Orde do 16 de marzo de 1990 pola que se crea a comisión asesora en materia de ordenación sanitaria.
 
A Constitución Española, no seu artigo 43, recoñece o dereito á protección da saúde, e corresponde ós poderes públicos organizar e tutela-la saúde pública.

O Estatuto de Autonomía, no seu artigo 33, atribúe á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

Por outra parte, corresponden á Xunta de Galicia, de conformidade co establecido no Real Decreto 1634/1980 do 31 de xullo (B.O.E. n ° 191, do 9 de agosto de 1980) as funcións e competencias en materia de sanidade interior.

Asi mesmo están transferidos á Comunidade Autónoma os funcionarios sanitarios que realizan as ditas funcións.

As competencias en materia de sanidade interior, encomendadas á Conselleria de Sanidade, son desempeñadas no seu nivel básico por funcionarios que ademais desenvolven outras funcións que os vinculan, en xeral, a outros organismos, o que limita a dedicación destes ás tarefas específicas da dita materia.

Sendo voluntad do Goberno galego o potencia-las actuacións no campo da sanidade, faise preciso organiza-la estructura sanitaria dedicada a estes fins, perseguindo unha maior dedicación e especialización. Así pois, é preciso analizar e precisa-las funcións dos distintos profesionais e dos medios necesarios, co obxecto de lograr unha estructura funcional eficaz.

Por todo iso, e dada a importancia que ten para a Comunidade Autónoma de Galicia, considérase conveniente crear unha comisión asesora en materia de ordenación sanitaria.

En uso das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada por Lei 11/1988, do 20 de outubro.

 

DISPOÑO

 

1. Créase unha comisión asesora da Consellería de Sanidade en materia de ordenación sanitaria.
 

2. A comisión asesora en materia de ordenación sanitaria terá os seguintes fins:

a) Asesorar á Consellería de Sanidade na dita materia.

b) Emitir informes e realizar estudios sobre aspectos concretos sanitarios, ben por propia iniciativa ou por solicitude da Consellería de Sanidade.

c) Colaborar con propostas de normativa.

 

3. Co obxecto de coordenar e impulsa-los distintos programas que se levan a cabo, créase a figura do asesor-coordenador de programas, que será vocal da comisión asesora.

 

4. O nomeamento e a remoción dos membros da comisión asesora en materia de ordenación sanitaria, será efectuado polo conselleiro de Sanidade entre persoas de recoñecido prestixio no dito campo.

 

5. A comisión asesora da Consellería de Sanidade en materia de ordenación sanitaria estará presidida polo subdirector xeral de Planificación, Ordenación e Inspección Sanitaria, formarán parte desta o asesor-coordenador de programas e os vocais que se designen, de entre os cales dous serán por proposta do director xeral do Servicio Galego de Saúde, e actuará como secretario un funcionario da Consellería de Sanidade designado para tal efecto.

 

DISPOSICIÓNS DERRADElRAS

 

Primeira: Facúltase o secretario xeral técnico para adopta-las medidas necesarias en relación coa execución e desenvolvemento desta orde.

Segunda: Esta Orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.