Resolución do 19 de decembro de 1991, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dispón a publicación do acordo sindical acadado na Mesa Sectorial de Sanidade entre a Administración autonómica e as organizacións sindicais Comisións Obreiras e Confederación Estatal de Sindicatos Médicos.

Con data do 11 de novembro de 1991, acadouse na Mesa Sectorial de Sanidade acordo sindical entre a Administración autonómica e as organizacións sindicais Comisións Obreiras e Confederación Estatal de Sindicatos Médicos que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 19 de decembro de 1991 de conformidade co artigo 35 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, pola que se regulan os órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das Administracións públicas.

Para xeral coñecemento, de acordo co disposto no artigo 36 da citada Lei 9/1987, cómpre face-la publicación no Diario Oficial de Galicia.

Como cuestión aclaratoria cómpre manifestar que a enumeración dos postos de traballo que se sinalan no acordo debe atenderse como simple referencia, é dicir, que aqueles postos que non aparecen enunciados experimentarán un incremento igual ó sinalado para idénticos niveis de complemento de destino, no caso do PRD, e cando o incremento se fai sobre o complemento específico, os postos figuran agrupados pola mesma contía do referido complemento.

Na súa virtude, esta secretaría xeral técnica

 

RESOLVE:

 

Publica-lo acordo sindical acadado na Mesa Sectorial de Sanidade entre a Administración autonómica e as organizacións sindicais Comisións Obreiras e Confederación Estatal de Sindicatos Médicos, o cal se reproduce como anexo.

 

ANEXO

 

En Santiago de Compostela, 11 de novembro de 1991, no marco da Mesa Sectorial de Sanidade da Administración da Comunidade Autónoma; e facendo uso das facultades conferidas no artigo 35 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, pola que se regulan os órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das Administracións públicas, así como das competencias outorgadas á referida mesa sectorial polo acordo entre a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e as organizacións sindicais subscrito con data 7 de setembro de 1991. Os representantes da Administración sanitaria de Galicia e as centrais ou organizacións sindicais Comisións Obreiras (CC.OO.) e Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM), que se adhire ó presente acordo dado que neste permanecen os contidos do pacto asinado con data do 31 de outubro de 1991, e como consecuencia dos procesos negociadores que tiveron lugar no seo das comisións técnicas de traballo creadas ad hoc pola Mesa Sectorial Sanitaria do 18 de outubro de 1991, conforman o presente acordo sobre as cuestións que a continuación se sinalan:

 

I. MELLORA RETRIBUTIVA.

1º. Instáurase un novo concepto retributivo de natureza fixa denominado de penosidade, responsabilidade e dificultade (PRD) que retribúe as circunstancias profesionais de penosidade, especial responsabilidade e dificultade que caracterizan os postos de traballo dos centros e institucións sanitarias do Servicio Galego de Saúde, todo isto sen prexuízo do mantemento da ordenación dos conceptos retributivos xerais que se derivan do Real decreto Lei 3/1987, do 11 de setembro, e normativa concordante.

2º. Destinar mil novecentos sete millóns cincocentas trinta e unha mil catrocentas noventa e seis pesetas (1.907.531.496 ptas.) co fin de dotar presupostariamente o novo concepto retributivo PRD.

3º. A distribución dos 1.907.531.496 ptas. responderá ó detalle plasmado no cadro que figura como anexo, o cal non ten carácter pechado, no sentido que podería sufrir algunha, en todo caso mínima, alteración nos incrementos retributivos recollidos na columna PRD. Esta posible alteración, que en todo caso será consultada coas organizacións sindicais, terá como única causa o axuste definitivo do montante total sinalado en relación co número de efectivos.

4º. O persoal directivo das institucións sanitarias do SERGAS experimentará un incremento no complemento específico que viña percibindo no ano 1991, nas contías e detalles que se consiguen na táboa retributiva que se xunta ó presente acordo co obxeto de reforza-la súa exclusiva dedicación.

