Decreto 288/1996, do 12 de xullo, sobre competencias e
procedemento para a autorización de apertura de oficinas de farmacia.
A promulgación do Real decreto lei 11/1996, do 17 de xuño, de ampliación do
servicio farmacéutico á poboación, modificou algunhas cuestións da situación
existente ata a data en relación coa apertura de novas oficinas de farmacia.
Esta circunstancia fai preciso que por parte da Comunidade Autónoma se adopten
as medidas necesarias para nun primeiro momento adecuar ás directrices do dito
real decreto lei a regulación vixente na materia, non sendo posible entrar
noutros aspectos reservados a norma de superior rango.
O presente decreto ten por obxecto clarifica-la situación
competencial recuperando para a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a
competencia resolutoria dos expedientes relativos ás oficinas de farmacia, así
como establece-lo procedemento de autorización de novas oficinas de farmacia,
baixo os principios de concorrencia, transparencia, mérito e capacidade.
Finalmente, a necesidade deste decreto, conxuntamente co xa
promulgado polo que se determinan os horarios mínimos de apertura así como os
criterios que deben rexer para o establecemento de quendas de urxencia e
vacacións das oficinas de farmacia, non exime da necesidade da inmediata
presentación do proxecto de Lei de ordenación farmacéutica de Galicia que xa se
estaba elaborando, e no que se fixan os principios básicos da planificación e
ordenación farmacéutica.
Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e
Servicios Sociais, consultados os colexios oficiais de farmacéuticos de
Galicia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do
día doce de xullo de mil novecentos noventa e seis,
DISPOÑO:
CAPÍTULO I
Das competencias
1. 1.
Correspóndelle á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios
Sociais resolve-los expedientes e conferi-las autorizacións nos supostos de
apertura de novas oficinas de farmacia, cesión, traspaso ou venda das xa
establecidas, así como traslado, modificación ou peche destas.
2. Contra as resolucións da Secretaría Xeral da consellería
poderase interpoñer recurso ordinario ante o conselleiro de Sanidade e
Servicios Sociais de acordo cos prazos e requisitos establecidos na Lei de
réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo
común.
2. 1.
Correspóndelle ás delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e
Servicios Sociais, no seu respectivo ámbito territorial, tramitar e formular
propostas de resolución dos expedientes de autorización de apertura de novas
oficinas de farmacia.
2. Iniciados ante as delegacións provinciais da consellería
os expedientes de autorización a que se refire o apartado anterior e unha vez
tramitados, serán remitidos por estas, xunto coa oportuna proposta, á
Secretaría Xeral da consellería para a súa resolución.
CAPÍTULO II
Do procedemento de autorización de novas
oficinas de farmacia
SECCIÓN PRIMEIRA
Disposicións xerais
3. 1. O
procedemento para a autorización de novas oficinas de farmacia rexerase polo
establecido no presente decreto e, en todo o non previsto, polas normas xerais
de procedemento administrativo.
2. O procedemento poderá iniciarse:
2.1. Por instancia dun ou máis farmacéuticos.
2.2. Por instancia dos órganos de goberno do municipio ou
municipios que poidan resultar beneficiados.
2.3. Por instancia do colexio oficial de farmacéuticos.
2.4. De oficio pola Consellería de Sanidade e Servicios
Sociais.
4. 1. A
autorización de novas oficinas de farmacia outorgarase por concurso público de
acordo co procedemento establecido neste decreto e o baremo que determine a
Consellería de Sanidade e Servicios Sociais. Para iso farase unha lista con
tódolos concorrentes que reúnan os requisitos establecidos, e procederase á súa
adxudicación segundo o dito baremo e de forma sucesiva, se o primeiro
adxudicatario renunciase, ata a conclusión da lista.
2. Non poderán participar no procedemento para a instalación
dunha nova oficina de farmacia os farmacéuticos que sexan titulares dunha
oficina de farmacia no mesmo municipio para o que solicite a nova instalación.
3. A adxudicación por resolución administrativa firme dunha
oficina de farmacia de nova apertura a un farmacéutico xa titular e
propietario, ou se é o caso copropietarios, dunha oficina de farmacia,
determinará automaticamente a perda da autorización que se viña posuíndo, aínda
no caso de renuncia. A dita autorización someterase pola súa vez a un
procedemento de concurso de méritos para a súa adxudicación sen que lle sexan
aplicables os requisitos pobocionais, pero si os relativos a distancias e
superficies mínimas e demais previstos na lexislación vixente.
A perda da dita autorización farase efectiva a partir do
momento da apertura da nova farmacia adxudicada.
4. Ningún adxudicatario de oficina de farmacia de nova
apertura poderá tomar parte noutro concurso de méritos ata que transcorran
cinco anos desde a data da adxudicación.
