Lei 5/1995, do 7 de xuño, de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Constitución Española, no seu artigo 43, recoñece o dereito á protección da saúde, así como a competencia dos poderes públicos para organizaren e tutelaren a saúde pública, a través de medidas preventivas e das prestacións e dos servicios necesarios.

A Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.14, establece competencias exclusivas da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de augas minerais e termais, e o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, establece a asunción definitiva das ditas competencias.

En atención á notoria riqueza potencial en augas minerais, termais e de manancial presentes no territorio da Comunidade Autónoma galega e o beneficio que a súa utilización -de indubidable valor sanitario- ten para a saúde pública, así como ó potencial desenvolvemento económico e social que o seu aproveitamento racional supón, xa sexa en establecementos balnearios polo seu valor terapéutico, xa como augas de bebida envasadas ou ben como aproveitamento das substancias en disolución ou suspensión que conteñan ou polo seu valor enerxético, estimouse oportuna a promulgación da presente lei, sen prexuízo da competencia estatal sobre lexislación básica do réxime mineiro establecido no artigo 149.1.25 da Constitución Española.

A lei estructúrase en cinco títulos. O título I sinala a materia que se regula e a súa delimitación territorial. O título II clasifica as augas en minerais, termais e de manancial e regula o seu aproveitamento e usos, prazos, incidencias, protección e réxime de transmisión de dereitos, así como as causas de extinción dos aproveitamentos e a implantación dun rexistro oficial destes. O título III refírese ós establecementos balnearios e ás instalacións industriais, define os ditos establecementos e sinala os organismos competentes ós cales se atoparán súxeitos. O título IV sinala a creación e as funcións da Xunta Asesora. O título V regula a competencia administrativa, infraccións e mailas sancións.

O texto complétase con disposicións adicionais, transitorias e derradeiras, que fixan aspectos concretos da lei e sinalan as prevencións necesarias para acomodar a ela as situacións nacidas ó amparo de lexislacións anteriores.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1993, do 23 de febreiro; reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei, a Lei de regulación das augas minerais, termais, de manancial e dos establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

TÍTULO I

 

Obxecto e ámbito de aplicación

 

1. A presente lei ten como obxecto a regulación das augas minerais, termais e de manancial que teñan o seu lugar de nacemento ou alumeamento situado dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Igualmente, é obxecto desta lei, dentro do ámbito territorial sinalado, a regulación dos establecementos balnearios.

 

TÍTULO II

 

Da clasificación das augas minerais,

termais e de manancial e do seu

aproveitamento

 

CAPÍTULO I

 

Clasificación, das augas minerais, termais

e de manancial

 

2. Para os efectos da presente lei, as augas reguladas nela clasifícanse en tres grupos: minerais, termais e de manancial.

l. Augas minerais. Estas, á súa vez, clasifícanse en:

a) Augas minero-medicinais: as nacidas natural ou artificialmente e que polas súas características e cualidades sexan declaradas de utilidade pública e sexan aptas para tratamentos terapéuticos.

b) Augas minero-industriais: as que permiten o aproveitamento racional das substancias que conteñan, entendéndose incluídas as augas tomadas do mar para estes efectos.

c) Augas minerais naturais: aquelas bacteriolóxicamente sas que teñan a súa orixe nun estrato ou depósito subterráneo e que abrollen dun manancial nun ou en varios puntos de nacemento naturais ou perforados. Estas augas poden distinguirse claramente das restantes augas potables pola súa natureza e pureza orixinal, caracterizadas polo seu contido en minerais, oligoelementos e, en ocasións, por determinados efectos favorables.

2. Augas termais: son aquelas augas nas que a súa temperatura de xurdimento sexa superior, polo menos, en catro graos centígrados á media anual do lugar en que nazan.

3. Augas de manancial: aquelas de orixe subterránea que emerxen espontaneamente na superficie da terra ou se captan mediante labores practicados para o efecto, coas características naturais de pureza que permiten o seu consumo.

