Orde do 13 de xuño de 1994 pola que se procede á reclasificación da especialidade de endocrinoloxía e nutrición, para os efectos da cota de titulares determinante das prazas.


Como consecuencia da progresiva evolución da ciencia médica, constátase na actualidade a aparición de novas formas de tratamento na especialidade de endocrinoloxía e nutrición, o que determina, pola súa vez un apreciable incremento na demanda asistencial neste campo na nosa Comunidade Autónoma e a conveniencia de dotar das condicións asistenciais máis axeitadas ós medicos de cota desta especialidade, co fin de garantir unha maior eficacia e calidade nas prestacións asistenciais do Servicio Galego de Saúde.

Polo que antecede, enténdese conveniente axusta-la clasificación dos grupos de especialidades médicas contidas no Decreto 2.766/1967, do Ministerio de Traballo polo que se dictan normas sobre prestacións de asistencia sanitaria e ordenación dos servicios médicos no réxime xeral da Seguridade Social.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confiren os artigo 36.4º e 38 de Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

 

DISPOÑO:

 

Artigo único.- Para os efectos da prestación de asistencia sanitaria polo Servicio Galego de Saúde, intégrase a especialidade de endocrinoloxía e nutrición no grupo segundo dos indicados no artigo 35 do Real decreto 2.766/1967, do 16 de novembro, polo que se dictan normas sobre presentación de asistencia sanitaria e ordenación dos servicios médicos no réxime xeral da Seguridade Social, modificado pola Orde do 10 de xullo de 1973, do Ministerio de Traballo, sen que esta integración supoña incremento de gasto ningún.

 

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

 

A integración que se indica no artigo anterior será efectiva unha vez completada a redistribución e reasignación dos titulares do dereito á asistencia sanitaria correspondente a esta especialidade de forma que se axusten ás cotas máximas e mínimas en vigor, manténdose mentres os niveis necesarios de asistencia que garantan a prestación daquela na súa totalidade.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Facúltase o director xeral de Recursos Humanos para adopta-las medidas necesarias, no ámbito das súas competencias, para o desenvolvemento do disposto na presente orde.

 

Segunda.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.