Orde do 7 de maio de 1997 de concertación e acreditación de centros sociosanitarios.[1]

 

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º asígnalle á Comunidade Autónoma unha competencia exclusiva en materia de asistencia social. Así mesmo, no artigo 33.1 establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior.

 

Por outra banda, a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, estructura un sistema integrado de servicios sociais como servicio público da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa promoción.

 

O Decreto 63/1996, do 15 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no seu preámbulo, destaca o papel da consellería como órgano responsable das políticas sanitarias, sociais e sociosanitarias, así como a importancia da atención sociosanitaria para darlles resposta ás necesidades de determinados sectores sociais especialmente vulnerables ou insuficientemente protexidos.

 

Precisamente, a integración dos servicios sociais e sanitarios nunha mesma consellería permite que se produza un proceso de complementariedade e integración da asistencia, evitando frecuentes e custosas duplicidades entre ámbalas estructuras. Preténdese, a través do programa de atención sociosanitaria, que os servicios sociais e sanitarios se complementen, na medida que sexa necesario, en función do tipo e características de usuarios que atenderán conxuntamente. O programa de atención sociosanitaria abrangue sectores asistenciais netamente diferentes, como son, a atención a persoas maiores, enfermos mentais crónicos, discapacitados e pacientes terminais. A atención de persoas maiores é un dos eidos onde se manifesta con maior intensidade a necesidade dunha continuidade asistencial, desde os aspectos puramente sanitarios ás necesidades sociais, precisándose unha intervención combinada de servicios, fundamentalmente en persoas maiores con déficit funcional transitorio, pluripatoloxía recuperable, ancián fráxil médico social, demencias leves e moderadas, graves ou evolucionadas e precariedade social. O perfil deste tipo de usuarios require unha organización de coidados de media estancia (rehabilitación, convalecencia) e de longa estancia cun marcado compoñente social que non encadra na estructura dun hospital xeral.

 

En consecuencia, é obxectivo primordial do Programa de Atención Sociosanitaria da consellería, crear recursos e orienta-los actualmente existentes cara ás necesidades formuladas por estes colectivos, así como a elaboración de plans e propostas de normas reguladoras da prestación de servicios sociosanitarios.

 

Por iso, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

 

DISPOÑO:

 

1. Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establece-lo réxime de concertos entre o Sergas, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e as persoas, naturais ou xurídicas, públicas ou privadas, titulares de centros, servicios e establecementos sanitarios, para a atención sociosanitaria a persoas con dependencia que estean protexidas pola Seguridade Social e sexan beneficiarias do Servicio Galego de Saúde.

 

2. Requisitos para poder concertar. 

1. Só poderán subscribirse concertos de asistencia sociosanitaria con centros, servicios e establecementos sanitarios que, de acordo co Decreto 99/1984, do 7 de xuño, conten coa correspondente autorización de apertura e posta en funcionamento e estean inscritos no rexistro de entidades prestadoras de servicios sociais regulado polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro e demais disposicións que o desenvolven.

2. As entidades deberán cumpri-la lexislación vixente que lles sexa aplicable e a de ámbito sanitario, mercantil, laboral e fiscal, sen que poidan estar incursos en ningunha das prohibicións para contratar que establece o artigo 20 do texto refundido da Lei de contratos para as administracións públicas, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño.

 

3. Solicitude de acreditación.

A acreditación será outorgada polo secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, logo da solicitude do titular ou representente legal do centro, servicio ou establecemento sanitario, de acordo co modelo que se establece no anexo II da presente orde, á que se achegará a seguinte documentación por duplicado:

1. DNI do solicitante.

2. Documentos que acrediten propiedade e dependencia xurídica do centro solicitante.

3. Documentación acreditativa da representación que ostenta o solicitante.

4. Memoria técnica e funcional do servicio sociosanitario que se solicita acreditar.

5. Documento que acredite e especifique o cadro de persoal dedicado ó servicio sociosanitario, co tempo de dedicación contratado.

 

4. Procedemento de acreditación.

1. Examinada a solicitude e a documentación achegada e constatados polos servicios de inspección o cumprimento das condicións e requisitos establecidos na presente orde, a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais resolverá a solicitude no prazo máximo de tres meses.

Transcorrido o dito prazo sen dictar resolución expresa, a solicitude entenderase rexeitada.