 

CAPÍTULO II

 

Aproveitamento das augas minerais,

termais e de manancial

 

SECCIÓN 1ª

 

Declaración da condición de mineral ou

termal das augas e recoñecemento do

dereito á utilización de tales

denominacións

 

3. Para os efectos do previsto na lexislación básica de minas, o órgano competente para a declaración de mineral ou termal e o recoñecemento do dereito á utilización das denominacións, segundo o caso, das augas minerais e termais será a Consellería que teña a competencia en materia de industria, e esta declaración e recoñecemento será requisito previo para a utilización do seu aproveitamento como tal.

 

4. 1. Nos expedientes para a declaración ou o recoñecemento escoitaranse os órganos competentes en cada caso da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Para o caso de augas minero-medicinais, minerais naturais ou termais para usos terapéuticos, será solicitado o informe, que terá carácter vinculante, da consellería competente en materia de sanidade.

 

5. O expediente iniciarase de oficio ou a instancia do interesado. A dita iniciación notificaráselle ó propietario do terreo onde emerxan as augas, para o seu coñecemento e para os efectos oportunos, e será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

6. 1. Unha vez efectuada a declaración ou o recoñecemento, quen iniciase o expediente dispoñerá dun prazo de un ano, desde a notificación da resolución causante, para solicita-la concesión ou autorización administrativa de aproveitamento.

2. Realizados de oficio a declaración ou o recoñecemento, ou non solicitado o aproveitamento segundo se indica no número anterior, o órgano competente poderá outorga-lo dito aproveitamento mediante concurso público.

 

7. A perda da condición de mineral ou termal ou do dereito á utilización da denominación das augas de que se trate declararase mediante orde motivada do conselleiro competente en materia de industria, logo de informe vinculante da Consellería que teña a competencia en materia de sanidade cando se trate de augas minero-medicinais, minerais naturais ou termais para usos terapéuticos. A devandita orde motivada será publicada no Diario Oficial de Galicia.

 

SECCIÓN 2ª

 

Recoñecemento do dereito á utilización da

denominación auga de manancial

 

8. O recoñecemento do dereito de utilización da denominación auga de manancial declararase mediante orde do conselleiro competente en materia de industria, e será requisito previo para a utilización do seu aproveitamento como tal.

Será requisito previo para o recoñecemento de utilización da denominación de auga de manancial a obtención da correspondente autorización ou concesión, se é o caso, de aproveitamento das augas do órgano competente en materia de dominio público hidráulico, de acordo co previsto na Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas, e no seu regulamento.

 

9. l. Nos expedientes para o recoñecemento ou a declaración de auga de manancial escoitaranse os órganos competentes da Comunidade Autónoma na materia, así como aqueles ós que fai referencia a lexislación básica estatal.

2. Igualmente, será solicitado informe, que terá carácter vinculante, da Consellería competente en materia de sanidade.

 

10. O expediente iniciarase de oficio ou a instancia do interesado. A dita iniciación notificaráselle ó propietario do terreo onde emerxan as augas, para o seu coñecemento e para os efectos oportunos, e será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.

 

11. 1. Efectuado o recoñecemento da denominación, quen iniciase o expediente terá un prazo de un ano, desde a notificación da resolución, para solicita-la concesión ou autorización administrativa, se é o caso, de aproveitamento.

2. Realizado de oficio o recoñecemento á denominación, ou non solicitado o aproveitamento segundo se indica no apartado anterior, o órgano competente poderá outorga-lo dito aproveitamento mediante concurso público.

 

12. A perda do dereito á utilización da denominación augas de manancial realizarase mediante orde motivada do conselleiro competente en materia de industria, logo de informe vinculante da consellería que teña a competencia en materia de sanidade. A devandita orde motivada será publicada no Diario Oficial de Galicia.

 

SECCIÓN 3ª

 

Condicións xerais de aproveitamento

 

13. l. Para exerce-lo dereito ó aproveitamento das augas minerais, térmais e de manancial, deberase solicita-la oportuna concesión administrativa, presentando un proxecto xeral de aproveitamento, composto polos documentos que regulamentariamente se establezan, e fixando, ademais, un perímetro de protección para a conservación do acuífero, definido por coordenadas xeográficas referidas ó meridiano de Greenwich.

2. Ademais doutras condicións que se fixen regulamentariamente, para exerce-lo dereito de aproveitamento das augas ás que se refire a presente lei deberá solicitarse a oportuna concesión administrativa, presentando o proxecto xeral de aproveitamento, o presuposto dos investimentos que se van realizar e o plan de viabilidade. Así mesmo, solicitarase un perímetro de protección tendente á conservación do acuífero e un estudio xustificando a necesidade del e a delimitación proposta.

