Decreto 5/1992, do 16 de xaneiro, polo que se integran nos corpos, escalas e clases do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma os funcionarios asumidos polo Decreto 16/1991, do 11 de xaneiro, pertencentes a corpos e escalas de carácter sanitario.

O Decreto 16/1991, do 11 de xaneiro (D.O.G. nº 17, do 24 de xaneiro), polo que se asumen as funcións e servicios do Instituto Nacional da Saúde traspasados pola Administración central do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, adscribe, no seu artigo 2.1 á Consellería de Sanidade as devanditas funcións e medios persoais transferidos polo Real decreto 1.679/1990, do 28 de decembro.

Entre os distintos tipos de persoal transferido atópanse varios colectivos de persoal sanitario funcionario. Existindo nesta Comunidade Autónoma unha normativa específica sobre o personal sanitario funcionario, composta, principalmente, pola Lei 17/1989, do 23 de outubro (D.O.G. nº 206, do 26 de outubro), de creación de escalas do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma de Galicia, e polo Decreto 303/1990, do 31 de maio (D.O.G. nº 145, do 26 de xullo), que a desenvolve, procede agora integra-los referidos colectivos nos corpos, escalas, subescalas e clases creadas pola dita normativa, así como crea-las clases que para tal fin sexan necesarias, deixando pechado deste xeito o proceso de integración de todo o personal sanitario funcionario ó servicio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, xustifícase tamén o presente decreto polo feito de que os funcionarios sanitarios que a través del se integran no réxime funcionarial da Comunidade Autónoma de Galicia eran os únicos que, entre tódolos funcionarios asumidos polo Decreto 16/1991, tiñan pendente a súa integración, toda vez que os funcionarios pertencentes a corpos de Administración xeral xa foron integrados polo Decreto 91/1991, do 20 de marzo, de integración de funcionarios procedentes doutras administracións públicas nos corpos creados pola Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

En consecuencia, en uso das atribucións que me confire o artigo 37.2 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e logo de consulta coa representación do persoal na mesa sectorial de negociación do persoal sanitario, por proposta conxunta das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Sanidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xaneiro de mil novecentos noventa e dous,

 

DISPOÑO:

 

1. Créanse, dentro do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e administración sanitaria, xunto ó resto das clases recoñecidas no artigo 4 do Decreto 303/1990, do 31 de maio, polo que se desenvolve a Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma, as clases de funcionarios de inspectores médicos e de inspectores farmacéuticos.

2. Intégranse no dito corpo, escala e clases, todos aqueles funcionarios de carreira que, pertencendo á escala de médicos inspectores do corpo sanitario do extinguido Instituto Nacional de Previsión ou á escala de inspectores farmacéuticos do corpo sanitario do referido instituto, foron transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1.679/1990, do 28 de febreiro, sobre traspaso das funcións e servicios do Instituto Nacional da Saúde e que aparecen relacionados no anexo I do presente decreto.

 

2. Intégranse no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala sanitaria de atención primaria e especializada, subescala de atención especializada, clase de médicos xeneralistas, os funcionarios de carreira pertencentes á escala de facultativos e especialistas da extinguida Administración Institucional da Sanidade Nacional que non se integraran nos réximes estatutarios da Seguridade Social e que foran transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1.679/1990, do 28 de decembro, os cales aparecen relacionados no anexo II do presente decreto.

 

3. 1.- Créase, dentro do corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala de saúde publica e administración sanitaria, xunto á clase de axudante técnico sanitario/diplomado universitario en enfermería, á que fai referencia o artigo 8 do Decreto 303/1990, do 31 de maio, a clase de subinspectores sanitarios.

2.- Intégranse no dito corpo, escala e clase, todos aqueles funcionarios de carreira que, pertencendo á escala de axudantes técnicos sanitarios visitadores do corpo sanitario do extinguido Instituto Nacional de Previsión, foron transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1.679/1990, do 28 de decembro, e que aparecen relacionados no anexo III do presente decreto.

 

4. As clases de funcionarios creadas polo presente decreto quedan adscritas á Consellería de Sanidade nos termos previstos no artigo 12 do Decreto 303/1990, do 31 de maio.

 

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 

Primeira.- O persoal interino pertencente ás escalas de médicos inspectores, farmacéuticos inspectores e axudantes técnicos sanitarios visitadores dos corpos sanitarios do extinguido Instituto Nacional de Previsión, así como os pertencentes á escala de facultativos e especialistas da extinguida Administración Institucional da Sanidade Nacional a que se refire o artigo 3 do presente decreto, e que, con tal carácter de persoal interino, foi transferido á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1.679/1990, do 28 de decembro, queda suxeito ós mesmos dereitos e obrigas que para o resto do persoal sanitario interino se establecen no artigo 3 e nas disposicións transitorias primeira e segunda da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ó servicio da Comunidade Autónoma, sempre e cando o dito persoal tivese tal condición á entrada en vigor da devandita lei.

O restante persoal interino transferido que non tivese tal condición na devandita data, quedará suxeito ó réxime xurídico previsto na mencionada Lei 17/1989, sen que lle sexa de aplicación o dereito transitorio da norma, no referente ó mantemento do posto de traballo en tanto non supere as convocatorias para acceso á condición de funcionario.

O persoal interino ó que se refire a presente disposición aparece relacionadao no anexo IV do presente decreto.

 

Segunda.- Para efectos do disposto na disposición transitoria primeira da devandita Lei 17/1989, valoraranse os servicios prestados á Administración do Estado con posterioridade ó día 18 de maio de 1981 e sempre que os ditos servicios se prestasen nos distintos corpos e escalas da Administración do Estado a que se fai referencia no presente decreto e no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Terceira.- Quedan modificados os anexos XXV e XXXVIII do Decreto 34/1991, do 1 de febreiro, no referente ós funcionarios de carreira integrados no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e administración sanitaria, clase de licenciados en medicina e ciruxía, e ós funcionarios de carreira integrados no corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e administración sanitaria, clase de axudante técnico sanitario/diplomado en enfermería no sentido de quedaren incluídos nas clases de inspectores medios e subinspectores sanitarios, respectivamente, os funcionarios de carreira que, pasando a prestar servicios na Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto 1.679/1990, do 28 de decembro, procederan da escala de inspectores médicos do corpo sanitario do extinguido Instituto Nacional de Previsión, da escala de inspectores médicos do Intituto Social da Mariña ou da escala de axudantes técnicos sanitarios visitadores do corpo sanitario do extinguido Instituto Nacional de Previsión, e que aparecen relacionados no anexo V do presente decreto.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Autorízase o conselleiro de Sanidade para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do presente decreto.

 

Segunda.- O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.