Resolución do 7 de marzo de 1995 pola que se fai público o
acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 24 de febreiro de 1995, sobre
remuneración polo complemento de atención continuada dos servicios prestados
fóra da xornada ordinaria polos facultativos internos residentes adscritos ás
institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde, e se fixan os importes
correspondentes a este concepto retributivo.
O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecatro de febreiro de
mil novecentos noventa e cinco, adoptou, por proposta do conselleiro de
Sanidade e Servicios Sociais, o acordo que a continuación se especifica:
Primeiro.- O presente acordo será de aplicación ós
facultativos internos residentes que prestan os seus servicios nas institucións
sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde.
Non será de aplicación ós psicólogos internos residentes.
Segundo.- Os servicios que os facultativos internos
residentes presten fóra da xornada establecida serán remunerados exclusivamente
mediante o concepto de atención continuada, nas contías que de seguido se
indican:
MIR, primeiro ano.
Quenda de presencia física, dezasete horas: 16.567 pesetas.
Quenda de presencia física, vintecatro horas: 23.389
pesetas.
MIR, segundo ano.
Quenda de presencia física, dezasete horas: 17.576 pesetas.
Quenda de presencia física, vintecatro horas: 24.813
pesetas.
MIR, terceiro ano e sucesivos.
Quenda de presencia física, dezasete horas: 18.595 pesetas.
Quenda de presencia física, vintecatro horas: 26.295 pesetas.
As referencias relativas a retribucións contidas no presente
acordo enténdense sempre feitas a retribucións íntegras.
Terceiro.- Os órganos de dirección dos centros sanitarios do
Sergas, en coordinación coas respectivas comisións de docencia, determinarán as
quendas de atención continuada que deben realiza-los facultativos residentes,
conforme o contido do programa docente correspondente e o estipulado no
contrato de traballo subscrito, garantindo en todo caso a realización de polo
menos dúas quendas de presencia física de dezasete horas e unha quenda de
presencia física de vintecatro horas ó mes, que se remunerarán segundo o
indicado no apartado anterior.
No suposto de non resultar posible a asignación da quenda de
vintecatro horas nalgún mes, os órganos competentes poderán dispoñer para a súa
determinación o fraccionamento dela en dous períodos, dos que un deles non terá
duración inferior a dezasete horas e deberá realizarse no mes correspondente,
podendo prestarse a parte restante tanto no mesmo mes coma no sucesivo, e
incluso acumularse a outros remanentes horarios da mesma orixe configurando
quendas que non superen as vintecatro horas de presencia física. Para estes
efectos, a garantía sinalada no parágrafo primeiro do presente número considerarase
referida de xeito global ó período anual de residencia.
En todo caso, as fraccións de quendas remuneraranse na
proporción correspondente.
Cuarto.- Os órganos do Servicio Galego de Saúde adoptarán as
medidas necesarias para a aplicación do presente acordo.