O dito perímetro de protección, definido por coordenadas xeográficas referidas ó meridiano de Greenwich, estará constituído por tres zonas, que limitarán as actividades que se pretendan levar a cabo nelas: zona de restriccións máximas, zona de restriccións medias e zona de restriccións mínimas. As tres zonas estableceranse en función do que se denomina «tempo de tránsito», que se define como o tempo que transcorre entre a entrada dunha substancia no seo do acuífero e a súa extracción pola captación.

Ó inicio do aproveitamento das augas, o titular do dereito deberá dispoñer dos terreos que comprendan a zona de restriccións máximas.

 

14. 1. No caso de que o aproveitamento sexa outorgado mediante concesión administrativa, terá un prazo de vixencia de trinta anos, prorrogable como máximo por outros dous prazos iguais, agás que remate con anterioridade, nos supostos previstos na presente lei.

2. O titular da concesión deberá solicita-la prórroga con anterioridade mínima de un ano ó remate do prazo de vixencia.

3. Calquera explotación das augas obxecto da presente lei que non obtivese a necesaria concesión ou autorización, se é o caso, será considerada ilegal e o organismo competente ordenará a inmediata paralización dela, que se manterá en tanto non se legalizase a súa situación, sen prexuízo das sancións a que haxa lugar.

 

15. A ampliación, restricción, parálización ou calquera outra modificación dun aproveitamento ou das súas instalacións, ben sexa en réxime de concesión ou de autorización, requirirá a previa autorización administrativa ou nova concesión, se é o caso.

 

16. O titular dun aproveitamento das augas reguladas na presente lei estará obrigado a inicia-la explotación no prazo de un ano, contado a partir da data na que estean debidamente autorizadas as instalacións.

Así mesmo, dentro do mes de xaneiro e con carácter cuadrienal, este deberá presentar ante o órgano competente un plan de aproveitamento.

O primeiro plan de aproveitamento presentarase dentro do mes de xaneiro do cuarto ano posterior ó da obtención da concesión ou autorización, se é o caso, de tal aproveitamento.

 

17. l. A concesión ou autorización, se é o caso, de aproveitamento das augas aquí reguladas outórgalle ó seu titular o dereito exclusivo a utilizalas nas condicións que regulamentariamente se fixen. O órgano competente, a instancias do titular, proverá as medidas precisas para impedir que se realicen, no perímetro de protección autorizado, traballos ou actividades que puide-sen prexudica-lo normal aproveitamento das augas.

2. Calquera dos traballos ou das actividades a que se refire o número anterior deberá contar, previamente, coa autorización do órgano competente.

3. O titular terá dereito ó aproveitamento das augas que se atopen dentro do perímetro de protección autorizado, logo de incoación dos oportunos expedientes de declaración ou recoñecemento e aproveitamento.

 

18. 1. Os dereitos que outorga unha concesión ou autorización, se é o caso, de aproveitamento poderán serlle transmitidos, alugados ou gravados, en todo ou en parte, por calquera medio admitido en dereito, logo de autorización administrativa, a calquera persoa que reúna as condicións que esixe a lexislación básica de minas e mediante o procedemento que nesta se establece.

2. As autorizacións ou concesións de aproveitamento terán unicamente efectos administrativos, deixando a salvo dereitos e obrigas de carácter civil.

 

19. As concesións ou autorizacións de aproveitamento declararanse extinguidas, se é o caso, mediante resolución do órgano outorgante nos seguintes supostos:

1) Por renuncia voluntaria do titular, aceptada pola Administración.

2) Pola perda da condición de mineral ou termal ou do recoñecemento de augas de manancial das augas de que se trate.

3) Polo esgotamento do recurso.

4) Pola diminución do caudal do acuífero que impida a súa explotación nas condicións establecidas na autorización ou concesión outorgada.

5) Polo remate do plazo polo que foi outorgada a concesión ou as prórrogas sucesivas.

6) Pola contaminación irreversible do acuífero.

7) Por manter paralizados os traballos de aproveitamento máis de un ano sen autorización administrativa.

