Decreto 16/1991, do 11 de xaneiro, polo que se asumen as funcións e servicios do Instituto Nacional Sa saúde traspasados pola Administración central do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia.


Polo Real decreto 1679/1990, do 28 de decembro, traspásanse á Comunidade Autónoma de Galicia, as funcións e servicios que o Instituto Nacional da Saúde viña desempeñando no territorio dela.

Procede, en virtude do citado traspaso, asumir expresamente as ditas funcións e servicios, de acordo co marco normativo vixente, asignando esas funcións e servicios os órganos correspondentes da Administración autónoma.

Por iso, por proposta do consellleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de xaneiro de mil novecentos noventa e un,

 

DISPOÑO:

 

1. Asuncións de funcións e servicios traspasados.

Quedan asumidas as funcións, servicios, institucións, bens, dereitos e obrigas, así como o persoal e créditos presupostarios traspasados pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, relativos ó Instituto Nacional de Saúde, mediante o Real decreto 1679/1990, do 28 de decembro, cos correspondentes anexos e relación.

 

2. Adscrición e asignación de funcións e servicios.

1. Adscríbense á Consellería de Sanidade as funcións, servicios e medios asumidos ós que fai referencia o artigo anterior.

2. A Consellería de Sanidade, e mailo organismo autónomo Servicio Galego de Saúde exercerán, no marco das súas respectivas competencias, as funcións e servicios que viña desempeñando o Instituto Nacional da Saúde no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo das competencias que correspondan á Consellería de Economía e Facenda de acordo coas disposicións vixentes.

3. Os órganos do servicio Galego de Saúde exercerán as atribucións e competencias que lles correspondan conforme ás normas que regulen a súa estructura.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira. Facúltase o conselleiro de Sanidade para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto, e para adopta-las medidas necesarias para a plena efectividade e executividade prácticas das funcións e servicios traspasados.

 

Segunda. O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e surtirá efectos desde o primeiro de xaneiro de 1991.