Orde do 14 de outubro de 1991 pola que se dictan normas sobre o marcado de carnes na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 3.263/1976, do 26 de novembro, que aproba o Regulamento técnico-sanitario de matadoiros, salas de parto, centros de contratación, almacenamento e distribución de carnes e despoxos, no seu artigo 59 indica a obriga de que tódalas carnes procedentes da carnización de reses sacrificadas en establecementos legalmente autorizados consideradas «aptos para consumo» deben ser marcadas con selos oficiais.

Ante a necesidade de establecer garantía sanitaria da inspección veterinaria das carnes destinadas ó consumo público, faise preciso unifica-lo sistema de marcado para todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, optándose polo selado ó lume, que ofrece unhas maiores garantías de indelebilidade e fácil identificación.

Na súa virtude, e por proposta da Dirección Xeral do Servicio Galego de Saúde,

 

DISPOÑO:

 

Único.- Apróbanse as normas para o selado de carnes que rexerán en todo o ámbito de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, que figuran como anexo á presente orde.

 

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

 

Esta orde entrará en vigor ós 60 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

ANEXO I

 

Normas sobre o marcado de carnes na

Comunidade Autónoma de Galicia

 

Primeira.- o marcado das carnes procedentes da carnización de reses sacrificadas en matadoi-ros situados no territorio da

Comunidade Autónoma de Galicia será, obrigatoriamente, con selado ó lume.

 

Segunda.- no selo deberán figura-los seguintes datos:

- Servicios veterinarios oficiais.- Inspeccionado que quedará reducido ás seguintes siglas: S.V.O.-I.

- Número de rexistro sanitario do matadoiro, seguido das siglas da provincia. Nos matadoiros municipais que non dispoñan do número de rexistro este substituirase polas siglas da provincia seguidas do número correspondente ó municipio onde está situado o matadoiro no nomenclátor provincial.

No selo para carnes de equipos aparecerá de forma ostensible a letra «E», e para as procedentes de reses de lida, ademais da letra «L», en vez do número de rexistro do matadoiro o nome da «praza de touros» e debaixo do selo o nome da localidade.

 

Terceira.- o tamaño dos caracteres de lenda dos selos serán os seguintes:

a) Vacún, equino e porcino.

- Letras de oito milímetros de altura.

- Cifras de dez milímetros de altura.

b ) Lanar e cabrío.

-Letras de seis milímetros de altura.

-Cifras de oito milímetros de altura.

A separación dos caracteres será a máxima posible co fin de permitir unha perfecta identificación.

 

Cuarta.- o formato e tamaño dos selos será o seguinte:

-Vacún, porcino, lanar e cabrío: o formato será oval. Para équidos e reses de lida será redondo.

-Vacún e porcino: o tamaño será de sesenta e cinco milímetros no seu eixe maior e de corenta milímetros no seu eixe menor.

-Lanar e cabrío: o tamaño será de corenta e cinco milímetros no seu eixe maior e de trinta milímetros no seu eixe menor.

Équidos e reses de lida o tamaño será de sesenta e cinco milímetros de diámetro.

 

Quinta.- o número de marcas (selos) e a súa localización no canal será a seguinte:

-Vacún: oito selos en total, catro en cada media canal, que quedarán distribuídos: dous no cuarto anterior (un no lombo e outro no costelar) dous no cuarto posterior (un no lombo e outro na perna). En caso necesario engadirase un selo máis, que afectará á falda.

-Porcino: seis selos en total, tres en cada media canal, que quedarán distribuídos no tercio anterior, medio e posterior. Os selos do tercio anterior e posterior irán situados de tal forma que, se se elabora a paleta ou o xamón, o selo quedará visible na pel das ditas pezas.

-Lanar e cabrío: catro selos en total, dous en cada media canal, que quedarán distribuídos un no cuarto anterior e o outro no cuarto posterior.