8) Por incumprimento das condicións impostas na concesión ou autorización, se é o caso.

9) Polos restantes supostos previstos nesta lei que leven aparellada a extinción.

Nos supostos recollidos nos puntos 2, 4, 6 e 8, precisarase informe da consellería competente en materia de sanidade, que será vinculante, cando se trate de augas minero-medicinais, minerais naturais, termais para usos terapéuticos ou augas de manancial.

En calquera caso, o órgano competente daralle conta ó de sanidade das extincións de aproveitamentos de augas minero-medicinais, termais para usos terapéuticos e minerais naturais ou de manancial.

 

20. 1. Declarada a extinción dunha concesión ou autorización, se é o caso, e sempre que non se debese á perda das condicións ou características que serviron de base para o seu aproveitamento, o órgano competente poderá concede-lo aproveitamento mediante concurso público, de acordo co procedemento establecido nesta lei e nas normas regulamentarias que a desenvolvan.

2. A extinción dun aproveitamento de augas destinadas a usos terapéuticos levará implícita a retirada das autorizacións de funcionamento como establecemento balneario.

3. Para o abandono dun aproveitamento haberá que aterse ó disposto na lexislación básica de minas.

 

21. Na consellería competente en materia de industria créase o rexistro de Augas Minerais, Termais e de Manancial, no que se inscribirán de oficio as declaracións ou os recoñecementos, así como os aproveitamentos legalmente constituídos. Este rexistro terá carácter público e das inscricións practicadas poderase solicitar certificación, que será medio de proba do contido rexistral.

 

TÍTULO III

 

Dos establecementos balnearios e das

instalacións industriais

 

22. 1. Os establecementos balnearios son aqueles que, estando dotados dos medios axeitados, utilizan as augas minero-medicinais declaradas de utilidade pública con fins terapéuticos e preventivos para a saúde. Consideraranse establecementos sanitarios e, como tales, quedan suxeitos ó disposto na lexislación sanitaria.

2. Correspóndelle á Consellería competente en materia de sanidade a competencia para establece-los requisitos técnicos é as condicións sanitarias mínimas de apertura de balnearios, así como o procedemento para outorga-la autorización sanitaria previa en canto á súa creación, modificación ou peche.

Para os efectos da presente lei, as instalacións que non cumpran os requisitos establecidos non poderán te-la denominación de balneario.

3. Estes establecementos poderán dispoñer de instalacións de complemento turístico, de lecer e industriais, que quedarán sometidas ás súas normativas específicas.

 

TÍTULO IV

 

Da Xunta Asesora

 

23. Créase a Xunta Asesora de Augas Minerais, Termais, de Manancial e de Establecementos Balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia, da que se determinarán á súa composición e funcionamento regulamentariamente.

 

24. As funcións da Xunta Asesora serán as seguintes:

a) Asesora-la Administración autonómica no relativo ás augas minerais, termais, de manancial, balneoterapia e promoción dos complexos balnearios.

b) Promover estudios e elaborar plans conducentes ó mellor e máis racional aproveitamento das augas reguladas pola presente lei.

c) Propoñerlle á Administración autonómica disposicións e actuacións dirixidas ó fomento, protección, promoción e comercialización das augas reguladas pola presente lei.

d) Aqueloutras análogas que regulamentariamente se determinen.

 

TÍTULO V

 

CAPÍTULO I

 

Da competencia administrativa

 

25. 1. O exercicio da competencia en materia das augas reguladas pola presente lei corresponderalles á Consellería competente en materia de industria e, segundo os casos, ó órgano competente en materia de dominio público hidráulico, sen prexuízo das facultades que poidan corresponderlles ós órganos que a teñan en materia sanitaria e turística.

2. A consellería que teña a competencia en materia de industria ou, se é o caso, o órgano competente poderán suspender provisionalmente e mediante resolución motivada a actividade do aproveitamento, en todo ou en parte, nos casos de urxencia en que perigue a saúde ou a seguridade das persoas, a integridade da superficie, a conservación do recurso en cantidade ou calidade ou das instalacións ou a protección do ambiente, sen prexuízo dos dereitos económicos e laborais que, fronte ó titular da explotación, puidesen corresponderlle ó persoal afectado; esta suspensión manterase en tanto persistan as circunstancias que a motivaron ou non se adopte resolución definitiva.