SECCIÓN SEGUNDA
Procedemento iniciado a petición dun ou mais
farmacéuticos
5. 1. Cando o
procedemento se inicie por petición dun ou máis farmacéuticos, a solicitude,
que debe formularse por escrito, debe indica-lo municipio ou núcleo claramente
definido onde se pretende que haxa lugar á instalación dunha nova oficina de
farmacia.
2. A dita solicitude debe ir acompañada dos seguintes
documentos:
a) Título de licenciado en Farmacia ou resgardo del.
b) Certificado do número de habitantes censados no municipio
ou núcleo para o que se solicita a apertura segundo o padrón municipal vixente
no momento de presenta-la solicitude.
Cando a solicitude se fundamente no artigo 3.1º b do Decreto
909/1978, do 14 de abril, será preciso ademais achegar unha delimitación
espacial do núcleo sobre mapa con especificación do lugar concreto da apertura.
c) Calquera outra documentación que o solicitante considere
oportuna.
3. Se falta algún dos documentos ou datos esixidos,
requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, achege os documentos
preceptivos. De non efectualo no citado prazo procederase ó arquivo da
solicitude.
6. 1. O
expediente poráselle de manifesto ós farmacéuticos con oficina de farmacia
autorizada no municipio afectado e ó colexio oficial de farmacéuticos da
provincia respectiva co fin de que nun prazo de dez días poidan alegar e
presenta-los documentos que consideren convenientes.
7. 1. A
Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, unha vez
valoradas as circunstancias concorrentes, autorizará ou denegará a instalación
dunha nova oficina de farmacia no municipio a que se referiu a solicitude,
debendo notificárselle-la dita resolución ós interesados.
2. O prazo máximo para tramitar e resolve-las ditas
solicitudes será de catro meses contados a partir da presentación da
documentación referida nos apartado a) e b) do punto 2 do artigo 5.
Transcorrido o dito prazo sen resolución expresa entenderase
concedida a autorización por silencio positivo non termos establecidos na Lei
30/1992, do 26 de novembro.
3.O prazo sinalado no apartado anterior será de seis meses
cando se trate de solicitudes realizadas ó amparo do artigo 3.1º b) do Decreto
909/1978, do 14 de abril.
8. 1. Se a
resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais
autoriza unha nova oficina de farmacia, publicarase no Diario Oficial de
Galicia, indicando o municipio onde debe realizarse a instalación para que, no
prazo de quince días contados desde o seguinte ó da publicación, os
farmacéuticos interesados, poidan presenta-las correspondentes solicitudes
alegando os méritos e circunstancias que consideren convenientes que serán
valorados segundo o baremo fixado pola Consellería de Sanidade e Servicios
Sociais.
2. As solicitudes presentadas deben ir acompañadas do título
de licenciado en Farmacia ou resgardo del, así como da documentación
acreditativa dos méritos alegados mediante orixinais ou debidamente
compulsados.
3. As solicitudes admitidas serán obxecto de publicación no
taboleiro de anuncios da Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e
Servicios Sociais.
9. 1.Unha vez
valorados os méritos e circunstancias de cada un dos solicitantes procederase á
publicación da lista provisional coas puntuacións obtidas co fin de que os
interesados poidan formular no prazo de 10 días as reclamacións que consideren
oportunas.
2. Analizadas as reclamacións presentadas, a Secretaría
Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais dictará resolución, que se
publicará no Diario Oficial de Galicia, que conterá a puntuación dos
farmacéuticos concursantes, indicando a solicitude de apertura de oficina que
queda autorizada.
3. O prazo máximo para tramitar e resolve-las ditas
solicitudes será de catro meses contados desde a finalización do prazo da súa
presentación.
10. 1. Concedida
a autorización firme en vía administrativa a que se refire o artigo anterior,
para efectos da instalación e establecemento da oficina de farmacia autrizada,
os interesados deberán designar no prazo de tres meses o local proposto para a
nova oficina de farmacia.
2. Se o concursante que obtivo a máxima puntuación non
designa local no prazo indicado, decaerá o seu dereito e requirirase o
concursante que o siga na puntuación co fin de que proceda a face-la
designación do local, e así sucesivamente.
3. No caso de que o solicitante designe un local que por
causa non imputable a el non reúna tódolos requisitos necesarios para a súa
autorización, concederáselle un único prazo de trinta días para designar outro
local.
11. En todo caso,
unha vez outorgada pola Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios
Sociais a autorización administrativa de instalación e establecemento da
oficina de farmacia, será necesario para a súa apertura e posta en
funcionamento que, unha vez comprobado que se cumpren as condicións e requisitos
establecidos, se levante acta de inspección na que se autorice a apertura e
posta en funcionamento.