2. Contra a resolución de acreditación poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, na forma e prazo que establece a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. As acreditacións concederanse por un prazo máximo de catro anos, aínda que poderán renovarse cunha antelación mínima de tres meses ó remate do período da súa vixencia, mediante solicitude dirixida ó secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no modelo que recolle o anexo II desta orde.

 

5. Procedemento de formalización de concertos.

O procedemento de concertación axustarase ó establecido no texto refundido da Lei de contratos para as administracións públicas, aprobado por Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, á súa normativa de desenvolvemento e demais normas complementarias na materia, así como ás previsións establecidas na presente orde.

 

6. Modalidades de asistencia.

Os concertos poderán outorgarse para unha ou varias modalidades e réxime asistencial seguinte:

 

1. En unidades de internamento sociosanitario, en réxime de:

1.1. Unidade de convalecencia, con fins de convalecencia e rehabilitación en usuarios con déficit funcional recuperable. Esta modalidade asistencial implica a aceptación dos seguintes obxectivos asistenciais:

-Completa-lo tratamento iniciado na unidade de agudos durante a fase de convalecencia.

-Valoración e manexo dos problemas xeriátricos engadidos.

-Continua-lo tratamento rehabilitador, iniciado na fase aguda co fin de obte-la máxima recuperación funcional posible, en termos de autonomía para as actividades da vida diaria.

-Dar unha adecuada educación sanitaria ós coidadores, facilitando un tempo de aprendizaxe sobre o manexo do enfermo, logo do regreso ó seu domicilio.

Funcionamento nesta modalidade asistencial:

-Atención integral, por un equipo interdisciplinar médico, enfermería e social con protocolos específicos.

-Valoracións médicas diarias e sesións interdisciplinarias periódicas.

-Aplicación do sistema de información específico determinado polo ente contratante.

-Instauración de sistemas que garantan a calidade asistencial.

-Transcorrido un prazo de tres meses nesta modalidade será preceptivo remitir un informe por parte do centro concertado ó Sergas segundo as instruccións que se fixen no concerto.

 

1.2. Unidade de longa estancia, coa finalidade de proporciona-los coidados de mantemento precisos en usuarios con déficits funcionais non recuperables, mediante a aplicación de medidas de apoio e preventivas, incluíndo apoio social e tratamento psicolóxico, médico e rehabilitador axustado ás necesidades do usuario.

Os obxectivos asistenciais desta modalidade serán:

-Dar unha atención equiparable á dunha institución residencial de modalidade asistida, asegurando unha boa calidade de vida.

-Previr unha progresiva deterioración funcional, fomentando ó máximo o grao de autonomía para as actividades básicas da vida diaria.

-Proporcionar coidados continuados cunha adecuada atención de problemas de saúde sobrevidos e/ou interrecorrentes.

-Involucra-lo usuario e a súa familia na toma de decisións que afecten á calidade de vida do usuario, principalmente se teñen implicacións éticas.

Funcionamento nesta modalidade asistencial:

-Avaliación multidisciplinaria para establecer un plan de coidados por parte do equipo interdisciplinar.

-Revisións médicas periódicas e supervisión de enfermería en función das súas necesidades.

-Apoio nas actividades básicas da vida diaria.

-Programas de prevención de síndromes xeriátricos (úlceras, caídas, malnutrición...).

-Programas de calidade de vida do usuario, favorecendo a súa integración co contorno.

-Remisión periódica segundo as instruccións do Sergas do Sistema de Información que este implante.

-A permanencia nesta modalidade non suporá unha estancia indefinida, senón que o Sergas poderá requirir información ó centro para asegurarse de que a institucionalización é a alternativa que mellor se adecúa ás necesidades biopsicosociais da persoa que permanece nesta modalidade.

-O dereito á permanencia nesta modalidade finalizará no momento en que ó usuario lle sexa concedida praza en centro residencial ou calquera outra prestación económica e/ou social, sexa ou non aceptada polo interesado.

 

2. No domicilio, en réxime de:

1.1. Asistencia domiciliaria:

Orientada a dar continuidade asistencial a usuarios en réxime domiciliario, en colaboración cos servicios de atención primaria sanitaria e social que lle correspondan, e con carácter temporal, a modo de transferencia do seu contorno hospitalario ó seu domicilio.

O equipo de asistencia domiciliaria estará composto por:

-Médico xeral.

-Enfermería.

