e homoxeneidade, tódolos coñecementos fundamentais sobre a saúde do neno, así como o control de tódalas actuacións médico-sanitarias desenvolvidas durante a idade infantil (0-14 anos), supoñen non só o establecemento dunha educación sanitaria, tanto a nivel individual coma familiar, senón tamén un importante banco de datos que, nun futuro próximo, sirva para elaborar estadísticas fiables que permitan un mellor coñecemento epidemiolóxico da poboación infantil da nosa Comunidade Autónoma.

Por isto, e en virtude das competencia establecidas no art. 33 do Estatuto de Autonomía para Galicia, e na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, a proposta da Consellería de Sanidade e Consumo, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dezaoito de xullo de mil novecentos oitenta e cinco,

 

DISPOÑO:

 

1. Establécese o uso obrigatorio e gratuíto do Libro de Saúde Infantil Galego, para tódolos menores de 15 anos residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

2. O persoal sanitario, que teña como ámbito da actuación o da Comunidade Autónoma, terá a obriga de cubrir este documetno, no que deberán anotarse: recoñecementos de saúde, vacinacións, intervencións quirúrxicas, tratamentos e demais actuacións médico-sanitarias desenvolvidas durante a idade infantil.

 

3. Os pais ou tutores comprometeránse á súa conservación e custodia, e a presentalo obrigatoriamente ó médico.

 

4. O Libro de Saúde Infantil Galego é un documento de carácter confidencial, os seus datos serán utilizados exclusivamente con fins sanitarios e non se farán anotacións en contra do de-sexo da familia do titular.

 

5. O Libro de Saúde infantil Galego será facilitado pola Consellería de Sanidade e Consumo.

 

6. O modelo oficial do Libro de Saúde Infantil Galego figura como anexo deste Decreto.

 

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

 

As obrigas establecidas polo presente Decreto entrarán en vigor ós 6 meses da súa publicación no D.O.G.

 

DISPOSICIÓN FINAL

 

Facúltase ó Conselleiro de Sanidade e Consumo para dictar cantas disposicións cumpran en orde ó desenvolvemento e execución do presente Decreto, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vease también