Orde do 10 de xullo de 1987 sobre normas de autorización de centros sanitarios extractores e transplantadores de órganos.

A Lei 30/1979, do 27 de outubro (B.O.E. nº 266, do 6 de novembro) e mailo Real Decreto 426/1980, do 22 de febreiro (B.O.E. nº 63, do 13 de marzo), conteñen a normativa básica estatal en relación coa extracción e transplante de órganos humanos, sinalando que tales actividades só se poderán levar a cabo nos centros sanitarios debidamente autorizados.

Dado que a Xunta de Galicia, no uso das competencias que lle foron atribuidas polo artigo 33 do Estatuto de Autonomía, regulou a través do Decreto 99/1984, do 7 de xuño (D.O.G. nº 120, do 23 de xuño), do Decreto 147/1984, do 13 de setembro (D.O.G. nº 193, do 6 de outubro) e da Orde do 7 de novembro de 1984 (D.O.G. nº 236, do 11 de decembro) a autorización de centros, servicios e establecementos sanitarios, cómpre regula-la autorización específica para aqueles centros que, autorizados xa de acordo coas disposicións citadas, queiran levar a cabo a actividade de extracción e transplante de órganos.

Na súa virtude, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 36.2 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro (D.O.G. nº 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta e do seu Presidente,

 

DISPOÑO:

 

1. As extraccións e mailos transplantes de órganos humanos soamente poderán ser realizados nos centros sanitarios que estean autorizados especificamente para esta actividade polo Director Xeral de Asistencia Sanitaria e Seguridade Social en cumprimento do que prevé esta Orde.

 

2. A extracción de órganos de cadáver só se poderá realizar nos centros sanitarios que reúnan as seguintes condicións:

a) Estar autorizado ou, se se-lo caso, legalizado segundo as disposicións que establece a Consellería de Sanidade e Seguridade Social.

b) Dispoñer dunha organización hospitalaria e réxime de funcionamento apropiado para estas intervencións.

c) Disponer de servicios de medicina interna, cirurxía xeral, anestesia, unidades de coidados intensivos, anatomía patolóxica, laboratorios xerais de hematoloxía, bioquímica clínica e microbioloxía, radioloxía e servicio de urxencias.

d) Ter asegurada a subministración de sangue as vintecatro horas do día.

e) Dispoñer de turnos de garda de presencia física ou localizada dos servicios e unidades sinalados as vintecatro horas do día.

f) Dispoñer de persoal sanitario de anestesia e enfermería adecuado para a realización das intervencións de extracción durante as vintecatro horas do día.

g) Ter capacidade para a práctica de electroencefalogramas e dispoñer dun neurólogo ou neurocirurxán para o diagnóstico e certificación da morte cerebral.

h) Estar en relación cun laboratorio de Histocompatibilidade de referencia ou asociado acreditado.

i) Dispoñer dos medios materiais necesarios para unha adecuada extracción, preparación e conservación dos órganos.

j) Dispoñer de medios para a preservación e conservación de cadáveres e prácticas mortuorias.

 

3. A adxudicación de calquera órgano de cadáver farase segundo os resultados dos estudios inmunolóxicos realizados polo laboratorio de Histocompatibilidade acreditado.

 

4. A solicitude para a autorización dos centros extractores de órganos de cadáver axustarase ó modelo que proporcionará a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e Seguridade Social.

 

5. Os transplantes de órganos ou implantación de tecidos así como a extracción de órganos de doador vivo só se poderán facer nos centros sanitarios que reúnan, amais das condicións sinaladas no artigo segundo, as que se especifican a continuación:

a) Unidade médica especializada correspondente ó órgano ou tecido que se vai implantar, con turno de garda de presencia física durante as vintecatro horas do día.

b) Unidade quirúrxica especializada correspondente ó órgano ou tecido que se vai implantar cun mínimo de dous cirurxáns con experiencia en transplante e turno de garda, en presencia ou en chamada, durante as vintecatro horas.

c) Unidade de hospitalización postoperatoria para transplantados con características adecuadas para a práctica clínica vixente.

d) Tódas aquelas normas técnicas adicionais que estableza a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e Seguridade Social para cada órgano ou tecido en particular.

 

6. A solicitude para a autorización dos centros para o transplante de órganos ou tecidos axustarase ó modelo que proporcionará a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e Seguridade Social.

 

7. Nas solicitudes de autorización dos centros extractores ou transplantadores de órganos terase que facer consta-lo cargo da persoa ou persoas responsables das extraccións ou transplantes.

