Orde do 26 de abril de 1990 pola que se establecen medidas de prevención do tabaquismo e do alcoholismo nos centros docentes dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Numerosas institucións nacionais e internacionais estableceron os riscos que para a saúde da poboación supoñen o hábito do consumo do tabaco e o abuso de bebidas alcohólicas. Os datos científicos que existen extenden estes riscos ós non fumadores que conviven en ambientes onde se fuma.

Reguladas polo Real decreto 192/1988, do 4 de marzo, as limitacións na venda e mais no uso do tabaco para a protección da saúde da poboación e resultando necesario fomentar nos centros docentes a adopción de hábitos de vida sans,

Esta Consellería dispón:

 

Primeiro.- Prohíbese vender e distribuír tabaco e bebidas alcohólicas en tódolos centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

 

Segundo.- Prohíbese fumar nas aulas, nos laboratorios, nas salas de estudios, nos salóns de actos, nas bibliotecas, nos ximnasios, nos corredores, nos accesos e en todas aquelas zonas onde se produza a convivencia entre profesores e alumnos.

Esta prohibición, que deberá ser ostensiblemente sinalizada, abrangue tanto o período lectivo coma o non lectivo e afecta ó profesorado, ó persoal de administración e servicios, ós alumnos e a calquera outra persoa que estea dentro do recinto escolar.

 

Terceiro.- O consello escolar do centro, por proposta do director, poderá determina-los locais, diferentes dos citados no artigo anterior, onde se autorice o consumo de tabaco.

 

Cuarto.- As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, os equipos directivos e os consellos escolares dos centros adoptarán as medidas oportunas para garanti-lo cumprimento do disposto na presente orde.

O que lle comunico ás VV.II. para o seu coñecemento.

Vease también