Decreto 58/1996, do 8 de febreiro, de transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia do Complexo Hospitalario Provincial-Rebullón, dependente da Deputación Provincial de Pontevedra.


O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 33.1º e 4º que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior e que poderá organizar e administrar, para tales fins e dentro do seu territorio, tódolos servicios relacionados coa materia antes expresada e que exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade e Seguridade Social.

Por outra banda, a Lei 14/1986, xeral de sanidade, establecde os principios ós que se deben acomoda-las transferencias sanitarias ás comunidades autónomas e tamén, en particular, dos servicios e establecementos sanitarios dependentes das corporacións locais. Así, na súa disposición primeira.4, enuncia que, en todo caso, mentres non entre en vigor o réxime definitivo de financiamento das comunidades autónomas, as corporacións locais contribuirán ó financiamento dos servicios de saúde daquelas, nunha cantidade igual á asignada no seus orzamentos, que se actualizará anualmente, non considerando a estes efectos as cantidades procedentes de concertos co Insalud.

O Decreto 133/1989, do 6 de xullo, crea a comisión mixta para o traspaso dos centros, servicios e establecementos sanitarios dependentes das corporacións locais á Comunidade Autónoma de Galicia, establecendo para iso a súa composición, funcións e normas de funcionamento.

A Lei 15/1991, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1992, dispuxo a iniciación do funcionamento do Servicio Galego de Saúde, a partir da entrada en vigor da citada lei, como organismo autónomo administrativo, asumindo as funcións previstas na Lei 8/1991, do 23 de xullo, de reforma da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego e Saúde. Iso supón que, antes de catro anos desde a constitución do organismo autónomo, faise efectiva a integración no servicio de saúde da Comunidade Autónoma de Galicia da práctica totalidade dos hospitais pertencentes ás corporacións locais.

A comisión mixta prevista no citado Decreto 133/1989, de conformidade co disposto no seu artigo 2, adoptou, na súa reunión do día 7 de febreiro de 1996, acordo de transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia do Complexo Hospitalario Provincial-Rebullón, dependente da Deputación Provincial de Pontevedra. Dito acordo, de conformidade co artigo 2 do mencionado decreto ten carácter de proposta, e precisará aprobación do Consello da Xunta de Galicia.

Por isto, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día oito de febreiro de mil novecentos noventa e seis,

 

DISPOÑO:

 

1. Apróbase o acordo da comisión mixta creada polo Decreto133/1989, do 6 de xullo, para o traspaso dos centros, servicios e establecementos sanitarios das corporacións locais á Comunidade Autónoma de Galicia, adoptado o 7 de febreiro de 1996, polo que se traspasa o Complexo Hospitalario Provincial-Rebullón, dependente da Deputación de Pontevedra, á Comunidade Autónoma de Galicia, e os correspondentes recursos persoais, materiais e orzamentarios precisos para o exercicio daquelas, así como os demais bens previstos no aludido acordo.

 

2. En consecuencia, quedan traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia e asumidas por esta os servicios e institucións que se relacionan en dito acordo, que se inclúe como anexo do presente decreto, nos termos e condicións resultantes del, así como os medios persoais, bens, dereitos e obrigas sinalados no texto do acordo e relacións adxuntas, así como os créditos orzamentarios determinados segundo o procedemento establecido no propio acordo.

 

3. 1. Adscríbense ó Servicio Galego de Saúde os servicios e medios asumidos.

2. A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o organismo autónomo Servicio Galego de Saúde exercerán as funcións emanadas das súas respectivas competencias, en relación ós servicios transferidos.

 

DISPOSICIÓNS FINAIS

 

Primeira.- Facúltase os conselleiros de Economía e Facenda e de Sanidade e Servicios Sociais para dictaren cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

 

Segunda.- O presente traspaso producirá efecto a partir do un de xaneiro de mil novecentos noventa e seis.

