Decreto 126/1992, do 14 de maio, sobre ordenación de funcións da inspección de servicios sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 33, establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, podendo organizar e administrar para tal fin dentro do seu territorio tódolos servicios sanitarios.

O artigo 4 da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Saúde, modificado pola Lei 8/1991, do 23 de xullo, regula as competencias que lle corresponde á Consellería de Sanidade, e entre elas, no seu apartado m) atribúelle a inspección sanitaria do Servicio Galego de Saúde, sen prexuízo das competencias da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

A importancia da función inspectora no campo sanitario, vén dada pola necesidade de avalia-la actuación dos centros, servicios e establecementos sanitarios, tanto desde o punto de vista da calidade da asistencia prestada como do gasto realizado e do grao de cumprimento dos obxectivos que se lles marquen ós centros cos recursos dispoñibles. Ó mesmo tempo, as funcións de inspección e control que teñen que exercer sobre os centros, servicios e establecementos sanitarios que se ordenan na Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, non sería posible realizalas se a administración autonómica non dispuxese dos recursos humanos adecuados para levar a cabo as citadas funcións.

Mediante o Decreto 16/1991, do 24 de xaneiro, a Consellería de Sanidade asume as funcións e servicios do Instituto Nacional de Saúde e con isto obtivo, entre outros, os recursos humanos vinculados á Inspección Sanitaria con preparación e experiencia suficiente. Posteriormente o Decreto 5/1992, do 16 de xaneiro, fixo efectiva a integración deste colectivo nos corpos facultativos superior e medio da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e administración sanitaria, creando para tal fin as clases de funcionarios inspectores médicos, inspectores farmacéuticos e subinspectores sanitarios.

A experiencia acumulada pola Xunta de Galicia na xestión e administración sanitaria, xunto coa complexidade e variedade nos tipos de servicios sanitarios que se lle prestan á comunidade, fan aconsellable levar a cabo unha ordenación racional das funcións de inspección sanitaria, que posibilite exerce-la tutela, o control e avaliación eficiente sobre os centros, servicios, establecementos e prestacións sanitarias na Comunidade Autónoma galega.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de maio de mil novecentos noventa de dous,

 

DISPOÑO:

 

DISPOSICIÓNS XERAIS

 

1. A inspección dos servicios sanitarios correspóndelle á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

 

2. A inspección dos servicios sanitarios será exercida sobre tódolos centros, servicios, establecementos e prestacións sanitarias de titularidade pública ou privada da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

3. A función inspectora estará referida a:

1. A inspección e control dos centros, servicios e establecementos sanitarios propios, vinculados, concertados e privados, no relativo ó cumprimento dos criterios de acreditación e das normas de funcionamento, establecidas polos órganos competentes segundo a lexislación vixente en cada momento, así como sobre a atención e prestacións sanitarias que realizan, incluída a dispensación de productos farmacéuticos e ortoprotésicos ou outros productos sanitarios.

2. O desenvolvemento das actividades e tarefas encomendadas ós médicos inspectores, farmacéuticos inspectores e subinspectores sanitarios pola lexislación vixente en materia de accidentes de traballo, enfermidades profesionais, incapacidade laboral transitoria e invalidez, empresas colaboradoras da Seguridade Social, mutuas aseguradoras, botiquíns e servicios médicos de empresa.

3. A inspección e control de todos aqueles aspectos da atención sanitaria recollidos como dereitos dos usuarios na Lei xeral de Sanidade, regulamentos que a desenvolven, e demais normativa que para este efecto dicte a Comunidade Autónoma.

4. Facilita-las actuacións de colaboración da Administración autonómica coas entidades xestoras da Seguridade Social, no relativo ó cumprimento da normativa vixente e ós acordos entre ámbalas administracións referidos ós servicios e prestacións sanitarias do sistema de Seguridade Social, sen prexuízo das funcións que correspondan á alta Inspección do Estado e á Inspección de Servicios da Xunta de Galicia.

5. Facilita-las actuacións de colaboración da Administración sanitaria autonómica con outras entidades sanitarias e non sanitarias, para o cumprimento da normativa vixente e para a mellor coordinación de esforzos en todos aqueles temas con alto contido sanitario.

