Decreto 178/1994, do 16 de xuño, polo que se desenvolve a estructura organizativa do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela[1].
 
Polo Decreto 71/1993, do 18 de marzo, creábase o Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela e establecíase a súa estructura organizativa. Nel sinalábase a temporalidade da dita estructura mentres a Consellería de Sanidade non procedese ó estudio e dimensionamento de detalle no complexo hospitalario que por tal decreto se creaba.

 

O feito singularísimo que supón a creación dun complexo hospitalario que nace como estructura que organiza e coordina os catro hospitais que o conforman, aconsella regular, inicialmente polo menos, a súa estructura de xeito singular, debendo excepcionarse, polo tanto, a estructura establecida con carácter xeral para os hospitais do Sergas polo Decreto 148/1991, do 2 de maio.

 

Así, o complexo hospitalario, con actividades asistenciais e investigadoras, disporá dunha estructura organizativa que facilite o desenvolvemento das súas funcións. Esta nova estructura de dirección precisa ser dotada dunha flexibilidade que garanta e facilite a súa adaptabilidade para obte-lo máximo rendemento dos recursos existentes. A nova organización debe constituírse cuns órganos comúns para todo o complexo hospitalario con funcións executivas e de coordinación, do mesmo xeito que, dada a separación dos hospitais que o conforman, a estructura debe establecer, con dependencia directa do máximo responsable do complexo hospitalario, un responsable inmediato en cada un dos centros.

 

Preténdese, en definitiva, garantir que se teña en conta adecuadamente o volume e diversidade dos recursos humanos e que se adopten solucións organizativas eficaces ante a dispersión dos centros e recursos da área.

 

Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 34.4 da Lei 1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, tralo informe das consellerías de Economía e Facenda e Presidencia e Administración Pública, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xuño de mil novecentos noventa e catro,

 

DISPOÑO:

 

1. Estructura directiva.

1.1.Órganos unipersoais:

A. Á fronte do Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela existirá un xerente xeral.

B. Dependendo xerárquicamente do xerente xeral existirán os seguintes órganos:

- O director operativo.

- O director de Recursos Humanos e Relacións laborais.

- O director de Recursos Económicos e de Servicios Xerais.

- O director de Organización e Sistemas.

- Os directores de centro.

C. Con dependencia do director operativo e dos directores de centro, existirán as subdireccións. Con dependencia do director operativo, existirán unha Dirección de Enfermería que poderá contar con subdireccións.

1.2. Órganos colexiados:

A. Créase así mesmo, como órgano colexiado de dirección, a Comisión de Dirección da que dependerán a Subcomisión de Contratación e a Subcomisión de Recursos Humanos.

B. Créase tamén, como órgano consultivo e de asesoramento, a Comisión de Aseguramento da Calidade.

 

2. Xerente xeral.

2.1. O xerente xeral, que é o responsable da asistencia especializada da área de Santiago de Compostela, será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais. O dito posto proverase a través do procedemento de libre designación mediante convocatoria pública, entre os que posúan titulación superior universitaria e se encontren vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estatutaria ou laboral. Tamén se poderá prover mediante a formalización do contrato laboral previsto no Real decreto 1.382/1985, do 1 de agosto, logo de convocatoria pública no D.O.G., na que figuren como requisitos mínimos posuír titulación superior universitaria e non encontrarse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas ou profesionais.

2.2. Corresponderalle o exercicio das seguintes funcións:

- A execución das directrices sinaladas pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e polo Servicio Galego de Saúde.

- A representación do complexo hospitalario.

- A proposta dos obxectivos do complexo hospitalario.

- A proposta, definición e execución das estratexias do complexo hospitalario.

- A programación, dirección e control da execución da actividade do complexo hospitalario, a través dos seus medios materiais e persoais e a coordinación das súas unidades.

- A proposta do anteproxecto de orzamento do complexo hospitalario e a ordenación dos pagamentos dentro de seu orzamento de gastos.

- A proposta dos plans anuais de actividade asistencial, económica e investigadora e docente do complexo hospitalario.

