Orde do 30 de abril de 1987 pola que se aproban as normas complementarias para a expedición do carné de manipulador de alimentos.


O Decreto 239/1986, do 24 de xullo, aprobou o Regulamento de manipulador de alimentos, facultaba ó mesmo tempo á Consellería de Sanidade e Seguridade Social para establece-lo modelo de carné e regulaba a existencia dunha ficha individual para o control sanitario dos manipuladores.

Cómpre agora executar esas previsións aprobando os novos modelos de carné e ficha de control, que redundarán nunha máis perfecta indentificación das persoas afectadas, que disporán así dunha documentación aínda máis funcional, á vez que permitirá un control sanitario máis eficiente das persoas autorizadas para a manipulación de certos alimentos.

Ó mesmo tempo descentralízanse e axilízanse as probas e accións esixidas para a expedición do carné, facilitándolles ós interesados a súa obtención.

Na súa virtude,

 

DISPOÑO:

 

1. 1.- O novo modelo de carné de manipulador de alimentos é o que figura no anexo I da presente Orde.

2.- Correspóndelles ós directores de Saúde das Delegacións Provinciais da Consellería de Sanidade e Seguridade Social a expedición do carné de manipulador de alimentos.

 

2. 1.- Os centros sanitarios interesados na realización das probas médicas e educativas previstas no Decreto 239/1986, do 24 de xullo, para a expedición do carné de manipulador de alimentos, poderán solictar esta facultade ó director de Saúde da provincia na que estean radicados.

2.- Os centros sanitarios autorizados remitirán á Dirección de Saúde correspondente un informe individualizado no que consten os resultados das probas médicas practicadas e o efectivo aproveitamento do cursiño de educación sanitaria polo solicitante do carné de manipulador, co obxecto de que o mesmo poida ser expedido polo director de Saúde.

 

3. Con independencia dos centros sanitarios autorizados ós que se refire o artigo anterior, os directores de Saúde establecerán, no ámbito das súas provincias respectivas, distintos puntos nos cales se poderán realiza-los trámites precisos para a obtención do carné de manipulador de alimentos, con zonas de influencia que cubrirán, como mínimo, as contemplada no nivel IV do vixente Mapa Sanitario.

 

4. As renovacións dos carnés de manipuladores efectuaranse nos mesmos lugares establecidos para a súa obtención e seguindo igual proceso que para a súa primeira expedición.

 

5. 1.- O modelo de ficha individual de manipuladores, prevista no artigo 6.1 do Decreto 239/1986, do 24 de xullo, é a que figura no anexo II desta Orde.

2.- As Direccións de Saúde disporán dun ficheiro actualizado de manipuladores de alimentos da súa provincia.

3.- As fichas deberán ser dilixencias en tódolos seus apartados e complementarse con aqueles informes ou documentación que, a xuício do director de Saúde, se consideren necesarios para un mellor control sanitario.

4.- Os centros sanitarios autorizados pola Dirección de Saúde remitirán a esta un exemplar da ficha de cada un dos manipuladores solicitando do primeiro carné ou renovación, segundo o caso, tramitados por eles.

 

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

 

O modelo de carné de manipuladores de alimentos establecido no anexo I e o de ficha individual, do anexo II, entrarán en vigor ós trinta días da publicación desta Orde no Diario Oficial de Galicia.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

Facúltase á Dirección Xeral de Saúde Pública para que, a través das Delegacións Provincias e Direccións de Saúde, realice as accións necesarias para o cumprimento do disposto nesta Orde.

Vease también