Xuntarase unha memoria na que se fará unha descrición detallada dos medios de que dispón o centro de acordo co que determinan os artigos segundo ou quinto, con especial referencia á organización e funcionamento dos servicios, espacios materiais e persoal, calificación e dedicación do mesmo.

 

8. Trala comprobación do cumprimento dos requisitos esixidos, o Director Xeral de Asistencia Sanitaria e Seguridade Social poderá concede-la autorización solicitada, de acordo cos criterios xerais de planificación da Consellería de Sanidade e Seguridade Social.

A autorización terá unha vixencia de catro anos, renovable por períodos da mesma duración, logo de solicitude do centro e sempre que se continúe garantindo o cumprimento dos requisistos previstos nas disposicións vixentes; a autorización poderá ser revocada en calquera momento pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e Seguridade Social cando se deixen de da-las condicións que a fixeron posible.

 

9. Os centros extractores ou transplantadores autorizados estarán obrigados a proprocionarlle á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e Seguridade Social toda a información que se lle solicite verbo da doación, extracción e implantación de órganos.

 

10. En tódolos centros hospitalarios autorizados para a extracción de órganos de falecidos existirá un libro-rexistro de vontades, tanto positivas coma negativas, en relación coa posible doación de órganos dos pacientes que ingresen neses centros. O libro-rexistro terá carácter oficial e será facilitado pola Consellería de Sanidade e Seguridade Social ós centros autorizados para realizar extraccións.

O director do centro autorizará coa súa sinatura e expresará o seu coñecemento de tódalas manifestacións que se rexistran no dito libro.

O libro-rexistro terá follas numeradas e rubricadas polo director e constará dos seguintes apartados:

a) Nome, apelidos e enderezo da persoa hospitalizada.

b) Nome, apelidos e condición do declarante.

c) Indicacións relativas á negativa para a extracción de órganos con destino a transplantes ou, de se-lo caso, á aceptación da mesma, especificándose se se refire a tódolos órganos ou a algún en particular.

d) Se a declaración non é feita polo interesado indicaranse as condicións e circunstancias nas que este manifestou a súa vontade.

e) Descrición de tódolos documentos escritos e elementos relativos á manifestación da vontade.

f) Data e hora da declaración.

g) Sinatura do declarante.

 

11. O libro-rexistro estará localizado no servicio de admisión do hospital durante as horas normais de traballo do centro. Durante as horas de garda, a responsabilidade da súa custodia corresponderalle ó médico-xefe da garda ou persoa que representa ó director do hospital durante o mencionado período de tempo.

En todo momento o libro-rexistro será accesible ós enfermos ou ós seus familiares que precisen facer algún tipo de manifestación ou rectificación de datos anteriormente consignados. Igualmente será accesible para os médicos do centro hospitalario que necesiten consultalo.

 

12. En tódolos centros hospitalarios utilizados para a extracción de órganos de cadáveres para a realización de transplantes colocaranse no servicio de admisión anuncios ben visibles de tales circunstancias e distribuiranse folletos nos que se expliquen con claridade os fins humanitarios e os beneficios que se deriven dos transplantes de órganos realizados baixo o principio de solidariedade social, especificándose tamén con claridade o respeto á liberdade, intimidade e crenzas de cada individuo.

Os modelos de anuncio e de folleto explicativo deberán ser sometidos á aprobación por parte da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e Seguridade Social.

 

13. Antes de efectuar un transplante de órganos, a Dirección do hospital expedirá un documento no que figuren: nome do hospital, data da súa autorización para a realización de transplantes, nome do facultativo responsable da unidade hospitalaria na que se efectúe a intervención, referencia ós estudios previos realizados ó paciente, información que se lle deu a este sobre a natureza do transplante, así como o nome, idade e declaración expresa do receptor ou dos seus representantes autorizando o transplante e tódolos requisitos esixidos polo Real Decreto 426/1980, tanto para os casos de doadores vivos como para os mortos por accidente.

O documento terá que ser asinado polo director do hospital, polo médico do servicio que efectúe o transplante, polo médico que informou ó receptor e mais por este mesmo ou o seu representante legal. O documento quedará arquivado no centro hospitalario e facilitaráselle unha copia ó interesado.

 

14. Os centros extractores e transplantadores deberán cumprir, ademais de tódalas condicións contempladas nesta Orde, os requisitos e normas de actuación fixados polo Real Decreto 426/1980, do 22 de febreiro.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Facúltase o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade e o director xeral do Servicio Galego de Saúde para que, no seu ámbito de competencias, adopten as medidas necesarias para a execución e desenvolvemento da presente orde.

 

Segunda.- Esta orde entrará en vigor o dia seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vease también