Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro, polo que se regula o réxime de percepción do complemento específico para o persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde e se establecen os prazos para formular solicitudes e renuncias.
O complemento específico establécese, no ámbito do persoal estatutario, a
través do Real decreto-lei 3/1987, do 11 de setembro. A súa percepción lígase,
pola normativa vixente de incompatibilidades e sempre que o seu importe supere
o trinta por cento das retribucións básicas, excluída a antigüidade, ó
exercicio ou non da prestación de servicios en réxime de exclusividade ó sector
público.
No ámbito da Comunidade Autónoma e con respecto ó persoal
funcionario ó servicio dela o Decreto 165/1989, do 17 de xullo, permite optar
entre prestar servicios en réxime de dedicación exclusiva ou dedicación normal,
renunciando, polo tanto, á percepción do complemento específico.
Por contra, en relación co persoal estatutario, trala
transferencia do Insalud á Comunidade Autónoma, operada en virtude do Real
decreto 1.679/1990, do 28 de decembro, non se dictou resolución ningunha que,
con carácter permanente, permita a renuncia ou solicitude do complemento
específico en función das concretas circunstancias concorrentes en cada
suposto, o que determina a oportunidade de dictar unha normativa que habilite a
mencionada opción.
A presente disposición, sen pretender esgota-la regulación
desta materia, supón un avance necesario de cara á consecución dunha normativa
definitiva do complemento retributivo sobre o que agora se incide.
Este decreto posibilitará, ademais, o logro dunha mellor
correspondencia entre a percepción do complemento específico e o réxime de
dedicación, para o cal tódolos órganos da Consellería de Sanidade e Servicios
Sociais e do Servicio Galego de Saúde velarán pola súa estricta observancia.
Finalmente, subliñar que a renuncia e a solicitude de
percepción do complemento específico non depende só da opción unilateral do
interesado, senón que, como acto xurídico bilateral, necesita da aceptación da
Administración para a súa efectividade; debendo, polo tanto, aceptarse por
parte desta a solicitude ou a renuncia de percepción para que produza os
efectos que postulan.
Polo tanto, en virtude do disposto na Lei 1/1983, do 22 de
febreiro, reguladora da Xunta e do seu Presidente, modificada pola Lei 11/1988,
do 22 de outubro, logo de consulta coas negociacións sindicais no seo da Mesa
Sectorial de Negociación do persoal sanitario e por proposta do consellerio de
Sanidade e Servicios Sociais, logo dos informes das consellerías da Presidencia
e Administración Pública e de Economía e Facenda, logo de deliberación do
Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de xaneiro de mil
novecentos noventa e cinco,
DISPOÑO:
1. 1. O persoal
estatutario do Servicio Galego de Saúde que perciba as súas retribucións
conforme o establecido no Real decreto 3/1987, do 11 de setembro, e preste os
seus servicios en réxime de dedicación exclusiva, poderá pasar a prestalos en
réxime de dedicación normal, deixando de percibir o complemento específico,
sempre que se cumpran os requisitos establecidos neste decreto e dos demais
que, con carácter xeral, establece o ordenamento xurídico.
2. Igualmente, o devandito persoal, que preste os seus
servicios en réxime de dedicación normal, poderá solicita-lo paso ó réxime de
dedicación exclusiva, coa conseguinte percepción do complemento específico,
sempre e cando o posto de traballo que vén ocupando o teña asignado
regulamentariamente.
2. As
solicitudes para a percepción ou renuncia do complemento específico deberán
efectuarse, necesariamente, nos modelos normalizados que se xunta como anexos I
e II ó presente decreto.
3. As
solicitudes, dirixidas ó director-xerente respectivo, poderán presentarse no
centro sanitario, na dirección provincial do Servicio Galego de Saúde
correspondente ou por calquera dos procedementos que establece con carácter
xeral o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de outubro, de réxime xurídico das
administracións públicas e do procedemento administrativo común, durante o
primeiro trimestre da cada ano, sendo inoperantes, para os efectos que
soliciten, tanto as presentadas con anterioridade á apertura do devandito prazo
como as presentadas unha vez rematado este, agás o previsto na disposición
adicional.
4. 1. Finalizado
o período de presentación de solicitudes, estas serán resoltas polo
director-xerente do respectivo centro sanitario no prazo máximo de dous meses.
Os efectos económicos produciranse desde o día primeiro do mes seguinte ó da
súa resolución.
2. Non obstante o anterior, a falta de resolución expresa
dentro do prazo sinalado de dous meses, terá efectos estimatorios, producindo
efectos económicos desde o día primeiro do mes seguinte a aquel no que deba
entenderse estimada a solicitude.
5. Dentro do mes
seguinte á finalización do prazo resolutorio sinalado no artigo anterior, os
centros de xestión remitirán ás direccións provinciais do Servicio Galego de
Saúde para o seu traslado á Dirección Xeral de Recursos Humanos, relación
actualizada do persoal estatutario na que se indique o réxime de dedicación en
que prestan os servicios.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
Primeira.- No obstante o prazo previsto no artigo 3º, o persoal
que acceda a un novo posto de traballo que regulamentariamente teña asignado o
complemento específico poderá exerce-la opción no momento da toma de posesión,
entendéndose, de non facelo, que opta por presta-los seus servicios en réxime
de dedicación exclusiva para o Servicio Galego de Saúde.
Segunda.- Sen prexuízo do establecido no artigo 4º, cando as
necesidades de servicio así o aconsellen, o director-xerente poderá resolve-las
solicitudes con anterioridade á finalización do prazo da súa presentación.
DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
Primeira.- Autorízase ó conselleiro de Sanidade e Servicios
Sociais para dicta-las disposicións que procedan para a aplicación e
desenvolvemento do disposto no presente decreto.
Segunda.- Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da
súa publicación no Diario Oficial de Galicia.