- A proposta de nomeamento e cesamento dos postos directivos do complexo hospitalario. 
- A presentación dunha memoria anual de actividades e dos informes periódicos que estime conveniente ou lle sexan solicitados.

- A proposta, se é o caso, dos incentivos do persoal.

- A coordinación coa Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.

- Outras funcións que lle poidan ser delegadas polos órganos competentes.

 

3. Director operativo.

3.1. O director operativo será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais por proposta do xerente xeral. O dito posto proverase a través do procedemento de libre designación mediante convocatoria pública, entre os que posúan titulación superior universitaria e se encontren vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estatutaria ou laboral. Tamén se poderá prover mediante a formalización do contrato laboral previsto no Real decreto 1.382/1985, do 1 de agosto, logo de convocatoria pública no D.O.G., na que figuren como requisitos mínimos posuír titulación superior universitaria e non encontrarse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas ou profesionais.

3.2. Corresponderalle, respecto do complexo hospitalario, o exercicio das seguintes funcións:

- A definición do catálogo asistencial.

- A dirección e avaliación da actividade asistencial.

- O desenvolvemento dos programas de control de calidade asistencial.

- A coordinación e dirección do sistema de xestión departamental.

- A proposta de coordinación coa atención primaria da área.

-A suplencia do xerente xeral nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante, así como o exercicio das funcións que aquel lle puidese delegar.

 

4. Director de Recursos Humanos e Relacións Laborais.

4.1. O director de Recursos Humanos e Relacións Laborais será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais por proposta do xerente xeral. O dito posto proverase a través do procedemento de libre designación mediante convocatoria pública, entre os que posúan titulación universitaria e se encontren vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estaturaria ou laboral. Tamén se poderá prover mediante a formalización do contrato laboral previsto no Real decreto 1.382/1985, do 1 de agosto, logo de convocatoria pública no D.O.G., na que figuren como requisitos mínimos posuír titulación superior universitaria e non encontrarse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas ou profesionais.

4.2. Corresponderalle, respecto do complexo hospitalario, o exercicio das seguintes funcións:

- O desenvolvemento da política de persoal e das relacións laborais.

- O deseño, dirección, avaliación e control dos plans de desempeño, promoción e incentivación do persoal.

- O deseño, implantación, dirección e control dos procesos de Administración e xestion do persoal.

- A avaliación, segundo os criterios establecidos polas direccións respectivas, dos rendementos e capacitación do persoal.

- A coordinación e aseguramento da formación continuada do persoal.

 

5. Director de Recursos Económicos e de Servicios Xerais.

5.1. O director de Recursos Económicos e de Servicios Xerais será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais por proposta do xerente xeral. O dito posto proverase a través do procedemento de libre designación mediante convocatoria pública, entre os que posúan titulación superior universitaria e se encontren vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estaturaria ou laboral. Tamén se poderá prover mediante a fomalización do contrato laboral previsto no Real decreto 1.382/1985, do 1 de agosto, logo de convocatoria pública no D.O.G., na que figuren como requisitos mínimos posuír titulación superior universitaria e non encontrarse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas ou profesionais.

5.2. Corresponderalle, respecto do complexo hospitalario, o exercicio das seguintes funcións.

- A proposta, dirección, avaliación e control dos plans económicos.

- A proposta e dirección da contratación das obras, servicios e subministracións.

- A dirección económica.

- A proposta de pagamentos.

- O deseño, implantación, dirección e control dos sistemas de subministracións, alimentación, lavandería, limpeza e comunicacións.

- O deseño do orzamento dos departamentos.

- A elaboración do anteproxecto de orzamento.

- A asistencia técnico-administrativa ás demais direccións do complexo hospitalario.

 

6. Director de Organización e Sistemas.

6.1. O director de Organización e Sistemas será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais por proposta do xerente xeral. O dito posto proverase a través do procedemento de libre designación mediante convocatoria pública, entre os que posúan titulación superior ou de grao medio universitaria e se encontren vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estaturaria ou laboral. Tamén se poderá prover mediante a formalización do contrato laboral previsto no Real decreto 1.382/1985, do 1 de agosto, logo de convocatoria pública no D.O.G., na que figuren como requisitos mínimos posuír titulación superior ou grao medio universitaria e non encontrarse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas ou profesionais.