 

ANEXO:

 

Bernardo Sartier Boubeta e Carlos Crespo Sabarís, secretarios da Comisión Mixta de Transferencias, Xunta de Galicia-Deputación Provincial de Pontevedra, prevista no Decreto 133/1989, do 6 de xullo,

 

CERTIFICAN:

 

Que no Pleno da comisión mixta celebrada o día 7 de febreiro de 1996 se acordou o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia do Complexo Hospitalario Provincial-Rebullón, dependente da Deputación Provincial de Pontevedra, nos térmos seguintes:

 

A)Referencia ás normas estatutarias e legais nas que se ampara a transferencia.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 33.1º e 4º que corresponde á Comunidade Autonoma de Galicia o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior e que poderá organizar e administrar, para tales fins e dentro do seu territorio, tódolos servicios relacionados coas materias antes expresadas e que exercerá a tutela das institucións, entidades e fundacións en materia de sanidade e Seguridade Social.

Pola súa parte a Lei 14/1986, xeral de sanidade, no seu artigo 4 establece:

«1. Tanto o Estado como as comunidades autónomas e as demais administracións públicas competentes organizarán e desenvolverán tódalas accións sanitarias a que se refire este título dentro dunha concepción integral do sistema sanitario.

2. As comunidades autónomas crearán os seus servicios de saúde dentro do marco desta lei e dos seus respectivos estatutos de autonomía».

Engadindo no seu artigo 50:

«1. En cada Comunidade Autónoma constituirase un servicio de saúde integrado por tódolos centros, servicios e establecementos da propia comunidade, deputacións, concellos e calquera outra administracións territorial intracomunitaria que estará xestionado, como se establece nos artigos seguintes, baixo a responsabilidade da respectiva Comunidade Autónoma».

Á súa vez o artigo 79.2º di:

«A participación no financiamento dos servicios das corporacións locais que deban ser asumidos polas comunidades autónomas levarase a efecto por un lado, polas propias corporacións locais e, por outro, con cargo ó Fondo Nacional de Cooperación coas Corporacións Locais.

As corporacións locais deberán establecer ademais, nos seus orzamentos, as consignacións precisas para atende-las responsabilidades sanitarias que a lei lles atribúe».

Por outra parte a disposición transitoria primeira.1 da mesma lei establece:

«As corporacións locais que na actualidade dispoñen de servicios e establecementos sanitarios que leven a cabo actuacións que na presente lei se adscriban ós servicios de saúde das comunidades autónomas establecerán, de mutuo

acordo cos gobernos das comunidades autónomas, un proceso de transferencia daqueles».

Por último, a disposición transitoria quinta da Lei 15/1991, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1992, referida ó Servicio Galego de Saúde, dispuxo a iniciación do seu funcionamento, a partir da entrada en vigor da citada lei, como organismo autónomo administrativo, que asume as funcións previstas na Lei 8/1991, do 23 de xullo, de reforma da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde.

Sobre a base desta previsións estatutarias e legais, resulta procedente efectua-lo traspaso do Complexo Hospitalario Provincial-Rebullón, dependente da Deputación Provincial de Pontevedra, á Comunidade Autónoma de Galicia.

 

B) Bens, dereitos e obrigas.

Traspásanse, en concepto de transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia, os bens, dereitos e obrigas da Deputación Provincial de Pontevedra que se recollen na relación adxunta número 1, onde quedan identificados os inventarios de bens e dereitos sobre inmobles (*), mobles e, se é o caso os concertos e contratos afectados polo traspaso.

No prazo de tres meses desde a publicación do decreto que aprobe este acordo, asinaranse as correspondentes actas de entrega e recepción de mobiliario, equipo e material inventariable.

Será título suficiente para a inscripción no Rexistro da Propiedade a certificación pola comisión mixta dos acordos debidamente promulgados.

Os bens, dereitos e obrigas pertencerán á Xunta de Galicia nas mesmas condicións en que lle pertencían anteriormente á Deputación de Pontevedra.

A partir da efectividade do traspaso quedan sen vigor os concertos que na materia de asistencia sanitaria da Seguridade Social tivese subscrita a Deputación de Pontevedra co Servicio Galego de Saúde.

 

C) Persoal que se traspasa.

Traspásase o persoal adscrito o Complexo Hospitalario Provincial-Rebullón, que se referen
cia nominalmente na relación adxunta número 2. Este persoal pasará a depender da Comunidade Autónoma de Galicia nas mesmas circunstancias que se especifican na relación adxunta tendo en conta os térmos legalmente previstos polo Estatuto de autonomía e as demais normas en cada caso aplicables.