-Traballadora social.

A asistencia domiciliaria basearase na consecución dos seguintes obxectivos:

-Facilita-la inserción no seu contorno habitual a través dunha adecuada educación sanitaria, facilitando un tempo de aprendizaxe e manexo do enfermo.

-Poñer en coñecemento do seu médico de cabeceira as características biopsicosociais deste usuario, así como o plan de coidados que deberá ir orientado cara a unha continuidade de coidados no seu domicilio habitual.

Funcionamento:

-Visita do médico do equipo dúas veces por semana como mínimo.

-Visita da enfermería diaria.

-Visita do traballador social tres veces por semana como mínimo.

-O prazo máximo de duración desta modalidade será dun mes. Transcorrido este período, o Sergas, a través de quen oportunamente determine, poderá renova-lo prazo de modalidade asistencial domiciliaria.

 

7. Réxime de acceso.

Os mecanismos de acceso dos usuarios ó centro concertado, salvo supostos específicos que se establezan nos propios concertos, serán:

Na unidade de convalecencia:

a) Por remisión desde o nivel de asistencia especializada:

Autorizada pola xerencia ou dirección médica dos centros hospitalarios do Servicio Galego de Saúde.

b) Por autorización da Unidade de Control de Concertos da Dirección Provincial.

Na unidade de longa estancia e asistencia domiciliaria:

a) Por autorización da Unidade de Control de Concertos da dirección provincial, logo da solicitude de ingreso segundo modelo (anexo IV).

 

7º bis.-Requisitos para solicitar ingreso na unidade de longa estancia.

Para o ingreso nesta modalidade será requisito imprescindible que o usuario ou o seu representante legal presente unha solicitude de ingreso na unidade de longa estancia segundo modelo de solicitude (anexo IV). Deberán acreditar que presentaron a solicitude de ingreso nunha institución residencial de tipo asistido, ou solicitude de calquera outra prestación económica e/ou social a que teñan dereito segundo a normativa vixente. A traballadora social do centro concertado sociosanitario colaborará e axilizará a realización e información dos trámites necesarios.

Unha vez presentada a solicitude na Dirección Provincial do Sergas correspondente, transcorrido un prazo de tres meses, entenderase rexeitada a solicitude.

 

8. Facturación dos servicios.

1. A facturación dos servicios prestados polo centro concertado realizaranse de acordo coas tarifas que oportunamente se publiquen pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

2. Para estes efectos entenderase por «estancia» a permanencia no centro durante un período que supoña a realización dunha comida principal e pasa-la noite ou ben dúas comidas principais.

3. Entenderase por «módulo asistencial» ós compoñentes de coidados sanitarios e de apoio requiridos polo usuario durante cada estancia en centros sociosanitarios.

Considérase «módulo residencial» ó compoñente de estancia atribuíble á necesidade de substituí-lo domicilio habitual do usuario durante o tempo en que perdure a estancia.

 

9. Participación do usuario no financiamento.

Os usuarios de longa estancia colaborarán no financiamento do módulo residencial da súa asistencia, mediante a entrega á entidade concertada do 75% dos seus ingresos líquidos mensuais, quedando excluídos do cómputo as gratificacións extraordinarias, e sen que a dita achega supere en ningún caso a cantidade fixada como importe mensual do citado módulo residencial.

Na facturación dos servicios deducirase o importe que o centro concertado pode reterlles ós usuarios de acordo co establecido no parágrafo anterior.

A contía da colaboración ponderarase tendo en conta as cargas familiares dos usuarios, de acordo cos principios que establece o artigo 79 da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais.

Correspóndenlle ó centro concertado sociosanitario as actuacións xurídicas oportunas derivadas do incumprimento do cofinanciamento, por parte do usuario de longa estancia, así como asumi-la débeda xerada por esta falta de pagamento. Estes extremos deberán facerse constar no concerto.

 

10. Obrigas derivadas da sinatura do concerto.

1.Os centros, servicios e establecementos que concerten, ó amparo da presente orde obríganse a cumprí-lo concerto e adaptarse á planificación establecida pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, coordinándose cos restantes recursos sanitarios e sociais, para garanti-la correcta asistencia dos usuarios.

2. Sen prexuízo do establecido na presente orde, os concertos precisarán o seu obxecto, condicións de atención ó usuario, réxime económico e de facturación, control e inspección, duración, prórroga e extinción.