6.2. Corresponderalle, respecto do complexo hospitalario, a execución das seguintes funcións.

- O deseño, impulso, implantación e avaliación das novas unidades.

- O deseño, impulso, dirección e control do sistema de información e informática.

- O deseño do sistema de xestión departamental.

- A proposta de novos modelos organizativos.

- Cooperar no deseño das estratexias organizativas do complexo hospitalario.

 

7. Directores de centro.

7.1. En cada un dos dous centros que contitúen o complexo hospitalario, Hospital Xeral de Galicia-Gil Casares e Hospital Médico Cirúrxico e Psiquiátrico de Conxo, existirá un director de centro que será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais por proposta do xerente xeral. O dito posto proverase a través do procedemento de libre designación mediante convocatoria pública, entre os que posúan titulación superior universitaria e se encontren vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estaturaria ou laboral. Tamén se poderá prover mediante a formalización do contrato laboral previsto no Real decreto 1.382/1985, do 1 de agosto, logo de convocatoria pública no D.O.G., na que figuren como requisitos mínimos posuír titulación superior universitaria e non encontrarse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas ou profesionais.

7.2. Corresponderalles, respecto do complexo hospitalario, o exercicio das seguintes funcións.

- A representación do centro.

- A proposta dos plans de actuación.

- A programación, dirección e control da execución da actividade asistencial, investigadora e docente.

- A proposta dos obxectivos departamentais do complexo hospitalario.

- A execución dos programas do control de calidade asistencial.

- A execución da política de persoal, a asignación de incentivos e a formación continuada do persoal.

- A execución e control do sistema de información.

- A presentación das previsións e liquidacións orzamentarias anuais do centro á Dirección de Recursos Económicos e de Servicios Xerais do complexo hospitalario.

 

7bis. Dirección de Enfermería.

1. O director de Enfermería será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, por proposta do xerente xeral. O dito posto proverase a través do procedemento de libre designación, mediante convocatoria pública, entre os que posúan a titulación media adecuada e se atopen vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estatutaria ou laboral.

2. O director de Enfermería exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación e xestión das unidades e servicios adscritos á súa dirección, realizando o seguimento e avaliación do seu funcionamento e propoñendo, cando así o considere conveniente, as medidas oportunas tendentes a logra-la mellor prestación da asistencia por parte deles.

b) A promoción e impulso das actividades asistenciais, docentes e investigadoras, desenvolvidas polo persoal de enfermería realizando o seguimento e avaliación permanente delas.

c) O exercicio de tódalas funcións e competencias que lle sexan expresamente delegadas ou encomendadas polo director operativo.

 

8. A Subdirección de Investigación e Docencia.

8.1. O subdirector de Investigación e Docencia, con dependencia directa do director operativo, será nomeado polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais de entre unha terna proposta polo rector da Universidade de Santiago de Compostela. O dito posto proverase a través do procedemento de libre designación mediante convocatoria pública, entre os que posúan titulación superior universitaria e pertenzan ó cadro de profesores da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela.

8.2. Correponderanlle, en actuación coordinada coa Dirección Operativa e os directores de centro, as seguintes funcións:

- A proposta e avaliación das liñas prioritarias de investigación do complexo hospitalario.

- A definición e avaliación dos plans docentes.

 

9. As subdireccións.

9.1. Os subdirectores, en número de seis, serán nomeados polo conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais por proposta do xerente xeral. O dito posto proverase a través do procedemento de libre designación mediante convocatoria pública, entre os que posúan titulación superior ou de grao medio universitaria e se encontren vinculados a calquera Administración pública por unha relación funcionarial, estatutaria ou laboral.

9.2. As subdireccións exercerán as seguintes competencias:

-A dirección e execución da actividade asistencial.

-A execución do programa do control de calidade.

-A execución do sistema de información.

-Aqueloutras que lles deleguen os directores.