 

CAPÍTULO II

 

Das infraccións e sancións

 

26. 1. As infraccións ó contido na presente lei clasifícanse en leves, graves e moi graves:

1.1. Son infraccións leves:

a) A presentación do plan cuadrienal de aproveitamento fóra do prazo establecido, pero dentro do primeiro semestre do ano que corresponda.

b) O incumprimento das obrigas formais derivadas da presente lei.

c) O incumprimento das prescricións impostas.

d) En xeral, calquera incumprimento do disposto na presente lei que non estea tipificado como falta grave ou moi grave.

1.2. Son infraccións graves:

a) Non comeza-lo aproveitameto no prazo establecido no artigo 16 da presente lei.

b) Levar a cabo modificacións, ampliacións, restriccións ou paralizacións do aproveitamento sen a previa autorización ou nova concesión, se é o caso.

c) O incumprimento dos plans cuadrienais de aproveitamento.

d) A presentación do plan cuadrienal de aproveitamento fóra de prazo, pero dentro do segundo semestre do ano que corresponda.

e) A utilización das augas para fins distintos ós autorizados, agás ó previsto no apartado 1.3.d).

f) A transmisión dos dereitos que outorga a concesión ou autorización, se é o caso, de aproveitamento sen a previa autorización administrativa.

g) A reiteración de infraccións leves.

1.3. Son infraccións moi graves:

a) O incumprimento das condicións impostas no outorgamento do aproveitamento.

b) A deterioración significativa en calidade ou cantidade do acuífero por causas imputables ó titular ou explotador.

c) A falta de presentación do plan cuadrienal de proveitamento ou a súa presentación fóra do primeiro ano que corresponda.

d) A utilización das augas para fins distintos ós autorizados, cando poida afectar á saúde das persoas.

e) A reiteración de infraccións graves.

2. As infraccións administrativas ás que se refire a presente lei prescribirán nos seguintes prazos, contados desde a comisión do feito ou desde a súa detección:

a) Seis meses, no caso de infraccións leves.

b) Un ano, no caso de infraccións graves.

c) Dous anos, no caso de infraccións moi graves.

3. Entenderase que existe reiteración cando se cometesen dúas ou máis infraccións do mesmo grao que fosen obxecto de sanción antes de remata-lo seu período de prescrición.

 

27. 1. As infraccións tipificadas no artigo anterior serán sancionadas, logo de incoación do oportuno expediente, de acordo coa seguinte graduación:

a) Infraccións leves: multa de ata 100.000 pesetas.

b) Infraccións graves: multa desde 100.001 ata 1.000.000 de pesetas.

c) Infraccións moi graves: multa desde 1.000.001 ata 10.000.000 de pesetas. Nestes casos, poderá decretarse, ademais, unha suspensión da concesión ou autorización, se é o caso, de aproveitamento de ata seis meses ou a extinción da dita concesión ou autorización.

2. A competencia para impoñe-las sancións corresponderá:

a) Infraccións leves: ó delegado provincial da Consellería competente en materia de industria ou ó órgano competente en materia de dominio público hidráulico, segundo o caso.

b) Infraccións graves: ó director xeral competente en materia de industria ou ó órgano competente en materia de dominio público hidráulico, segundo o caso.

c) Infraccións moi graves: ó conselleiro competente en materia de industria ou ó órgáno competente en materia de dominio público hidráulico, segundo o caso.

As sancións superiores a 5.000.000 de pesetas e, en todo caso, a extinción da concesión ou autorización, se é o caso, de aproveitamento acordaraas o Consello da Xunta de Galicia.

 

28. 1. Para a graduación das sancións terase en conta o grao de repercusión da infracción no aproveitamento autorizado, a súa transcendencia respecto de persoas e bens, a participación e o beneficio obtido, a intencionalidade do infractor, así como a deterioración producida na calidade do recurso.

2. Terase en conta, igualmente, na graduación da sanción o feito de que durante a tramitación do expediente e antes de recaer resolución definitiva se acreditase; por algún dos medios válidos en dereito, que se repararon os defectos que deron orixe á iniciación do procedemento de que se trate.

