Resolución do 16 de xaneiro de 1985, da Dirección Xeral de Saúde Pública, pola que se regula a distribución, conservación, control e entrega do material inmunizante utilizado nos programas sanitarios realizados pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Os elementos inmunizantes que forman parte do arsenal farmacolóxico á disposición do corpo médico requiren, na maioría dos casos, unha decuada conservación que lles permita mante-las súas características orixinarias.

Esta función só pode ser encomendada a persoal cualificado que non só garantice a conservación dos elementos inmunitarios senón que tamén controle as existencias e maila entrega ós facultativos médicos encargados da súa aplicación, requisitos que reúnen os funcionarios do corpo de farmacéuticos titulares, ós que se poderán engadir, voluntariamente, os restantes titulares farmacéuticos de oficina.

En virtude do anterior, resolvo:

 

Primeiro.- A partir da data que para cada unha das provincias galegas determine esta Dirección Xeral, as Direccións de Saúde procederán a lles remitir ós farmacéuticos titulares en exercicio o número de unidades das diversas vacunas e mailos elementos complementarios que xulgue oportuno de acordo coa previsible demanda do partido farmacéutico atendido.

 

Segundo.- Os farmacéuticos quedan obrigados a conserva-los productos recibidos de xeito que estes manteñan, ata o momento da súa entrega ós facultativos médicos, as súas características orixinarias.

 

Terceiro.- As expedicións viaxarán acompañadas dun documento de envío, que quedará rexis
trado na Dirección de Saúde; o seu contido, así mesmo, terá que ser anotado no libro de control que, con este fin, custodiará o titular-farmacéutico.

 

Cuarto.- Os facultivos médicos que vaian aplica-los materiais inmunizantes recollerán nas oficinas dos titulares, mediante entrega da receita de petición, as unidades que precisen en cada momento.

Os farmacéuticos titulares rexistrarán as receitas no Libro de Receitas Oficial, conservaranas debidamente clasificadas para a súa comprobación e anotarán o movemento no libro de control.

 

Quinto.- Cando o consideren preciso, os titulares solicitarán da Dirección de Saúde o envío de material inmunizante na cantidade adecuada para manter unhas existencias axustadas ó consumo previsible, utilizando para iso o modelo oficial de documentación.

 

Sexto.- Os farmacéuticos en exercicio non titulares que voluntariamente desexen participar neste traballo sanitario solicitarano, por escrito, á Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Consumo; esta, de acordo co criterio da Dirección de Saúde e en función das necesidades apreciadas, concederá ou denegará o solicitado.

Obtida a autorización, os farmacéuticos quedarán sometidos, en todo, ás prescricións sinaladas.

Sétimo.- Esta Dirección Xeral establecerá os modelos documentais ós que se refire a presente Resolución.

Oitavo.- A presente Resolución entrará en vigor ós tres meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, prazo que se considera preciso para acomodar á mesma os sucesivos pasos de aplicación.

Vease también