 

10. Comisión de Dirección.

10.1. A Comisión de Dirección é o órgano colexiado de dirección do complexo hospitalario. Reunirase con periodicidade mínima semanal e estará composta polos seguintes membros:

Presidente: o xerente xeral.

Vocais: o director operativo.

- O director de Recursos Humanos e Relacións Laborais.

- O director de Recursos Económicos e de Servicios Xerais.

- O director de Organización e Sistemas.

- Os directores do centro.

10.2. Corresponderalle, respecto do complexo hospitalario, o exercicio das seguintes funcións:

- A análise e seguimento dos plans asistenciais, docentes e investigadores.

- A análise e seguimento dos plans económicos e en materia de persoal.

- A análise e seguimento do control da calidade.

- A análise das propostas de nova organización das unidades.

 

11. Subcomisión de Contratación.

11.1. A Subcomisión de Contratación, órgano con competencias en materia de contratación no complexo hospitalario, estará integrada polos seguintes membros:

Presidente: o director de Recursos Económicos e de Servicios Xerais ou persoa na que delegue.

Vocais: o director operativo ou persoa en quen delegue.

- Os directores de centro ou persoas nas que delegue.

- Os xefes de servicio e supervisores dos laboratorios.

11.2. Son funcións da Comisión de Contratación a análise, seguimento e propostas de contratacións de obras, subministracións e todo tipo de servicios no complexo hospitalario.

 

12. Subcomisión de Recursos Humanos.

12.1. A subcomisión de Recursos Humanos, con competencias en materia de contratación de persoal no complexo hospitalario, estará integrada polos seguintes membros:

Presidente: o director de Recursos Humanos e Relacións Laborais.

Vocais: o director operativo ou persoa en quen delegue.

- Os directores de centro ou persoas nas que delegue.

12.2. Son funcións desta comisión a análise, seguimento e propostas en materia de persoal e de ralacións laborais do complexo hospitalario.

 

13. Comisión de Aseguramento da Calidade.

13.1. A Comisión de Aseguramento da Calidade é o órgano consultivo e de asesoramento en materia de control de calidade do complexo hospitalario.

Estará composta polos seguintes membros:

Presidente: o director operativo.

Vocais: o subdirector de Investigación e Docencia.

-Os presidentes de cada unha das subcomisións de Aseguramento da Calidade que se formen.

 

DISPOSICIÓNS TRANSITORIAS

 
Primeira. 1. Dado o carácter de hospital clínico universitario que actualmente posúe o Hospital Xeral de Galicia-Gil Casares, en tanto non se asine o convenio ó que fai referencia a disposición adicional do Decreto 71/1993, do 18 de marzo, o Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela terá a consideración de clínico universitario, para efectos docentes e investigadores.

2. Igualmente, mentres non se asine o convenio citado o subdirector de Docencia e Investigación formará parte da Comisión de Dirección do complexo prevista no artigo 10 do presente decreto.

Segunda. Mentres non se provean tódolos postos previstos neste decreto poderán permanecer os da actual estructura.

 

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

 
Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó disposto neste decreto.

 

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

 
Primeira. A estructura orgánica que se establece neste decreto non suporá incremento de gasto.

 

Segunda. Autorízase ó conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do disposto neste decreto.

 

Terceira. O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.



[1] Modificado polo Decreto 57/2000, do 16 de marzo, que xustifica a modificación do seguinte xeito: “A experiencia acumulada nestes anos coa anterior estructura orgánica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela aconsella unha modificación dela, creando unha Dirección de Enfermería que permitirá darlle un pulo á coordinación e xestión das actividades de enfermería.

 

Esta modificación na estructura organizativa do centro dotarao de maior flexibilidade e facilitará o mellor desenvolvemento das súas funcións co obxecto de garantir unha maior adaptabilidade para obte-lo máximo rendemento dos recursos existentes.

 

Preténdese, en definitiva, garantir que se teña en conta adecuadamente o volume e diversidade dos recursos humanos e que se adopten solucións organizativas eficaces ante a dispersión dos centros e recursos da área.”