Segundo recolle a disposición transitoria quinta da Lei 8/1991, do 23 de xullo, de reforma da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, do Servicio Galego de Saúde, o persoal que se adscriba a este organismo como consecuencia das respectivas transferencias, manterá o seu nomeamento e o réxime retributivo específico que teña recoñecido no momento da adscrición efectiva ó servicio, sen prexuízo do previsto nas disposicións que lles sexan de aplicación. Ademais, a citada disposición enuncia que o Consello da Xunta de Galicia adoptará as medidas pertinentes para a homologación entre os diferentes colectivos que integran o Servicio Galego de Saúde.

A relación de persoal que se xunta a este anexo no momento da súa sinatura está pechada o 31 de xaneiro de 1995 e ten carácter provisional.

As posibles modificacións que nesta relación se puidesen producir con posterioridade a este acordo de transferencia deberán ser aprobadas, en cada caso, pola comisión de seguimento prevista neste acordo e serán recollidas e publicadas con posterioridade á dita data, en nova relación, que reflectirá a situación do apartado D.

A Deputación Provincial de Pontevedra notificarálles ós interesados o traspaso e a súa nova situación administrativa. Así mesmo, remitiráselles ós órganos competentes da Comunidade Autónoma de Galicia unha copia certificada de tódolos expedientes deste persoal traspasado, así como dos certificados de haberes referidos as cantidades devengadas durante 1995.

 

D) Postos de traballo vacantes que se traspasan.

Os postos de traballo vacantes dotados orzamentariamente que se traspasan son os que se detallan na relación adxunta número 3, con indicación da súa categoría profesional.

No suposto de que, logo de autorización da comisión de seguimento, se produza minorización de efectivos, serán recollidos e publicados con posterioridade nunha nova relación de postos vacantes e dotados orzamentariamente.

 

E) Valoración dos medios financeiros dos servicios transferidos.

A valoración definitiva das cargas financeiras dos servicios transferidos correspondentes ó exercicio 1996 realízase a partir da liquidación dos orzamentos de 1994 e das previsións de liquidación de 1995, de acordo coa proxección da execución orzamentaria. Para a valoración do custo efectivo e dos ingresos tomáronse en conta os seguintes criterios básicos:

Custo efectivo do servicio:

Corrresponde ás obrigas recoñecidas e liquidadas por conta do exercicio corrente dos capítulos 2, 4 e 6, incluíndo os gastos de investimento en conservación, mellora e reposición. A este importe sumaráselle o custo global do capítulo 1 do cadro de persoal orzamentario calculado conforme o número de prazas traspasadas e os demais conceptos retributivos e sociais devengados polo persoal.

Así mesmo incluirase na valoración do custo efectivo os «custos centrais indirectos» que estarán representados polas cargas inherentes á xestión centralizada dos servicios transferidos.

Ingresos derivados da xestión hospitalaria:

Considéranse ingresos derivados da xestión hospitalaria os ingresos económicos percibidos pola prestación de servicios que xeran taxas ou que reporten ingeresos económicos percibidos pola prestación de servicios que xeran taxas ou que reporten ingresos de dereito privado. Polo tanto considéranse como tales os dereitos recadados do exercicio de referencia do capítulo 3 dos estados de ingresos, así como os ingresos pendentes de cobramento imputables ó Servicio Galego de Saúde e a outras entidades públicas.

Quedarán excluídas as «aportacións da Deputación de Pontevedra» que comprenden os seguintes puntos:

- Aportación ó déficit de explotación.

- Aportación ós gastos derivados da atención a persoas incluídas na beneficencia provincial.

- Aportación para financiar investimentos de reposición.

A Comisión Mixta de Trasferencias valora o custo soportado pola deputación ou carga asu
mida neta para o exercicio 1996 na seguinte contía: 3.171.327.817 ptas.