3. A sanción de suspensión da concesión ou autorización, se é o caso, de aproveitamento entenderase sen prexuízo dos intereses e dereitos laborais dos traballadores, así como da obrigatoriedade de cotizar á Seguridade Social.

 

29. l. As infraccións en materia sanitaria, turística ou industrial serán sancionadas conforme o previsto na normativa específica que resulte aplicable.

2. Cando unha mesma conducta resulte sancionable consonte a esta lei e outras, que lle corresponda aplicar á Administración autonómica, resolveranse os expedientes sancionadores correspondentes, impoñendo unicamente a sanción máis gravosa.

 

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

 

Primeira.- Dos informes dos órganos consultivos:

l. Os informes preceptivos que se prevén na presente lei deberán ser emitidos no prazo máximo dun mes, e serán considerados favorables de non seren emitidos no prazo sinalado.

2. Os informes vinculantes deberán ser emitidos no prazo máximo de dous meses; transcorrido o dito prazo sen seren emitidos, e reiterada a petición, entenderanse favorables de non se emitiren no prazo de un mes.

 

Segunda.- Para que os titulares poidan acollerse ós beneficios e ás axudas de calquera tipo que se establezan para o fomento do sector, as concesións ou autorizacións, se é o caso, de aproveitamento deberán estar inscritas no Rexistro de Augas Minerais, Termais e de Manancial a que se refire a presente lei.

 

Terceira.- Os servicios administrativos e profesionais relacionados coas augas minerais, termais e de manancial recollidos na presente lei darán lugar á exacción das taxas que lles sexan aplicables nos termos previstos no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3° do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, precios e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, e en concreto as previstas para actuacións sobre dereitos mineiros e de augas minerais.

 

Cuarta.- En todo o que non se prevexa na presente lei, será aplicable o disposto na lexislación estatal de minas.

Garántenselles ós titulares de aproveitamentos de augas definidas na presente lei os dereitos adquiridos que se acrediten conforme a Lei 22/1973, de minas, o Real decreto do 25 de abril de 1928, polo que se aproba o Estatuto de explotación de mananciais de augas minero-medicinais, e o Real decreto 1.164/1991, do 22 de xullo, polo que se aproba a regulamentación técnico-sanitaria para a elaboración, circulación e comercio das augas de bebida envasadas.

 

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 

Primeira.- l. Os titulares dos aproveitamentos que fosen explotados á entrada en vigor da presente lei dispoñen dun prazo de un ano para acreditar, ante a consellería competente en materia de industria, os seguintes extremos:

a) A existencia dunha declaración de mineral ou termal dos caudais aproveitados ou ben as características das augas, con base nas cales se outorgou a citada declaración ou autorización de aproveitamento.

b) A existencia dunha autorización ou concesión de aproveitamento a favor do interesado, se é o caso.

2. Unha vez comprobadas e conformes as acreditacións, a Consellería competente en materia de industria verificará as permanencias das características que motivaron a declaración. No caso de augas minero-medicinais, termais para usos terapéuticos, minerais naturais e de manancial, precisarase o informe da consellería competente en materia de sanidade, que será vinculante.

3. Verificada a permanencia das características das augas, a Consellería competente en materia de industria comunicaralle ó interesado tal circunstancia e inscribirá de oficio o aproveitamento no rexistro correspondente.

4. Aquelas explotacións nas que non se poida acredita-lo recollido no punto 1 serán declaradas ilegais para os efectos desta lei.

 

Segunda.- Se o interesado acreditase a existencia dunha declaración de condición de mineral das augas, pero non a súa concesión ou autorización, se é o caso, para o aproveitamento, deberá solicitala conforme o procedemento establecido na presente lei.

 

Terceira.- Nos expedientes para a declaración ou o recoñecemento de denominación tamén se solicitará informe do Instituto Tecnolóxico Xeomineiro de España, en tanto non exista organismo equivalente na Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Cuarta.- En tanto que regulamentariamente non se determine outro procedemento, os expedientes de aproveitamento destas augas tramitaranse e resolveranse conforme o que se establece na lexislación básica de minas, que tamén lle será aplicable.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 

Primeira.- Autorízaselle ó Consello da Xunta de Galicia o desenvolvemento regulamentario da presente lei, que deberá efectuarse no prazo de un ano desde á súa entrada en vigor.

 

Segunda.- A presente lei entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.