SECCIÓN TERCEIRA
Especialidades do procedemento iniciado por
instancia dos municipios ou dos
colexios oficiais de farmacéuticos.
12. 1. Cando o
procedemento se inicie por petición dos órganos de goberno do municipio ou
municipios que poidan resultar beneficiarios, a solicitude, que debe formularse
por escrito, debe ir acompañada dos seguintes documentos:
a) Acordo do pleno do concello ou concellos, segundo
corresponda, no que se acorde presenta-la solicitude.
b) Documentos sinalados nos apartados b) e c) do artigo 5 do
presente decreto.
2. Se falta algún dos documentos ou datos esixibles,
requirirase ós organos de goberno solicitantes para que achegen a documentación
preceptiva nun prazo de dez días e, no caso de non o efectuaren non prazo
citado, procederase ó arquivo da solicitude.
13. 1. Os
colexios oficiais de farmacéuticos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra
poderán insta-la iniciación do procedemento para a autorización dunha nova
oficina mediante acordo da súa xunta de goberno ó que se deberán achegar
documentos sinalados nos apartados b) e c) do artigo 5º.
DISPOSICIÓNS ADICIONAIS
Primeira.- O presente decreto será de aplicación tamén ás
solicitudes iniciadas a partir da vixencia do Real decreto lei 11/1996, do 17
de xuño, e ata a data de entrada en vigor do presente decreto.
Segunda.- Respecto das solicitudes formuladas a partir da
entrada en vigo do Real decreto lei 11/1996, do 12 de xuño, o requirimento
previsto no artigo 5.3º poderá efectuarse mediante publicación no Diario
Oficial de Galicia.
Terceira.- 1.O prazo máximo para resolve-las solicitudes de
traslado a que se refire o artigo 7 do Decreto 909/1978, do 14 de abril, será
de 6 meses.
2. Resolveranse nun prazo máximo de tres meses:
a) Os expedientes de instalación e establecemento de cada
unha das oficinas de farmacia autorizadas a que se refire o artigo 11 do
presente decreto e os artigos 5 e 7 da orde ministerial do 21 de novembro de
1979.
b) Os procedementos derivados do previsto nos artigos 5, 6 e
8 do Decreto 909/1978.
Cuarta.- Cando existan circunstancias que impidan
razoablemente o cumprimento dos prazos previstos neste decreto, poderase
propoñer de forma motivada a súa ampliación.
A ampliación dos prazos non poderá ser superior ós
inicialmente establecidos.
Contra o acordo que resolva sobre a ampliación de prazos non
caberá recurso administrativo ningún.
Quinta.- Por orde da Consellería de Sanidade e Servicios
Sociais poderase delegar nos colexios oficiais de farmacéuticos da Coruña, Lugo
Ourense e Pontevedra a tramitación e formulación das propostas de resolución
dos expedientes a que se refire o número 1 do artigo 2º decreto.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA
Os expedientes de autorización de novas oficinas de farmacia
iniciados con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto lei 11/1996,
tramitaranse e resolveranse de acordo coa normativa que lles era de aplicación.
DISPOSICIÓNS DERROGATORIAS
Primeira.- 1. Déixanse sen efecto no ámbito da Comunidade
Autónoma de Galicia o artigo 4 do Decreto 909/1978, do 14 de abril, sobre
establecemento, transmisión e integración de oficinas de farmacia, e os artigos
1, 2 e 4 da Orde do 21 de novembro de 1979 que o desenvolve. Igualmente quedan
sen efecto o resto dos seus artigos en todo aquilo no que se opoñan ó disposto
no presente decreto.
2. Así mesmo, déixanse sen efecto na Comunidade Autónoma de
Galicia tódalas disposicións estatais de igual ou inferior rango en canto se
opoñan ó disposto no presente decreto.
Segunda.- 1. Quedan derrogadas as seguintes disposicións:
- Decretos 177/1993, do 29 de xullo, e 156/1994, do 2 de
xuño, sobre adecuación de procedementos de autorización de oficinas de
farmacia.
- Orde do 12 de decembro de 1986 pola que se delega nos
colexios oficiais de farmacéuticos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra a
competencia decisoria dos expedientes a que se refire o artigo 9.2º do Decreto
909/78, do 14 de abril, así como a Orde do 14 de xullo de 1990 que a modifica
parcialmente.
2. Quedan derrogadas igualmente tódalas disposicións
autonómicas de igual ou inferior rango en canto se opoñan ó disposto no
presente decreto.
DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS
Primeira.- Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios
Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento
e aplicación do presente decreto.
Segunda.- O presente decreto entrará en vigor o día seguinte
ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.