6. Desenvolvemento daqueles programas de inspección sanitaria que se consideren prioritarios en cada momento pola Consellería de Sanidade, así como calquera outra actividade que no ámbito da inspección sanitaria lle sexa encomendada por esta.

 

4. A inspección de servicios sanitarios, no relativo ás súas funcións é competente para controla-lo grao de cumprimento e a adecuación entre as actividades sanitarias desenvolvidas nas áreas de saúde e dispositivos sanitarios delas e os obxectivos xerais marcados pola Consellería de Sanidade.

 

ORDENACIÓN DA INSPECCIÓN DE

SERVICIOS SANITARIOS

 

5. O conselleiro de sanidade, por proposta do secretario xeral técnico, aprobará no mes de xaneiro de cada ano o plan anual de inspección sanitaria, onde estarán definidos os obxectivos e programas de actuación para ese período.

 

6. 1. O secretario xeral técnico da consellería de Sanidade asume a dirección da inspección de servicios sanitarios.

2. A inspección de Servicios sanitarios estructúrase nos seguintes niveis:

a) Inspección Central

b) Inspección das Áreas de Saúde.

 

7. A Inspección Central terá como ámbito de actuación a Comunidade Autónoma galega, e estará constituida polos médicos inspectores, farmacéuticos inspectores e subinspectores sanitarios que en cada momento estean integrados nela, así como o persoal que á entrada en vigor do presente decreto teña nomeamento de inspector médico e farmacéutico ou subinspector sanitario do equipo territorial de inspección.

 

8. A Inspección Central dependerá orgánicamente e funcionalmente do Xefe do Servicio de Inspección Sanitaria, que asumirá ademais a dirección funcional das inspeccións das áreas de saúde.

9. Son funcións da Inspección Central: 
a) A programación xeral e elaboración do anteproxecto do plan anual de inspección. 
b) O seguimento e control dos programas de inspección desenvolvidos polas inspeccións de área. 
c) Elaboración e actualización dos protocolos de actuacións da inspección. 
d) Colaboración nos programas de formación continuada dirixidos ó persoal de inspección.
e) A execución de plans e actividades que nesta materia lle sexan encomendadas pola Consellería de Sanidade, así como calquera outra actividade que no ámbito da inspección sanitaria lle sexa encomendada por esta.

10. 1. As inspeccións das áreas de saúde terán como ámbito de actuación as áreas de saúde que se establezan na lexislación de ordenación sanitaria de Galicia e estarán constituidas polos médicos inspectores, farmacéuticos inspectores e subinspectores sanitarios que en cada momento estean integrados nelas, así como o persoal que á entrada en vigor do presente decreto teña nomeamento de médico avaliador.

2. As inspeccións de áreas de saúde estarán constituidas polas unidades actualmente existentes, incluidas as unidades médicas de valoración de incapacidades, así como por todas aquelas que no futuro se poidan establecer neste campo.

 

11. Son funcións da Inspección de Áreas de Saúde:

1. Avaliación e control dos centros sanitarios propios, tanto de atención primaria como de atención especializada, no relativo ós seus servicios e á atención e prestacións que realizan, así como ás actuacións que desenvolvan en materia de saúde pública.

2. Avaliación e control dos centros concertados, no concernente á súa acreditación, ó cumprimento dos extremos contidos no concerto establecido, á xustificación na derivación de pacientes; así como no relativo ós seus servicios e á atención e prestacións sanitarias que realizan a pacientes da Seguridade Social.

3. Inspección e control dos centros sanitarios privados en todos aqueles aspectos que estean suxeitos a informe ou seguimento por parte da Conselleria de Sanidade.

4. Inspección e control dos dispositivos de transporte sanitario, atención domiciliaria, así como unidades de comunicación, urxencias e emerxencias sanitarias no marco das competencias da Consellería de Sanidade.

5. A inspección dos establecementos sanitarios e oficinas que realizan calquera tipo de producción, distribución e dispensación de productos sanitarios no marco das competencias da Xunta de Galicia.