Con posterioridade ó ano 1996, o custo soportado pola Deputación estará representado pola carga asumida neta do ano 1996, cos incrementos acumulados que correspondan por aplicación dos sucesivos IPC-xeral, fixados polo Instituto Nacional de Estatística para cada ano. Ata que non se coñeza o dito IPC, con carácter provisional, manterase a aportación do exercicio anterior, facéndose efectiva a actualización reseñada no mes seguinte a aquel no que se faga público o dito índice oficial, con efectos desde o 1 de xaneiro do exercicio para o que se produce a actualización.

As cantidades que a partir da data da transferencia puidesen corresponder como consecuencia da inclusión en sucesivas leis de presupostos xerais do Estado das particularidades previstas no artigo 90.2º da Lei de orzamentos xerais do Estado para 1995, serán percibidas directamente pola Comunidade Autónoma de Galicia, liberando na mesma medida as obrigas de financiamento que lle correspondan á deputación provincial derivadas deste acordo.

Ata a aprobación do réxime definitivo de financiamento das comunidades autónomas, conforme o disposto na disposición transitoria primeira.4 da Lei xeral de sanidade, a Deputación de Pontevedra garante o financiamento actualizado da cantidade correspondente á carga asumida neta no momento da transferencia, que se revisará anualmente de acordo co criterio anteriormente expresado.

Polo tanto, a Deputación de Pontevedra consignaraá nos seus orzamentos futuros, ata que entre en vigor o dito réxime definitivo de financiamento das comunidades autónomas e a resultas do que se estableza sobre o financiamento dos centros de servicios sanitarios das corporacións locais, unha cantidade que garanta o financiamento actualizado dos centros transferidos, que se fará efectiva á Comunidade Autónoma por doceavas partes dentro de cada mes natural.

Como consecuencia da aplicación do real decreto 1088/1989, de 8 de setembro, polo que se estende a cobertura de asistencia sanitaria da Seguridade Social ás persoas sen recursos económicos suficientes, a Comunidade Autónoma comprométese a lles prestar asistencia sanitaria ás persoas incluídas nos padróns de beneficencia da provincia no marco de prestacións do réxime xeral da Seguridade Social, sempre que non teñan dereito a recibir asistencia sanitaria doutras entidades públicas, sen custo económico ningún para a Deputación de Pontevedra, dado que o custo imputable á beneficencia provincial foi tido en conta para determina-la carga asumida neta total que será financiada pola deputación provincial. A presente cláusula terá os efectos do convenio a que se refire a disposición transitoria do Real decreto 1088/1989, do 8 de setembro.

 

F) Tratamento do periodo anterior á aprobación definitiva da transferencia polos órganos competentes da Administración Autonómica e Deputación de Pontevedra.

A percepción de ingresos e o pagamento dos gastos correspondentes a todo tipo de obrigas contraídas ou dereitos devengados imputables á xestión dos centros transferidos, ata a data de efectos da tranferencia, será asumida directamente pola Deputación de Pontevedra.

O importe total dos dereitos liquidados pendentes de cobramento a 31-12-1995, imputables ó Servicio Galego de Saúde, previamente confirmados pola comisión de seguimento, deducirase das aportacións mensuais da Deputación de Pontevedra, ás que se fai referencia no apartado E) do presente acordo, ata a súa total extinción.

Tódolos contratos, convenios, acordos e demais obrigas que a Deputación de Pontevedra asuma en relación co centro que se traspasa, que sexan asinados con posterioridade á data deste acordo e cunha vixencia que exceda da data sinalada para a entrada en vigor da transferencia, deberán ser autorizados previamente ou validadas pola comisión de seguimento. De non obte-lo visto e prace da referida comisión para os efectos de todo o sinalado fronte a terceiros vincularán exclusivamente á Deputación de Pontevedra.

 

G) Documentación e expedientes dos servicios que se traspasan.

A entrega da documentación e expedientes do Complexo Hospitalario Provincial-Rebullón que se traspasa, co corrrespondente inventario de documentación administrativa, realizarase no prazo dun mes a partir da entrada en vigor do decreto polo que se efectúa o traspaso.

 

H) Comisión de seguimento.

Constituirase unha comisión paritaria de seguimento á que corresponderá a interpretación e a solución de cantas dúbidas e cuestións puideran derivarse do acordo, asegura-la continuidade das operacións administrativas e garantir un traspaso ordenado daas funcións e os medios, e demais funcións sinaladas nos aprtados C, D e F.