 

11. Control e inspección.

1. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderá, a través de persoal debidamente acreditado para iso, en calquera momento, inspeciona-lo centro, servicio ou establecemento concertado, para verifica-lo cumprimento das cláusulas do concerto e da presente orde.

 

12. Duración dos concertos.

1. Os períodos nos que producirán efectos estes concertos fixaranse expresamente en cada un deles e de conformidade, en todo caso, coa normativa vixente en materia de contratación, así como de xestión orzamentaria para a Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, logo do acordo das partes e existindo crédito orzamentario suficiente poderanse prorrogar por anos naturais ata un máximo de catro anos.

2. Os concertos poderán denunciarse por calquera das partes con tres meses de antelación ó seu remate do mesmo ou de calquera das súas prórrogas.

 

13. Extinción dos concertos.

1. Serán causas de extinción dos concertos, ademais das establecidas na Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos coas administracións públicas, nos seus artigos 112 e 168 con excepción das letras e) e f):

a) O incumprimento de calquera das súas cláusulas.

b) A incorrecta aplicación dos sistemas de confinanciamento no pagamento dos servicios de longa duración.

c) A imposibilidade sobrevida, legal ou material, de facerlles fronte ás obrigas establecidas no concerto.

d) As que se establezan expresamente no concerto.

 

14. Concertos singulares.

1. Ó abeiro da presente orde poderán establecerse concertos singulares con institucións que pola súa importancia e singularidade no servico público, deberán ser obxecto de tratamento especial.

2. No devandito caso, o propio concerto fixará as condicións específicas que puidesen darse respecto á atención ó usuario; a duración, prórroga e extinción do concerto; os mecanismos de control e inspección; o réxime de pacientes e o réxime económico.

 

Disposición transitoria

 

Os concertos sociosanitarios vixentes no momento de publicarse a presente orde adaptaranse no prazo máximo de dous anos.

 

Disposicións derradeiras

 

Primeira.- Facúltase a Secretería Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para adopta-las medidas necesarias para o desenvolvemento e execución da presente orde.

 

Segunda.- A presente entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

ANEXO I

Criterios mínimos de acreditación

 

Os criterios mínimos que deben cumpri-las unidades de asistencia sociosanitaria para a súa acreditación para efectos de concertación, serán os seguintes:

 

1. De organización e funcionamento.

 

1.1. De organización.

a) Os centros, servicios e establecementos de asistencia sociosanitaria terán claramente establecida a responsabilidade da xestión e da dirección asistencial, así como as persoas que as realizan.

b) O centro disporá dun regulamento de réxime interior.

 

1.2. De seguridade.

a) Cumprirá a lexislación correspondente en materia de seguridade e especialmente a correspondente á seguridade e hixiene no traballo, salubridade e saúde ambiental e seguridade contra incendios.

 

1.3. De funcionamento:

a) Dispoñibilidade continuada de persoal médico:

-Á chamada, cun tempo de resposta inferior a 30 minutos.

-De presencia nos centros que:

-Dispoñan de unidades para a prestación de servicios en réxime de media estancia.

-Dispoñan de máis de 60 camas destinadas á asistencia sociosanitaria.

 

b) Existencia de persoal de enfermería con titulación de ATS ou DUE e de persoal auxiliar de forma continuada, segundo os seguintes criterios:

-Un mínimo dun ATS/DUE por cada 40 camas en funcionamento.

-Un mínimo de dous auxiliares de clínica en horario diurno e un auxiliar de clínica en horario nocturno por cada 40 camas.

 

c) Existencia de persoal de fisioterapia:

-Con relación contractual co centro e unha dedicación mínima de 20 horas semanais.

-Con relación contractual co centro e dedicación plena, cando se dispoña de máis de:

-40 camas de media estancia.

-90 camas concertadas destinadas á asistencia sociosanitaria de calquera modalidade.

 

d) Dispoñibilidade doutro persoal segundo os seguintes criterios:

-Dispoñibilidade para a realización de interconsulta médica, garantida mediante contratos estables cos profesionais, en rehabilitación e psiquiatría.

-Farmacéutico de acordo co establecido na normativa vixente.

-Diplomado en traballo social:

-Con relación contractual co centro e unha dedicación mínima de 20 horas semanais.

-Con relación contractual co centro e dedicación plena, cando se dispoña de máis de 90 camas concertadas destinadas á asistencia sociosanitaria.