6. O desenvolvemento das actividades e tarefas encomendadas á autoridade sanitaria pola lexislación vixente en materia de:

- Seguridade e hixiene no traballo.

- Accidentes de traballo.

- Enfermidades profesionais.

- Empresas colaboradoras da Seguridade Social.

- Incapacidade laboral transitoria.

- Invalidez.

- Minusvalidez.

7. A realización das tarefas de colaboración que se establezan entre as autoridades sanitarias e as autoridades laborais do Instituto Nacional da Seguridade Social e/ou doutras institucións.

8. Inspección e control da prestación farmacéutica para a cal o Servicio Galego de Saúde facilitará toda a información pertinente, tanto indicadores cuantitativos do gasto como información complementaria relativa a esta prestación.

9. Inspección e control dos reintegros de gastos solicitados por prestación de servicios alleos, poñendo en coñecemento da autoridade competente as actuacións que deles se deriven.

10. A proposta de incoación de expediente sancionador ou disciplinario segundo proceda, cando das investigacións e informacións previas realizadas se presumise infracción, segundo a regulamentación vixente.

11. Todas aquelas que lle sexan encomendadas pola autoridade competente co fin de garanti-la legalidade vixente en materia sanitaria.

 

12. 1. A Inspección das Áreas de Saúde desenvolverá a súa actividade baixo a dirección dun xefe de inspección sanitaria.

2. Son funcións do xefe de inspección sanitaria:

a) A dirección da inspección de área de saúde.

b) A confección de obxectivos anuais, a súa proposta á inspección central, a súa avaliación e control.

c) O desenvolvemento das actividades necesarias para o funcionamento das unidades suxeitas á súa dirección, con distribución de tarefas e cargas de traballo.

d) Elaboración e tramitación, coa cadencia que se estipule ou cantas veces lle sexa requirido pola superioridade competente, de informes e estatísticas sobre as actividades desenvolvidas pola inspección de área.

e) Anualmente propoñeralle á autoridade competente os obxectivos e elaborará a memoria das unidades baixo a súa dirección.

f) Todas aquelas que lle sexan ecomendadas pola autoridade competente para o mellor funcionamento da inspección ó seu cargo.

 

13. Previamente á posta en funcionamento de calquera centro ou servicio público ou privado ou a súa concertación por parte do Servicio Galego de Saúde, emitirase o correspondente informe da inspección. A modificación de tales centros e servicios en aspectos substantivos da súa organización e funcionamento, e se é o caso, a acreditación ou clasificación para calquera efecto, serán obxecto igualmente de inspección, preceptiva e previa, na que se avaliará tal modificación, ou se é o caso, a procedencia da acreditación ou clasificación que corresponda.

 

PROCEDEMENTO DE ACTUACIÓN

 

14. 1. A Inspección de Servicios Sanitarios exercerá as súas funcions conforme os procedementos que a seguir se citan:

a) Ordinario. Establecido nos plans e programas de inspección ou promovido por denuncias relativas ó funcionamento de centros, servicios, establecementos ou prestacións sanitarias.

b) Extraordinario. Ordenado polo Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade.

2. A Inspección de Servicios Sanitarios acomodará a súa actuación, no exercicio das funcións que lle están atribuidas, ós principios de legalidade, economía, celeridade e eficacia.

3. Para o cumprimento das funcións que ten encomendadas, a Inspección de Servicios Sanitarios actuará con total independencia da dirección do centro, servicio ou establecemento sanitario inspeccionado.

4. Cando a natureza dunha determinada inspección requira asesoramento especializado, a Inspección de Servicios Sanitarios poderá requiri-la colaboración dos centros ou servicios a través das comisións técnicas que operen neles; así mesmo poderá solicita-lo debido asesoramento dos organismos profesionais, sociedades, asociacións científicas, como tamén doutras entidades, institucións e servicios tanto públicos como privados.

 

15. 1. A actuación da Inspección de Servicios Sanitarios desenvolverase principalmente mediante visita ós centros, servicios e establecementos sanitarios. Poderá, igualmente, desempeña-las súas funcións, sen necesidade de visita, requirindo das entidades e organismos sanitarios a aportación dos datos precisos, así como solicitándolle-la documentación, informe ou dictames necesarios.

