Decreto 99/1984, do 7 de xuño, sobre centros, servicios e establecementos sanitarios.


A Constitución Española, no seu artigo 43, tras recoñece-lo dereito á protección da saúde de tódolos cidadáns, encomenda ós poderes públicos a organización e tutela da saúde pública.

O Estatuto de Autonomía de Galicia, no seu artigo 33.1, atribúelle á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

En consecuencia, en función do establecido polo artigo 33. Un g) do R. D. 1634/ 1980, do 31 de xullo, sobre transferencias, correspóndelle á Xunta de Galicia outorga-la autorización oportuna para a creación, construcción, modificación, adaptación ou supresión de centros, servicios e establecementos sanitarios de calquera clase e natureza, incluidos os balnearios e as entidades do Seguro Libre de Asistencia Médico-Farmacéutica.

O obxectivo prioritario da Xunta de Galicia é eleva-lo nivel sanitario de Galicia, para o cal é aconsellable regula-las condicións e os requisitos que deben reuni-los centros, servicios e establecementos sanitarios, tanto públicos como privados.

Na súa virtude, a proposta do Conselleiro de Sanidade e Consumo, previa deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xuño de mil novecentos oitenta e catro,

 

DISPOÑO:

 

1. Os centros, servicios e establecementos sanitarios civís; públicos ou privados, de calquera clase e natureza, ubicados en Galicia, quedarán suxeitos ó previsto neste Decreto.

 

2. Ós efectos deste Decreto considéranse centros, servicios e establecementos sanitarios:

a) Os centros sanitarios asistenciais extrahospitalarios, os bancos de sangue, os centros de hemodiálise, os laboratorios de análises clínicas e os centros de radioloxía.

b) Os centros de asistencia hospitalaria xerais ou especializados.

c) Os balnearios.

d) Os servicios de ambulancia e transporte sanitario, os centros móviles destinados á atención sanitaria e os equipos móbiles de extraccións.

e) As oficinas de farmacia, servicios farmacéuticos de hospitais, botiquíns, almacéns e distribuidores de productos farmacéuticos.

f) Todos aqueles non incluídos nos apartados anteriores que pola súa finalidade ou por razón das técnicas empregadas nos mesmos, teñan o carácter de sanitario-asistenciais.

 

3. Os centros, servicios e establecementos sanitarios enumerados no artigo anterior, quedan suxeitos a:

a) Autorización administrativa previa para a súa creación, construcción, modificación, adaptación ou supresión, de conformidade coa normativa que lles sexa de aplicación.

b) A comprobación, previa á apertura ou posta en funcionamento, de que se cumpren as condicións e requisitos establecidos, comprobación que se acreditará mediante a oportuna Acta de Inspección, sen a cal se considerarán clandestinos.

c) O rexistro e catalogación.

d) O cumprimento das obrigas derivadas dos principios de solidariedade e integración sanitarias en casos de emerxencia, ou de perigo para a saúde pública.

e) A comunicación á Administración Sanitaria da información que lle sexa solicitada.

f) O control e a inspección do cumprimento dos requisitos establecidos no presente artigo, así como a sanción polas infraccións á normativa aplicable en cada caso.

 

4. Corresponderalle á Consellería de Sanidade e Consumo:

a) Establecer procedementos e criterios que, superando os requisitos técnicos e as condicións mínimas que para a súa autorización deban de reuni-los centros, servicios e establecementos sanitarios, tendan a mellorar, de xeito progresivo, a calidade dos mesmos e das súas prestacións sanitarias.

b) A elaboración e o mantemento do rexistro e catálogo dos centros, servicios e establecementos sanitarios.

c) Asegura-lo cumprimento do previsto no apartado d) do artigo 3º.

d) Acorda-la suspensión provisoria ou definitiva, total ou parcial dun centro, servicio ou establecemento sanitario conforme o disposto no apartado f) do artigo 3º.

e) E, en xeral, adoptar cantas medidas sexan necesarias para a debida ordenación e control sanitario dos mencionados centros, servicios e establecementos.

 

DISPOSICIÓNS FINAIS

 

Primeira.- A Consellería de Sanidade e Consumo dictará as normas e adoptará as medidas oportunas para o

desenvolvemento e aplicación do establecido neste Decreto.

 

Segunda.- O presente Decreto entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

Vease también