-Psicólogo: con relación contractual co centro e unha dedicación mínima de 10 horas semanais.

-Terapeuta ocupacional: con relación contractual co centro e unha dedicación mínima de 10 horas semanais por cada unidade de máis de 40 camas.

-Pastoral asistencial á demanda.

 

1.4. De dispoñibilidade de servicios asistenciais:

a) Disporase dun servicio de rehabilitación con ximnasio e áreas de tratamento individualizado para termoelectroterapia e masoterapia e elementos de hidroterapia de membros. Existirán elementos específicos para a rehabilitación das actividades da vida diaria.

b) Apoio en materia de radioloxía e laboratorio básicos:

-En tódolos centros que traten casos de media estancia.

-Nos centros de máis de 90 camas, con independencia do seu destino.

c) Farmacia hospitalaria de acordo coa normativa vixente.

 

1.5. De dispoñibilidade de servicios auxiliares:

a) Disporase de tódolos servicios hostaleiros precisos para a asistencia, sexan propios ou subcontratados.

b) Disporá dun local digno destinado a depósito de cadáveres ata o seu traslado a un mortuorio externo ou ó seu domicilio, preto dunha saída do centro distinta da habitualmente utilizada como entrada principal del.

 

1.6. De planta física.

a) As unidades destinadas a pacientes sociosanitarios estarán claramente diferenciadas, delimitando a área de media estancia da área de longa estancia, no caso de coexistir ámbolos tipos de hospitalización.

b) As áreas de circulación, as instalacións mecánicas de circulación vertical e os locais asistenciais garantirán a posibilidade de traslado de cadeiras de rodas e angarellas.

c) As unidades destinadas á hospitalización cumprirán os seguintes requisitos:

-Non haberá máis de tres enfermos por habitación.

-Cada paciente disporá de armario propio no que conserva-las súas pertenzas persoais.

-Existirá unha habitación de uso individual por cada 20 camas.

-As habitacións terán luz e ventilación natural adecuadas.

-Existirá timbre de chamada á enfermería por cada cama das existentes nas habitacións de pacientes.

-Existirá un aseo con lavabo e inodoro en cada habitación, ou, no seu defecto, un lavabo e retrete en área común por cada catro camas.

-Existirá una ducha accesible en cadeira de rodas por cada 20 camas.

-Existirá un baño asistido ou de características xeriátricas por cada 30 usuarios, e en calquera caso, un por planta destinada á hospitalización.

-As camas de usuarios serán accesibles preferiblemente desde tres das súas caras.

-As unidades disporán de comedor e área de estar de usuarios de suficiente dimensión para o tamaño da unidade e a súa función específica.

 

g) As unidades de psico-xeriatría, destinadas a atender a usuarios maiores de 65 anos, con deterioración moderada ou grave das súas funcións superiores, estarán física e funcionalmente diferenciadas e cun deseño adaptado.



[1] Moificada pola Orde de 3 de outubro de 2000, que xustifica a dita modificación do seguinte xeito: “A Orde do 7 de maio de 1997 de concertación e acreditación de centros sociosanitarios, establece o réxime de concertos entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e as persoas naturais ou xurídicas, públicas ou privadas titulares de centros, servicios e establecementos sanitarios, para a atención sociosanitaria a persoas con enfermidade e dependencia funcional e que teñan unha relación de protección a través da Seguridade Social.

 

A atención ós enfermos crónicos, discapacitados e terminais é un dos sectores asistenciais que, polas características da evolución demográfica e epidemiolóxicas, require de modelos asistenciais nos que a atención sanitaria e social se complemente de forma continuada, cunha intervención combinada de ámbolos sectores. Neste sentido, a Orde do 7 de maio de 1997 dispuxo dunha nova modalidade de concertación que é a concertación sociosanitaria, especificando os requisitos mínimos que debían cumpri-los centros que solicitasen a acreditación de centro sociosanitario.

 

Ó longo destes anos e sobre a base das necesidades detectadas na atención sociosanitaria requírese modificar e regular certos aspectos da modalidade de concertación a centros sociosanitarios co fin de adaptar esta normativa ás necesidades actuais.

 

Por conseguinte, cómpre modifica-la Orde do 7 de maio de 1997 de concertación e acreditación de centros sociosanitarios.”

Vease también