Orde do 30 de maio de 1990 de creación do programa de formación posgraduada de psicólogos para a atención á saúde mental.

A saúde mental é unha das áreas de atención integradas na Dirección Xeral do Servicio Galego de Saúde que máis desenvolvemento necesita co fin de mellora-los diversos aspectos que ela comporta. Éntre eles, a adecuada preparación dos profesionais que prestan os seus servicios nesta área axustándoa ás novas concepcións da atención á saude mental.

A evolución dos modelos de atención á saúde mental implica a inclusión de novas ramas do saber, entre as que está a psicoloxía clínica, que nos últimos anos vén demostrando posuír un conxunto de técnicas e coñecementos de gran relevancia nas distintas actividades preventivas, asistenciais e de rehabilitación polas que se desenvolve a atención ós problemas da saúde mental, que avalan ó psicológo como un profesional máis da saúde. Todo iso fai necesario o desenvolvemento dun programa de formación posgraduada en psicoloxía clínica que formalice e garanta o adestramento específico destes profesionais.

Neste sentido a Consellería de Sanidade vén realizando unha serie de contactos con diversos organismos e institucións implicados nesta materia coa finalidade de dotar á Comunidade Autónoma de Galicia dos mecanismos necesarios para levar a cabo esta formación.

En consecuencia e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de octubro,

 

DISPOÑO:

 

1. Créase o programa de formación posgraduada de psicólogos para a atención á saúde mental.

 

2. O programa, cunha duración de tres anos, constará de dúas vertentes:

a) Teórica: levarase a cabo a través de seminarios e serán impartidos fundamentalmente polos profesionais do servicio e dos departamentos universitarios relacionados coas áreas de coñecemento vinculadas á saude mental.

b) Práctica: constituída polas rotacións dos diversos dispositivos asistenciais da rede pública de servicios especializados acreditados para tal fin.

 

3. O sistema de avaliación para a formación teórica baséase na asistencia ás actividades de formación; e para a formación práctica a través dos informes periódicos que emitan os psicólogos titores dos servicios nos que se efectúen as rotacións.

 

4. Constituirase unha comisión de docencia adscrita á Dirección Xeral do Servicio Galego de Saúde que será a responsable da supervisión, do seguimento e da avaliación de programas de formación. Estará constituída por:

Presidente: director xeral do Servicio Galego de Saúde ou persoa na que delegue.

Vocais:

- Un representante da Consellería de Sanidade pertencente ó Servicio de Saúde Mental e Drogodependencias.

- Un representante da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

- Un representante dos departamentos universitarios da Sección de Psicoloxía das áreas de coñecemento relacionadas coa especialidade de saúde mental.

- Un resentante de cada unha das administracións implicadas no programa (INSALUD, Deputación e Consellería de Sanidade).

- Un representante do colexio oficial de psicólogos de Galicia.

- Un representante psicólogo elixido entre os titores cando estes sexan designados. Mentres isto non sexa posible, será designado pola comisión por proposta do seu presidente.

- Un representante dos psicólogos en formación cando isto sexa posible.

Secretario: un técnico de grao superior do Servicio de Saúde mental e Drogodependencias.

A comisión en calquera momento poderá dotarse dos asesores que considere oportunos para o mellor cumprimento das súas funcións.

 

5. Serán funcións da comisión:

1º.- Defini-los circuítos asistenciais nos que se debe desenvolve-lo programa.

2º.- Defini-los contidos teóricos e os dispositivos onde se deben desenvolver estas prazas.

3°.- Informar sobre a distribución entre os circuítos asistenciais das prazas.

4º.- Defini-los criterios de selección das prazas que se van cubrir.

5º.- Establece-los procedementos de seguimento e avaliación dos programas.

 

6. A Consellería de Sanidade procederá á selección dos candidatos mediante convocatoria pública, na que se especificarán o número de prazas que se van cubrir e os requisitos dos candidatos.

 

7. A contratación dos psicólogos realizarase segundo o modelo de contrato laboral en prácticas conforme ó Real decreto 1992/1984, do 31 de outubro.

Ó remate do programa de formación os participantes que superen este recibirán un diploma de capacitación.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Facúltase ó director xeral do Servicio Galego de Saúde para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

 

Segunda.- A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vease también