5º. As centrais sindicais asinantes do presente acordo non renuncian á reivindicación de futuras melloras no referido concepto PRD para os anos 1993 e seguintes. Así mesmo, as centrais fan fincapé no seu desexo de lle presentar á Administración melloras retributivas para os profesionais de cupo e zona.

 

II. ATENCIÓN CONTINUADA.

Os médicos e practicantes titulares de cupo e zona que, debido ás condicións xeográficas, non poidan realizar quendas de garda con máis de un compañeiro, facilitaráselle-lo acceso ó tempo libre mediante unha contratación discontinua, con cargo a créditos de persoal eventual, dos efectivos precisos para realiza-los seguintes reforzos:

- Médicos e/ou practicantes que non poidan organizarse en quendas de garda:

Unha fin de semana cada dúas e tódolos festivos.

- Médicos e/ou practicantes que fan quendas de garda con un só compañeiro:

Unha fin de semana de cada tres e un de cada dous festivos.

Ademais a Administración e as centrais sindicais iniciarán un estudio da situación laboral e retributiva dos traballadores de urxencias non hospitalarias.

 

III. DÍAS DE LIBRE DISPOSICIÓN.

Os seis días de permiso por asuntos persoais que viña disfrutando o persoal estatutario do SERGAS amplíanse en tres días máis para o ano 1992, condicionado o seu desfrute ás necesidades do servicio.

 

IV. RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO E OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO DO PERSOAL ESTATUTARIO. RÉXIME XURÍDICO LABORAL.

Durante o primeiro trimestre do ano presentaráselle á Mesa Sectorial de Sanidade a relación de postos de traballo, formalizándose durante o primeiro semestre de 1992 unha oferta pública de emprego das vacantes.

Así mesmo iniciarase no primeiro semestre do referido ano, e antes da devandita oferta de emprego, o desenvolvemento dos preceptos non básicos do Real decreto 118/1991, do 25 de xaneiro, e elaborarase unha norma xeral reguladora das contratacións eventuais do SERGAS.

 

V. ATENCIÓN PRIMARIA E ESPECIALIZADA EXTRAHOSPITALARIA.

A Consellería de Sanidade comprométese a manter e mellora-los equipos de atención primaria que actualmente se atopa en funcionamento, así como a proceder á constitución dunha mesa monográfica coas organizacións sindicais que posibilite unha participación real sobre o modelo sanitario de atención primaria, baseado este no traballo en equipo e na vertente preventiva da enfermidade, así como a abordar aquelas cuestións relativas á mellora das condicións laborais dos funcionarios sanitarios locais e do persoal de cupo e zona. Ademais, nesta mesa específica trataríanse as seguintes cuestións:

- Mancomunación de gardas en todos aqueles municipios onde sexa posible, tomando como referencia unha distancia máxima de 30 minutos.

- Estudio para a implantación da cartilla individual.

- Estudio das ratio habitantes/profesionais.

- Estudio das necesidades de investimentos na atención primaria.

- Definición e posta en práctica de programas encamiñados á prevención de enfermidades e protección da saúde.

Os contactos entre a Administracion sanitaria e as centrais sindicais con representación na mesa sectorial para perfila-lo modelo de atención primaria iniciaranse de xeito inmediato, co fin de posibilitar unha iniciación da negociación, sobre o conxunto da atención primaria no mes de decembro.

 

VI. EFECTOS DO PRESENTE PACTO.

Respecto dos incrementos retributivos e ampliación dos días de libre disposición, os efectos despregaranse a partir do 1 de xaneiro de 1992.

 

VII. INVITACIÓN ÁS DEMAIS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS.

As partes que asignan este acordo manifestan a súa intención de que as demais organizacións sindicais do sector, coñecido con exactitude e en tódolos termos o presente acordo, se sumen ós pactos aquí acadados, o que se formalizaría mediante addenda(s) a el.

En proba do ata aquí exposto por parte dos representantes da Administración de Galicia e das organizacións sindicais citadas, asínase o presente acordo no lugar e data sinalados no encabezamento.