Será así mesmo obriga da comisión de seguimento realizar, nun prazo non superior a 6 meses, a revisión e modificación das relacións adxuntas, no caso de que fose necesario.

 

I) Data de efectividade das transferencias.

A efectividade da transferencia obxecto deste acordo ten lugar a partir do un de xaneiro de mil noventa e seis.

 

RELACIÓN ADXUNTA Nº1

 

BENS, DEREITOS E OBRIGAS ADSCRITOS ÓS SERVICIOS E INSTITUCIÓNS QUE SE TRASPASAN

1.1.Bens inmobles

 

Nome e uso

Localidade e enderezo

Situación xurídica

na que se traspasa

Superf.

en m2

Observacións

Hospital Xeral Provincial de Pontevedra

Pontevedra,

r/ Loureiro Crespo, nº 2

Propiedade

13.299

Sobre o inmoble atópanse construídos os edificios seguintes:

1.Edificio principal. En forma de H e que conta cun baixo, dúas plantas e baixo cuberta.

2. Edificio de maternidade. Orientado ó sur do edificio principal e unido a este mediante corredores-galería; está formado por baixo e dúas plantas.

3. Edificio de medicina interna.-Orientado ó sur do edificio principal e unido a éste mediante corredores-galería, está composto de dúas plantas.

4. Edificio da Unidade de Coidados Intensivos. Adosado ó edificio principal, está formado por baixo e dúas plantas.

5. Edificio de varios. Adosado á zona leste do edificio principal consta dun soto, baixo e planta de piso.

6. Edificio de Residencia de Médicos de Guardia. Formado por soto, planta baixa e dúas plantas de piso.

7. Edificio de consultas. Compuesto de baixo e catro plantas.

Hospital Psiquiátrico

Provincial O Rebullón

Parroquia de Tameiga

s/n. Concello de Mos

 

68.300

Sobre o inmoble atópanse construídos os edificios seguintes:

1. Edificio principal. Ten forma de rectángulo con un patio central que, a súa vez, está dividido en dous por medio dun corredor do que saen dous módulos adicados a salón de actos e salón-capela.

2. Edificio destinado a Psiquiatría Infanto-Xuvenil. Formado por planta baixa e piso.

3. Edificio destinado a Gardas Médicas. Formado por un semisoto e dúas plantas de piso.

4. Garaxe. Edificio situado na parte posterior do predio cara ó sur cunha superficie de 160 m2.

5. Nave granxa. Edificacións. Edificación paralela ó garaxe, situada na parte posterior do predio, cara ó sur, cunha superficie de 72 m2.

6. Outras edificacións. Sobre o inmoble tamén se atopan construídos: aparcamento, centro de transformación, depósitos de auga, pozos, depuradoras, incinerador de lixo, e dúas casetas de control de entrada.

Dispositivo

extrahospitalario

r/ Tomás Alonso, 228

Vigo

Arrendamento

 

 

Dispositivo

extrahospitalario

Vendanova

Salceda de Caselas

Arrendamento

 

 

Dispositivo

extrahospitalario

r/ Julio Sexto, s/n

O Rosal

Arrendamento

 

 

Dispositivo

extrahospitalario

r/ Vista do Mar, 71-1º

Vigo

Arrendamento

 

 

Dispositivo

extrahospitalario

r/ Xosé Fernández,7

Chapela

Arrendamento

 

 

Dispositivo

extrahospitalario

r/ Valladolid, 20-1º

Vigo

Arrendamento

284

 

Hospital de Día dos Servicios de Saúde Mental

r/ López Mora, nº 43

esquina a la r/Pintos

Lugrís, bajo-Vigo

Arrendamento

170

 

Servicio de Psiquiatría

Infanto-Xuvenil

r/ Colón, 9-1º

Vigo

Arrendamento

113

 

Centro

Asistencial

Lugar da Fonte,

parroquia de Coiro.

Concello de Cangas,

planta baixa

Cesión de uso

 

Cedido pola Caixa de Aforros de Galicia ata o día 31-12-1996.