Orde do 2 de setembro de 1992 pola que se establece a estructura básica do sistema de información na área asistencial da atención especializada do Sergas.

 

A Lei 14/1986 de 25 de abril, xeral de sanidade, establece no seu artigo 23 que as Administracións sanitarias, de acordo coas súas competencias, crearán os rexistros e elaborarán as análises de información necesarias para o coñecemento das distintas situacións das que se poden derivar accións de intervención da autoridade sanitaria.

O desenvolvemento progresivo dos sistemas de información dos centros de atención especializada do SERGAS desde a transferencia do INSALUD á Comunidade Autónoma Galega, fai aconsellable establece-la súa estandarización, unificando os criterios en canto a definicións e determinando unha estructura mínima.

Na sucesiva estandarización dos subsistemas das distintas áreas funcionais dos centros de atención especializada, acométese en primeiro lugar a revisión da área de actividade asistencial.

En consecuencia, ó amparo das competencias recoñecidas no artigo 33 do Estatuto de Autonomía para Galicia, e no uso das facultades que me confire o artigo 28 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 1/1988, do 20 de outubro, e o artigo 4.n da Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, de creación do SERGAS modificada pola Lei 8/1991, do 23 de xullo,

 

DISPOÑO:

 

1. Establécese como estructura básica do sistema de información dos centros de atención especializada do SERGAS na área asistencial a que se fixa nos anexos I, II e III da presente orde.

 

2. Os directores xerentes dos centros de atención especializada serán os responsables da adopción e execución da estructura básica do sistema de información prevista nesta orde, e garantirán a fiabilidade e consistencia dos datos xerados.

 

3. Mentres non se faga operativa a integración dos sistemas informáticos de atención especializada nunha rede única cada centro deberá remitir mensualmente, dentro dos primeiros 25 días, a información definida nos anexos I, II e III referente ó mes anterior á Dirección Xeral de Organización Sanitaria, Subdirección Xeral de Información Sanitaria. Utilizaranse como soporte os propios anexos ou aquel que, se é o caso, determine a Dirección Xeral de Organización Sanitaria.

 

4. A Subdirección Xeral de Información Sanitaria facilitaralle a información á Subdirección Xeral de Planificación, Ordenación e Inspección Sanitaria así como ás unidades administrativas que polos seus cometidos o precisen.

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL

 

Primeira.- No suposto de que existan razóns excepcionais que impidan a remisión da totalidade da información, o director xerente deberá xuntar unha memoria onde se motiven as causas delas e as solucións adoptadas.

 

Segunda.- Queda exceptuado do regulado nesta orde a formulación anual da Estatística de Establecementos Sanitarios con Réxime de Internado, implantada pola orde da Presidencia do Goberno do 18 de maio de 1973, que seguirá sendo remitida polos centros hospitalarios á Secretaría Xeral Técnica, Subdirección Xeral de Planificación, Ordenación e Inspección Sanitaria, namentres non se dicte a normativa para o efecto.

 

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

 

Queda derrogada a circular 1/1991 da Secretaría Xeral Técnica sobre a implantación dun sistema de información sanitaria en atención especializada.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Autorízase á Dirección Xeral de Organización Sanitaria para adopta-las medidas necesarias para mante-la consistencia e operatividade do sistema de información.

 

Segunda.- A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vease también