2. Os inspectores de servicios sanitarios serán provistos dun documento oficial no que se acredite a súa personalidade ante autoridades, organismos, entidades, empresas e profesionais.

 

16. 1. Os inspectores de servicios sanitarios, cando exerzan as funcións que teñen ecomendadas e acrediten a súa identidade, estarán autorizados a:

a) Entrar libremente, e sen previa notificación, en calquera momento, en tódolos centros ou establecementos incluídos no ámbito da súa competencia.

b) Proceder ás probas, investigacións ou éxames necesarios para comproba-lo cumprimento da lexislación vixente.

c) Realizar cantas actuacións sexan precisas para o cumprimento das funcións de inspección que desenvolvan.

2. Como consecuencia das actuacións de inspección e control, as autoridades sanitarias competentes poderán ordena-la suspensión provisional, prohibición das actividades ou clausura definitiva dos centros, establecementos, servicios e equipos sanitarios por incumprimento dos requisitos esixidos para a súa instalación ou funcionamento, de conformidade co establecido na Lei xeral de sanidade e demais lexislación concordante.

 

17. Se, no exercicio das súas funcións, a inspección tivese coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de falta ou delicto, poñerao en coñecemento do ministerio fiscal, logo de notificación ó seu xefe inmediato. Así mesmo poderá solicita-lo auxilio xudicial cando as situacións o requiran.

 

18. Considérase obstrucción ó labor inspector:

a) Nega-la entrada ó inspector ou a súa permanencia no centro visitado.

b) Impedi-la entrada ou a permanencia en calquera lugar onde se desenvolvan algunhas das funcións das que a inspección ten encomendada a súa vixilancia de acordo coa normativa vixente.

c) Ofrecer resistencia ó exame de documentos precisos para a súa actuación.

d) Ocultar datos e antecedentes sobre procesos asistenciais e as súas circunstancias.

e) Presentar intencionadamente denuncias ou declaracións falsas.

f) Calquera outra acción ou omisión que perturbe, retrase ou impida o exercicio da función inspectora.

 

19. 1. Os inspectores de servicios sanitarios terán o carácter de autoridade pública no desempeño das súas funcións.

2. Os inspectores de servicios sanitarios deberán considerar absolutamente confidencial a orixe de calquera denuncia, queixa ou reclamación nas que se dea a coñecer un defecto ou infracción das disposicións legais.

 

20. Se das actuacións da inspección resultasen feitos considerados como infraccións en materia de sanidade, serán obxecto das sancións administrativas que correspondan, de conformidade co título I, capítulo VI da Lei xeral de sanidade e demais normas que sexan de aplicación.

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL

 

A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade realizará a adscrición nominal dos efectivos de inspección existentes en cada área de saúde a cada un dos postos das inspeccións de área.

 

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 

Primeira. Mentres as estructuras das áreas de saúde non estean desenvolvidas, o ámbito de actuación da Inspección de Servicios Sanitarios periféricos será a provincia.

 

Segunda. 1.Os médicos e farmacéuticos inspectores e subinspectores que resulten adscritos ós servicios centrais e que no momento da entrada en vigor do presente decreto teñan nomeamento como médico ou farmacéutico inspector ou subinspector no equipo territorial de inspección poderán ser autorizados para desempeña-las súas actividades na localidade onde a viñan desempeñando na actualidade.

2. Tódalas prazas vacantes do actual equipo territorial de inspección pasarán a ser prazas de inspección central.

 

Terceira. Mentres non se dote ás inspeccións sanitarias de área dos efectivos necesarios, os servicios de ordenación e inspección sanitaria das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade, poderán continuar desenvolvendo as actividades e tarefas que realizaban ata a entrada en vigor do presente decreto e relacionadas co descrito nel.

 

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

 

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ó previsto no presente decreto.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira. Autorízase ó conselleiro de Sanidade para dictar cantas normas sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

 

Segunda. O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

Vease también